Blanco-Amor, corazón tricolor

blanco-amor tricolorNon deixa de sorprender gratamente que, a estas alturas, poidan existir aínda textos de grandes nomes das nosas letras que non fosen xa recuperados e editados pertinentemente. Mais, por estraño que pareza, así é. Acontece isto, por exemplo, con Eduardo Blanco-Amor, clásico incontestable da nosa narrativa do pasado século, poeta constante, dramaturgo entregue e, tamén si, admirable ensaísta e orador.

E escribo que parece mentira que así sexa á vista da recente publicación da compilación articulística En defensa e ilustración de la Segunda República Española en los años de la Guerra Civil (1936-1939), un denso volume de preto de medio milleiro de páxinas que foi presentado polos seus autores na Feira do Libro de Buenos Aires, onde o achegou como novidade bibliográfica Mar Maior, a división editorial que Galaxia ten como selo alén Galicia.

En defensa… recolle e edita con rigor e saber un centenar de textos no seu día publicados por Blanco-Amor en Galicia, o semanario voceiro da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, cabeceira que o escritor ourensán dirixiu dende mediados de 1926 ata despois da Guerra Civil.

Os escritos aquí reproducidos son os dados á luz polo autor de Xente ao lonxe ao longo do período bélico e tratan todos eles, dunha ou doutra maneira, do rexeitamento golpista, posicionándose a prol da causa republicana.

Os responsables desta exemplar edición son os analistas e investigadores Emilia García López e Gregorio Ferreiro Fente. A eles corresponde a recolleita e transcrición de textos e a nótula explicativa á edición, sendo labor do último o corpo de notas de que se acompañan os artigos e o extenso estudo introdutorio ao volume, no que Ferreiro Fente dá conta da circunstancia xeopolítica arxentina en relación á sublevación militar española, informa sobre as angueiras xornalísticas desenvolvidas no país americano por Blanco-Amor previamente ao seu desembarco no Galicia e, por remate, sintetiza as principais liñas temáticas e de enfoque dos artigos recuperados.

Cómpre sinalar que esta documentada e reveladora introdución do profesor Ferreiro Fente vén precedida dun non menos acaído prólogo asinado por Xesús Alonso Montero, quen en apenas nove páxinas sitúa as coordenadas nas que o cidadán Blanco-Amor actúa como defensa e baluarte da legalidade republicana, brutalmente usurpada pola barbarie fascista capitaneada por Franco.

defensa e ilustracion blanco amorOs noventa artigos do de Ourense, como ben se lembra nesta edición, recuncan adoito no afear a neutralidade das nacións democráticas europeas ante o asalto franquista á liberdade republicana; na descrición da asasina represión levada a cabo en Galicia polos sublevados; na denuncia do comportamento indeciso ou profranquista de certas empresas e colectivos galegos na Arxentina; no seguimento dos acontecementos que se sucedían na fronte de batalla e, finalmente, en diversos asuntos sociais e políticos arxentinos que amosaban un proceder contrario ao espírito demócrata republicano.

O volume engade aínda algúns textos vencellados ao corpo central de artigos, como dous poemas (en galego e castelán) asinados por Blanco-Amor na revista durante ese trienio, catro artigos que sabemos por el escritos aínda que non figuren asinados e tres cartas que lle dirixiron diferentes autores e que tamén se publicaron daquela no Galicia.

Entendo de capital importancia esta recuperación periodística, pola que moito cómpre parabenizar a García López e Ferreiro Fente. En defensa… non só é unha recolleita de excepcional valor para mellor entender a inaceptable agresión que supuxo o levantamento militar e as súas funestas consecuencias, senón que a prosa maxistral de Blanco-Amor actúa nela por elevación, de tal xeito que moitas páxinas aquí reunidas seguen tendo plena vixencia no que atinxe á defensa das liberdades, da xustiza e a equidade sociais e no que di da ignominia e mesquindade dos represores e asasinos de toda caste.

O expresado debería de ser abondo para comprender por que En defensa… é un título de mérito, mais para aqueles aínda dubitativos vén ao caso lembrar que o xenio do estilista ourensán se dá nestas páxinas en grao sumo, que cada un dos artigos é unha fina peza de ourivería ensaística, rebordantes como eles están dun saber histórico fondo e un coñecemento da realidade española, europea e universal que abraia e que non impide, todo o contrario, a transparencia no dicir, o período labrado coa máis nobre retórica e aínda a liricidade oratoria que moitos dos seus parágrafos deitan. En definitiva, planas para ler e reler admirando o mellor Blanco-Amor.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 22-5-2016]

Letras musicais

Sons de NósOs mellores sons chegan ás nosas letras. Nos últimos meses foron varios os discos que apareceron no mercado nos que se musican textos galegos, en moitos casos de orixe literaria. Hoxe préstame dar razón aquí de tres deles, de procedencias ben diversas e estilos musicais dispares, mais todos coincidentes na aposta pola nosa lingua e, particularmente, a súa koiné poética como principal razón de ser.

O primeiro destes traballos leva por título Dende a beira do Masma e recolle trece temas nos que Xan Carballal, director da Escola Municipal de Música O Pallarego, pon melodía a temas de Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Jácome.

As voces de Xulia Nogueira e Sabela Carballal acompañan o acordeón, a arpa, a zanfona, a guitarra, o clarinete, o violín, a viola, o chelo e as percusións para que os versos de Do ermo, Cantares gallegos ou Herba aquí e acolá cobren vida musical, confirmando, máis unha vez, a indubidable sonoridade da lírica mindoniense, que aquí corporeíza mercé á Fundación TIC lucense, dependente da Deputación Provincial.

ApelónNon menos interesante é a seguinte das propostas, neste caso chegada dende a cidade departamental e titulada Apelón. Quen a asina é un experimentado cantautor, cunha sólida traxectoria ás costas: Roger de Flor, unha das voces máis orixinais e independentes do actual panorama.

En Apelón, disco editado por Feiticeira Producións, inclúense tres temas galegos: “Estoupará”, “Ferrol Vello” e mais “Na ialma zoaba o vento”. Xunto a eles, outras cancións non menos literarias, como “Spring”, versión dun poema do gran poeta inglés William Blake. Mais a pluralidade de rexistros deste traballo é tamén perceptible na inserción de temas en castelán e italiano e, sobre todo, na variedade de estéticas ensaiadas, que integran por igual o rock, o pop ou os acenos country, entre outros.

Por último, o dúo 2naFronteira dá a luz Sons de Nós, a súa particular homenaxe á revista Nós e as Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario. Trece temas editados por Inquedanzas Sonoras nos que a felicísima voz de Carmen Penim se acompaña das virtuosas mans de Maurizio Polsinelli para recrear atmosferas de harmonio, piano e shruti box engalanadas de guitarras, violíns, violas de teclas, zanfonas, contrabaixos, baterías e percusións varias.

Dende a beira do MasmaSons de Nós dá a Euterpe o verso requintado de Eduardo Blanco Amor, o testemuñal de Xosé Velo, as liricidades de Fermín Bouza Brey, o dicir primeiro de Ricardo Carballo Calero, a voz inxel de Francisca Herrera Garrido, a arquitectura florida de Ramón Otero Pedrayo e o enxebrismo de Francisco Luis Bernárdez, compoñendo todos un retábulo sonoro de indubidable atractivo.

Non hai escusa, por tanto, para non se deleitar con Dende a beira do Masma, Apelón e mais Sons de Nós na tranquilidade do fogar, na vertixe do guiar automobilístico, nos minutos de lecer e ambientación laboral ou en calquera outra situación ou contexto. Boa compaña.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 6-3-2016]

Ars dedicandi: Eduardo Blanco-Amor

ars_dedicandi_blanco_amorHoxe hai trinta e cinco anos deixábanos un dos mellores escritores galegos de todos os tempos: Eduardo Blanco-Amor. A súa Auria natal lémbrao cunha ofrenda floral diante a súa campa no cemiterio de San Francisco, evento co que principian as ‘Xornadas Eduardo Blanco-Amor’ nas que, durante tres días, especialistas e estudosos analizarán a súa vida e obra no salón nobre do Liceo de Ourense.

Criticalia non quere faltar á homenaxe e exhuma un autógrafo inédito do autor. Trátase da dedicatoria da primeira edición do poemario En soledad amena á adiñeirada dama porteña Dalila Saslavsky, republicana e filántropa que moito axudou ao escritor. En xusto recoñecemento pola amizade que sempre lle brindou, Blanco-Amor inmortalizouna dedicándolle a “Profecía de Dalila”, inserida neste libro.

A esmorga de Ignacio Vilar

protagonistas a esmorgaCando en 1959 Eduardo Blanco-Amor publicou en Buenos Aires ese monumento da nosa narrativa moderna que se chamou A esmorga mal podía sospeitar que aquel perfecto artefacto literario agochaba no seu interior o xermolo dun gran filme.

É certo que a plasticidade case táctil de moitas das súas pasaxes narrativas e descritivas, a fluencia líquida dos diálogos, esa caracterización dérmica dos personaxes e as vívidas atmosferas recreadas conseguen mergullar o lector no relato de tal maneira que son un anuncio novelístico da peza cinematográfica que levaba dentro, mais ese soño de imaxes aínda estaba por corporeizar.

E velaí que por fin se fixo realidade e o poderoso universo visual de Blanco-Amor cobrou forma na película que esta fin de semana se estreou na inauguración do OUFF baixo a dirección de Ignacio Vilar, un dos nosos máis brillantes cineastas actuais.

cartel a esmorgaA esmorga de Vilar (aesmorgafilme.com) fai esquecer anteriores tentativas que levaran a novela do ourensao ata a gran pantalla. Ao pé desta magnífica cinta do autor de Pradolongo, versións como a Parranda (1977) de Gonzalo Suárez resultan nimias na súa forzada adaptación dun clásico literario que, sinxelamente, non acabou de entender na súa esencia o director.

Esta nova versión da obra do xenio de Auria atrapa toda a maxia dos ambientes da vella cidade, toda a forza brutal dos seus protagonistas, a pulsión tráxica dos sucesos nos que se ven envoltos para regalarnos un filme intensísimo, cargado de escenas faiscantes, pleno de acertos tanto no reparto coma nas localizacións ou a escolla musical.

Miguel de Lira no papel do Cibrán, Karra Elejalde no do Bocas e Antonio Durán ‘Morris’ no do Milhomes forman un tríade asombroso que sostén no alto todo o peso da película. A súa maxistral interpretación (difícil decidirse por un deles, pois todos tres brillan a grande altura) imanta o espectador de tal maneira que consegue ese estraño milagre de facer sentir a un fóra do espazo real, como se por un momento habitaramos verdadeiramente a Auria doutro tempo e fose nosa a anguria desa carreira louca cara a ningunha parte dos personaxes, como se o alcohol e a chuvia e a friaxe e o desprezo social tamén luxasen a alma nosa, clamando vinganza na persoa da doída e inocente Socorrito.

Ignacio Vilar marca con A esmorga un punto de inflexión na súa carreira. Polisóns (1999), Ilegal (2002), Un bosque de música (2003) e mesmo as moi aplaudidas Pradolongo (2008) ou Vilamor (2012) non son senón ensaios previos para chegar a esta obra maior, que ha quedar como un referente histórico do noso cinema.

A Esmoga DFFarían mal, moi mal, en non acudir ás súas salas de cinema máis próximas a partir do 21 de novembro e deleitarse con este A esmorga. Perderíanse non só unha interpretación memorable de tres grandes da escena, senón un reparto de luxo (soberbia a Nonó de Mela Casal, excelente a Tía Esquilacha de Covadonga Berdiñas), un guión magnífico e un vestiario, música e traballo de dirección artística sobresaíntes.

O cine galego está de festa. A esmorga de Ignacio Vilar vivirá grandes alegrías. Prepárense para vela inzada de moi xustos galardóns. Fáganme caso, axuden a que o noso cinema brille con luz propia. Achéguense a vela e xulguen por si mesmos. Ficarán felices.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 16-11-2014]

Ars dedicandi: Francisco Luis Bernárdez

dedicatoria francisco luis bernardezO escritor porteño-galego Francisco Luis Bernárdez (Buenos Aires, 1900-1978) tivo dende novo unha querenza polo noso que o levou a escribir poemas e artigos en galego que alternou coa escrita en castelán. Nesta última lingua chegou a ser unha das figuras cimeiras da literatura arxentina, o que non o privou de se converter nunha voz de interese certo nas nosas letras do tempo das Irmandades e a República, mesmo na de despois, pois tamén na Posguerra contactou co grupo Galaxia e deixou escritos de tema galego en diversos libros.

Entre as figuras que de sempre tratou está a do incomparable Eduardo Blanco-Amor, tan parello a el no seu periplo vital, escritor de dúas linguas e autor principal para a patria galega e a arxentina. Coñecíanse dende novos e estimábanse reciprocamente, como demostra o epistolario que entre ambos cruzaron e as consideracións que fixeron o un do outro en entrevistas e declaracións públicas.

Velaquí deixo o testemuño dese afecto cruzado na dedicatoria do exemplar de Alcándara (1925), publicado en Buenos Aires e asinado para o ‘hirmán’ Blanco-Amor, coa inequívoca cruz de Santiago ao pé, símbolo dunha galeguidade compartida da que nunca abdicou.