A música das palabras

cedesliterariosPor fortuna, cada vez son máis numerosos os traballos nos que música e poesía galega se dan a man. Nos últimos tempos ten visto a luz unha notable cantidade de discos nos que son musicados temas literarios de noso, o que resulta unha agradecida sinerxía para ambas as partes, pois os músicos contan con letras de indubidable calidade artística para as súas pezas e, pola súa banda, as e os poetas poñen voz á súa escrita, vendo como cobran vida alén do papel.

Hoxe quero referirme a tres destes cedés nos que poesía e música son un todo lírico que nos lembra, máis unha vez, que, nas súas orixes, os versos todos dos diferentes pobos naceron para ser cantados e que é no canto onde se ven enfatizados os ritmos e cadencias que caracterizan harmonicamente os poemas.

Así acontece en Sedia la fremosa, o disco do grupo Manseliña que publica Lindoro, no que se recollen trece temas que recrean cantigas medievais e tradicionais do noroeste hispánico. Os catro compoñentes de Manseliña (a saber: María Giménez como voz do grupo e intérprete de fídula e percusión; Belén Bermejo co órgano portativo; Pablo Carpintero nos aerófonos tradicionais e percusión; e Tin Novio para o laúde e cítola) envolven en música varias cantigas de Martin Codax e Alfonso X e unha de Estevão Coelho, mais suman a esta lírica trobadoresca os ritmos da música tradicional incluíndo un alalá de Noia, unha cantiga de segada, un romance, un valse de Ribarteme, unha muiñeira de Ameixenda e unha cantiga do liño, entre outros. Por xunto resultan unha admirable fusión ou contrafacta que anoa músicas de diferentes ámbitos (o cortesán e o popular), reconstruíndo alí onde as partituras conservadas non ofrecían información como debían de soar estas cancións milenarias. Un traballo, xa que logo, para escoitar con deleitación, tanto pola magnífica voz de María Giménez coma pola sonoridade evocadora que todo o grupo consegue, transportándonos melodicamente ao fascinante mundo das cantigas de amor e amigo e dos cantos marianos.

Unha liña moi diferente é a que anima o disco Literaria, do cantautor ferrolán Miguel Alonso. Os once temas que compoñen o seu traballo parten de poemas de autoras e autores coetáneos, que van dende Marta Dacosta a María Castelo, pasando por Toño Núñez, Miguel Alonso Diz, Ramiro Vidal Alvarinho, Iolanda Aldrei, Xavier Frias, María José Fernández e Xosé Iglesias. A música que os acompaña ensaia diferentes modulacións, que beben do pop e o blues, sen esquecer os toques rock e os aires soul. Un cedé, cómpre dicilo, no que á voz de Miguel Alonso (tamén guitarrista e intérprete de mandolina, piano, teclados, harmónica e loops) se suman a batería e percusión de Iago Blanco, o baixo de Suso Pereiro, o acordeón de Abel Pérez e coros e recitados de Irene Quinteiro, Óscar Martínez, X. M. Lago, Miguel Alonso Diz e Xosé Iglesias. Toda esta enerxía común e o crowdfunding previo fixeron posible que o disco cobrase vida nunha produción de autor, á que contribuíron tecnicamente Pequeno Desastre Records e mais Drum & Roll Studios.

Por remate, non quero deixar pasar a ocasión de recomendar tamén Lueiro, o álbum musical de Xardín Desordenado que edita Sul Producciones coa colaboración dos concellos de Fornelos de Montes e O Grove e mais da Deputación de Pontevedra. Neste traballo, os compoñentes de Xardín Desordenado (isto é: a prodixiosa voz de Marlene Rodrigues; Santiago Ferragud tamén na voz mais guitarra e composición musical; Isaac Garabatos á guitarra e nos arranxos, composición e produción musical; Lorenzo Boo co baixo; e David Outomuro nas percusións) poñen clave a oito poemas das escritoras e escritores distinguidos no Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey e do autor que dá nome ao certame. Así, amais das deste, cántanse composicións de Eli Ríos, Silvia Penas, Isaac Xubín, Luís Valle, Antón Lopo e Marcos Abalde que forman parte dos poemarios cos que foron galardoados, o que asegura a variedade e calidade das letras que, con tanto ben como é adoito, interpretan os Xardín Desordenado.

Poesía para oír ou música para ler sonoramente, como se prefira. Moito e moi bo onde escoller mercé ás suxestivas e ben diversas propostas de Manseliña, Miguel Alonso e Xardín Desordenado, tres apostas gañadoras escóitense por onde se escoiten e léanse por onde se lean.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-4-2019]

Eli Ríos gaña o II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Na tarde de onte tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.

Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.

Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.

Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.

Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos.

Para ir abrindo boca —pois o libro está previsto que sexa publicado por Sotelo Blanco Edicións en breve—, velaí vos deixo un dos poemas de Anamnese, boa mostra do faladoiro no que Ríos convoca os espectros de autores da súa predilección.

pecho as pantallas do computador e tento respirar o aire da realidade
ricoeur grita nos meus tímpanos
TI TAMÉN ES POSTHEGELIANA
a casa
o home esquecido
o can
a muller sen recordos
os nervios
o tempo
o poema
carver e tess
sentan nas cadeiras da cociña enfronte do portátil sen un convite formal
falan entre eles dos gritos nomes sabas e a ferida mortal como se non me visen
comprenden
explican
a recolección
a diseminación da intención motivo fin movemento causa acontecemento
coa naturalidade de quen se sabe eterno
beben o meu ribeiro en copas de champaña
e non me queda máis que sentarme a escoitalos no silencio do amencer
o fume do tabaco anubra a lámpada de baixo consumo
nas paredes esvaran pingas condensadas de palabras sen sentido
carver pide máis viño en cuncas de barro
o can quere unha tirita e o poema inacabado garda unha pausa
pregúntolle a tess se van quedar para abrir o sofá cama
e responde
eu só son unha convidada textual
viñen aquí para lembrarche os orgasmos do home esquecido
o tempo e a memoria deciden cando nos has escribir
  
 
 

Visións eléctricas

Aínda que xa hai un certo tempo que leva circulando polas nosas librerías, non quería deixar de dedicar unhas liñas a un meritorio poemario coasinado por Eli Ríos e Eduardo Estévez: Rúa da cancela, galardoado no seu día co Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas.

O medio cento de páxinas escritas a catro mans por Ríos e Estévez trazan a precisa xeografía dunha historia amatoria que agroma nos instintos e remata no éxtase. É unha viaxe iniciática de (auto)rrecoñecemento a través do Eros, nun diálogo a dúas bandas onde os textos de prosa poética alternan con poemas de verso curto e abrupto.

Configurado como unha particular partida de xadrez lúbrico, Rúa da cancela (nome de expresivas resonancias para os coñecedores da cartografía antropourbana coruñesa) explora a densidade da pel, o fascinio das pulsións entre os rochedos marítimos e o amor que, superada a barreira do galanteo tabernario, remata derramándose en fluídos nas persianas do mencer.

Os de Ríos e Estévez son poemas fotograma, telegrafía sensual e sexual, escrita arpada con arestas que seccionan os períodos con katanas rítmicas inapelables.

Poida que non sexa doado facerse con este Rúa da cancela, dignamente editado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica, mais de distribución mellorable. Agora ben, se a boa fada pon a un diante súa un exemplar, eu non deixaría de abismarme nel. A visión electrizará.