Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

Versos redeiros

as redes de inésA ritmo de romanciño van os versos de Elvira Riveiro cosendo unha historia de recoñecemento e memoria das redeiras, infatigables traballadoras que fan da agulla e a lanzadeira compañas amigas coas que tecer as cordas do mar e ir lembrando historias dos devanceiros, angueiras do presente, inquedanzas futuras.

Así se tecen As redes de Inés, páxinas ganduxadas a xeito de álbum para os máis noviños (o Merliño de Xerais dálles acubillo) cos collages de Fino Lorenzo por sinal.

Lírica para os soños, tamén para os recordos, escrita da emoción, da palabra que se deita para que ninguén esqueza, para visibilizar, para a homenaxe necesaria.

Para os pequenos grandes e os adultos de máis noviño corazón, As redes de Inés pespuntan ilusións, lembranzas e sorrisos dende un peirao dos versos máis emocionados que Riveiro maxinou e Lorenzo colorou.

17 poetas do 21

Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.

Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.

A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.

Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.

Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.

Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.

As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.

Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.

A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.

Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.

Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]

A Elena Poniatowska galega

A da escritora Elena Poniatowska (París, 1932) é unha vida de película dende o mesmo berce: nacida co título de princesa Hélène Elizabeth Louise Amélie Paula Dolores Poniatowska Amor, descende dunha familia emparentada co derradeiro rei polaco e aínda xenerais que dirixiron, xunto a Napoleón, a ofensiva contra Moscova.

Tivo que abandonar o París da súa infancia por mor da Segunda Guerra Mundial e marchou con súa nai ata México con tan só dez anos de idade, deixando a seu pai na fronte, a loitar na Resistencia.

Logo de estudar en Filadelfia e Nova York, regresou cabo dos seus a México DF e comezou unha meteórica carreira xornalística e literaria que, dende 1954 ata os nosos días, ten dado ás letras hispanas títulos memorables que foron recoñecidos cos máis altos galardóns, entre eles, por citar só algúns, La piel del cielo, Leonora ou Paseo de la reforma.

Mais hoxe préstame salientar que Poniatowska foi sempre unha namorada de Galicia e a súa cultura e que tivo con esta unha relación admirativa e cordialísima. Con tal motivo, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega distinguiuna en maio do 2009 como ‘Escritora Galega Universal’, o que dá idea do estreito vínculo e a querenza recíproca que entre os nosos autores e esta xenial narradora e ensaísta houbo sempre.

Precisamente coincidindo coa designación de ‘Escritora Galega Universal’ a súa obra comezou a se traducir á vella lingua dos cancioneiros e foi por iniciativa da AELG que veu luz a primeira compilación dos seus relatos: A filla do filósofo (2009), volume publicado pola Editorial Galaxia e obra na que participaron traducindo textos creadores galegos como Francisco X. Fernández Naval, Xabier López López, Elvira Riveiro Tobío, Isidro Novo, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Xavier Queipo, María Reimóndez e Francisco Castro.

Logo veu a versión da magnífica novela curta Benquerido Diego, abrázate Quiela (2010), trasladada por Fe González Fernández e publicada pola coruñesa Editorial Trifolium, o selo que máis ten feito entre nós polo coñecemento e divulgación da autora, pois aínda no 2012 deu a coñecer a terceira e, polo de agora, última das obras traducidas de Poniatowska ao galego, Lilus Kikus, que puxo na voz nosa Teresa Moure.

O territorio literario de Poniatowska resulta dunha xenuína e particularísima mestura da sensibilidade polo social e a clarividencia no relato das historias íntimas e delicadas, todo orlado cunha prosa límpida e sonora que converte as súas narracións nunha sinfonía de sutilezas.

A recente concesión do Premio Cervantes non fai senón recoñecer o que era un clamor entre os entendidos: que a escrita de Poniatowska zumega quilates á volta de cada páxina, que a súa abraiante capacidade para recrear mundos de escura miseria e tirar deles luzadas de esperanza nos reconcilia coa vida e co xénero humano. Por todo iso e por ter demostrado decote ser amiga dos galegos, vaian dende esta columna os nosos máis efusivos parabéns a Elena Poniatowska e oxalá este novo recoñecemento sirva para que o lectorado de aquí poida ver máis obra súa nos andeis das librerías, pois non merece menos esta parisiense de orixe e mexicana de corazón que contempla o mundo dende Chimalistac para logo contárnolo con fermosura incomparable.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 24-11-2013]

Poesía tribadista

Tomen nota deste nome: Elvira Riveiro Tobío. Velaí unha das voces poéticas máis destacadas da última década en Galicia. Pontevedresa da república de Cerponzóns, da excelente colleita do 71, a súa é unha traxectoria inzada de títulos substantivos e vieiros alternativos e independentes: Andar ao leu (2005), Arxilosa (2005), Palabras brancas (2008) e Biografía da multitude (2010) —este último en colaboración coa tamén valiosa poeta Silvia Penas— son as estacións líricas que o tren bala que conduce a creadora ten atravesado fulgurante.

Como o de Riveiro Tobío non é apoltronarse na formulística previamente ensaiada, logo de ter practicado a escrita poética oscilante entre o intimista, o evocativo, o social e o experiencial e mesmo de terse debruzado no lipogramático infantil, agora desembarcou de cheo na estética de Eros con Carnia haikai, libro co que obtivo o VI Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, certame organizado pola Asociación Cultural Caldeirón e mais o Concello de Malpica tras do que se atopa o infatigable activista cultural e tamén poeta Paco Souto.

Carnia haikai é, como o seu propio nome revela, un poemario carnal polo fondo e haikiano pola feitío, e aínda que nel se dean tamén solucións versais de máis longo alento, é certo que os tríades orientalizantes predominan no conxunto.

Dáse, amais, a circunstancia de que o volume se presenta cunha máis que estudada arquitectura onde o banquete amatorio se presenta a modo de ciclo diario de inxestións: o “Almorzo”, “Xantar”, “Merenda” e “Cea” son outras tantas seccións nas que se dá rédea solta a todo canto libamento e imbadura sexual poidamos imaxinar, orquestrando unha auténtica orxía de sensacións dérmicas e fluencias orgasmáticas que enervan os sentidos e convidan ao libre colidir dos desexos.

Poesía tribadista e celebratoria, Carnia haikai declárase rebelde na trabadela da lingua cobra, no fonosimbolismo esvaradío de humedéns que proclama “Gústame como/ me levas, como libas/ lava e mais lava”, deixando que invadan as papilas os ácidos lisérxicos das seivas todas do corpo outro, gulosas de biscoitos e tricoitos, de confeites para os ocos anárquicos e solpores de labios a cicatrizar os lombos en abanqueiro.

Hai tamén na creatura lésbica de Riveiro Tobío espazo para a música que harmoniza encontros, descubrimentos dos territorios concupiscentes nos que ecoan os Led Zeppelin, Melissa Ferrick, ou Mala Rodríguez. Pero tamén, entre eclosións de saténs, delicatesssen e pâtisserie varia comparecen os ménages à trois reivindicativos, eses que mal se acomodan ás inercias reaccionarias, as tentativas de lingüicidio e as relacións convencionais: “Adoro a nosa/ relación trisexual,/ o triunvirato…/… esta homenaxe/ ao trilingüismo harmónico/ ao tripartito…/…ser tripolar,/ comer por tres, así,/ preñada de dous”.

Para os amantes (no máis pleno sentido) deste tipo de poética, Carnia haikai agocha unha outra deliciosa sobremesa: as sensuais ilustracións de Héitor Picallo que, dende a propia portada e balizando as diferentes seccións, acompañan esta escrita de Elvira Riveiro Tobío, alimento primario, antropofaxia versoerótica de poeta omnívora e bretoniano amor fou.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 24-3-2013]

          http://www.youtube-nocookie.com/embed/BVLCrLcnOn4