Quásar literario

xavier_lama (III)Unha das cousas que máis asombra de Xavier Lama é a súa portentosa capacidade para ir dun a outro xénero literario. O mesmo fatiga o relato fantástico que a poesía intimista, igual o teatro xacobeo que ao artigo de opinión.

Por iso, cando caeu nas miñas mans Ela, piedade dos suicidas souben dende o primeiro momento que o feito de que lle fose concedido o XI Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (Modalidade Adultos) había ser apenas outra suxestión, unha roupaxe formulística que talvez non se axustase á auténtica esencia textual que aniñaba no espírito do de Guntín.

E a intuición non me fallou. Ela, piedade dos suicidas non é, malia o aparencial, unha peza dramática. É, si, un longo poema enmarcado parateatralmente onde alternan os versos pautados entre barras con aqueloutros que flúen como é adoito. Mesmo por veces é o poema en prosa o que goberna o temón desta historia, que resulta, así, unha orixinal hibridación transxenérica.

Coido que a materia que Lama tiña de labrar nesta obra esixía esa versatilidade, pois non era reto menor atopar un xeito de recodificar, en pleno século XXI, unha historia da mitoloxía clásica sobexo coñecida.

Xa que logo, Ela, piedade dos suicidas pode lerse, se se quer, como un texto representable por monicreques ou por actores, mais o que nel hai de escénico —que é moito—, e mesmo de musical ou achegado á danza, está sempre ao servizo, ancilar, do evidente pulo lírico do conxunto.

O laio desesperado de Orfeo pola perda de Eurídice, o seu prego por recuperala, o descenso ‘ad inferos’ para rescatala e o regreso e nova perda desta é a ben sabida peripecia que serve a Lama para revisitar un mito no que se proxectan varios universais temáticos: os límites da Vida coa Morte, Eros vencedor de Tánatos, os roles xenéricos e, xaora, a dimensión demiúrxica da palabra.

Ela, piedade dos suicidasO que converte este texto de Lama nunha escrita imantadora é a perfección no deseño duns personaxes agónicos, volcánicos, movidos por resortes tan primitivos como imparables. Todo nestes seres é intensidade, desmesura tráxica e arrebatadora que, de tan hiperbólica, se nos fai recoñecible e empática nas nosas tan humanas miserias, nos nosos tan previsibles erros de irracionais animais racionais que temen a Morte e desexan entregarse a un Amor alén de calquera Averno.

A forza case táctil das súas imaxes fai desta obra unha brasa ardente que fascina na fulguración ao tempo que queima na interpretación múltiple, densificada. Caronte, Perséfone, as Furias e Ménades e, por suposto, Orfeo e Eurídice son forzas da Natureza e como tal hai que sentilas, pois nelas descansa o que somos, o que anhelamos e amamos, o que soñamos.

Ela, piedade dos suicidas é un quásar literario, unha estrela da noite das idades que deita a súa luz a través dos séculos, dende a Grecia e a Roma clásicas ata a Galicia de Xavier Lama, un cosmos verbal que endexamais se extinguirá.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 17-1-2016]

Letras escolleitas

Mosaico cos libros destacados do 2015Traspasada a soleira do aninovo, acáelle facermos reconto do que o ano vello nos deixou literariamente, separar o gran da palla e gardar no celeiro o mellor e mais madurecido froito.

No eido da narrativa, o 2015 que se nos foi agasallounos con media ducia de títulos sobresalientes. É o caso desa homenaxe ao mundo dos libros, a liberdade e os soños que Manuel Rivas nos lega en O último día de Terranova. Tamén da historia de descubrimentos que mergullan nun pasado ilusionado e afinca nun presente rabudo que Antón Riveiro Coello debuxa en Os elefantes de Sokúrov. Evidentemente, o Eros e a Política que gobernan a revolución bolxevique de Inesa Armand e Lenin na Ostrácia de Teresa Moure, intensa alegoría de nós. De igual maneira, a memoria colectiva do Vigo que foi e que é e mais a peripecia familiar inzada de escuros segredos que Fran P. Lorenzo asina en Cabalos e lobos. Tamén si, a recreación do feraz universo trobadoresco que Manuel Portas deseña en Lourenço, xograr, avolto territorio de pugnas monárquicas, tiranías clasistas e amores non só corteses. Por remate, igual as Interferencias de Manuel Seixas, recuperado para a escrita pública tras un longo período de silencio que ve a luz ao final do túnel con este seu poderoso relato sobre a identidade e o destino.

O verso tamén brillou con forza o pasado ano. Fulgurou na (meta)poética dixital de Fran Alonso no seu vivificante Poetic@. Ardorou nesa cartografía hibridada entre o emotivo e o cognitivo que debroca na intuición pura en Zonas de tránsito de Ramón Neto. Espellou na estética disidente e subversiva de Elías Portela e o seu Bazar de traidores. Irisou en O que precede a caída é branco de Oriana Méndez, himno á esperanza silandeira, ao rumor rebelde do océano que agarda polo tsunami operario. E, xaora, eclosionou na epifanía cosmogónica, a revelación da raíz que tradea a poesía skáldica de Manuel Rivas en A boca da terra.

biblioteca america uscO teatro de noso vive horas difíciles, escasas. Emporiso, a calidade da súa escrita dramática está salva. Confírmao a metafísica sinfónica, o menos é máis contra o capitalismo cínico e hipócrita que berra Santiago Cortegoso en Smoke on the Water. Tamén as imaxes imantadoras, as personaxes agónicas e o fatum irremediable que todo o arrastra en Ela, piedade dos suicidas (Baía), do poliédrico Xavier Lama.

Houbo ceifa abondosa tamén na agra do infantoxuvenil. De entre o moito sementado, préstame espigar o onírico de imaxinación desbordante co que María Solar inzou O meu pesadelo favorito. Tamén o terror albo que arrepía en A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, mestría na arquitectura do relato ao servizo de poderosas pulsións. Por descontado, a recuperación do noso acervo lendario na recreación versal e a refacta relatística de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa en Lendo lendas, digo versos.

Ano de seca, ano de seda. Así foi para deixarnos páxinas farturentas coas que seguírmonos acompañando neste 2016 que agora escomezamos e ao que haberá que lle pedir, ao seu tempo, que renda non menor proveito.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-1-2016]