Premios Minerva 2016

banda minerva (II)Un ano máis, o Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela deu a coñecer os relatos e poemas premiados na LXIV convocatoria do prestixioso Certame Literario Minerva, o máis antigo dos que se convocan en Galicia, pois os seus inicios remóntanse a 1963.

A merecida fama destes premios medrou lustro tras lustro tanto da man dos que foron senlleiros mantedores e xurados destes modernos xogos florais coma dos numerosos escritores que foron distinguidos na súa mocidade co galardón.

Pois ben, na tarde do xoves 3 reuniuse nas instalacións do Colexio no Castiñeiriño un xurado composto por creadores, docentes e críticos que se repartiron para as modalidade de poesía e narrativa. Na primeira, figuraron o investigador e crítico Luís Alonso Girgado (en calidade de presidente), o poeta e tradutor Eduard Velasco, a poeta e narradora Diana Varela Puñal, o poeta Luís Valle e mais o profesor e tamén poeta Mon Buhigas, todos eles como vogais. Da súa parte, os encargados de xulgar os textos narrativos foron o ensaísta e crítico Manuel Quintáns Suárez (como presidente), a tradutora e narradora Ánxela Gracián, o ensaísta e investigador Xurxo Martínez González, o profesor Alberto Muñiz Pascual e servidor, actuando como secretaria a tamén profesora Teresa González da Silva.

Logo da deliberación na que houbo tempo para apreciar debidamente a alta calidade dos textos presentados (121 en narrativa e 57 en poesía, dos cales foron escolmados para discusión na fase final 33 e 19, respectivamente), os xurados decidiron premiar os seguintes traballos:

Modalidade de narración

premios minerva (I)1º Premio a Amaia Tomé, de 16 anos, alumna de 1º de BAC do IES Francisco Aguiar de Betanzos, polo relato “Clare e outras illas”.

2º Premio a Cecilia Fidalgo Castromil, de 15 anos, alumna de 4º de ESO do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, polo conto “O expresso a Madrid”.

3º Premio a Iago González García, de 16 anos, alumno de 1º de BAC do IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, pola narración titulada “Non ad vitam aeternam”.

1º Accésit a Alba Pérez Barcala, de 15 anos, alumna de 4º da ESO do IES de Cacheiras, polo seu traballo “Tres ou catro globos máis”.

2º Accésit a Laura Regueiro Romero, alumna de 2º de BAC do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, polo texto “Unha revolución persoal”.

3º Accésit a Ángela Lamas Gómez, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do Colexio Os Sauces de Pontevedra, polo relato “O anden do sen(ti)r”.

Modalidade de poesía

1º Premio ao amentado Iago González García pola súa triloxía “Cosmogonía”.

2º Premio a Inés Outomuro Rodríguez, de 17 anos, que cursa 1º de BAC no IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, polo poemario “Orixe”.

3º Premio a Tamara Fernández Labrada, de 16 anos, estudante de 1º de BAC do IES Terra Chá de Castro de Rei polo seu traballo “Non deixedes que vos miren o móbil”.

1º Accésit a Laura Regueiro Romero, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, pola obra “Antoloxía inmigrante”.

2º Accésit a Nuria Fernández Robledo, de 16 anos, estudante de 1º de BAC do IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, pola triloxía “Migración á orixe”.

3º Accésit a Laura Dauzón Otero, de 17 anos, que cursa 2º de BAC no IES Ribeira do Louro do Porriño, polo seu conxunto “Trátase de poesía”.

banda minerva (I)Todos os gañadores, alén das correspondentes dotacións económicas, serán galardoados cun diploma acreditativo e mais unha medalla de prata do certame durante a entrega de premios, que terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril, ás 17:10h., no Salón de Actos do Colexio Manuel Peleteiro, nunha sesión solemne na que pronunciará unha conferencia maxistral o narrador e ensaísta Xosé Ramón Pena e que amenizarán os premiados coa lectura dun fragmento das súas creacións, adianto do que será publicado en breve nun volume editado polo propio centro.

A escrita móbil de Eduard Velasco

ruido de trensA primeira vez que oín falar de Eduard Velasco (Barcelona, 1982) foi no 2011, cando dera a coñecer a súa competente tradución de Pa negre de Emili Teixidor na división editorial da Fundación Vicente Risco. Algún tempo despois, volvín bater con este filólogo, profesor e tradutor catalán-galego ao ler a versión que da novela Els sots feréstecs de Raimon Caselles fixera para Hugin e Munin en 2013, traballo que saudei e comentei con merecido aplauso.

Ata ese momento, Velasco era para min destro tradutor que trasladaba con habelencia clásicos da terra de Llul á lingua de Rosalía. Pouco despois, souben do seu cómpito quefacer profesoral cando coincidín con el na Universidade Nova de Lisboa, onde foi lector. Pero a sorpresa máis grata deste crossover literario leveina aínda o ano pasado, cando tiven a fortuna de coñecer, e logo premiar, algúns dos seus primeiros versos que presentara ao III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo.

Precisamente do Velasco poeta quero ocuparme a propósito da publicación de Ruído de trens, o seu poemario primeiro, galardoado co XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, convocado polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene e editado por Espiral Maior.

Porque hai libros nos que un se le. Recoñécese nas páxinas como quen vai seguindo as pedriñas de Polegariño, un fío de Ariadna do que a propia imaxe no espello agarda tras o cabo da corda.

Esa estraña sensación, como de recoñecemento en aliaxe coa perplexidade da distancia, foi a que aniñou en min logo da lectura de Ruído de trens, pois aínda que, como dixen, sabía da querenza poética de Velasco, non era coñecedor da amplitude de campo destes nin tampouco que formasen parte dun proxecto maior como o que despois distinguiron Gonzalo Hermo, Mariña Pérez Rei e mais Carlos Quiroga.


Ruído de trens
é un sonar do corazón. Os abismos do sentimento afloran aquí á superficie do poema para romper a tona da auga co seu inquedante inquirir. Seguranza ningunha. Dúbidas, todas. A viaxe, a alteridade, o diálogo (coa) amante, a paisaxe como continuum sentimental, a folía dos corpos, os ecos e as voces que se van pero fican aboiando no ar son presenzas ―ou ausencias, que de todo hai― que diagonalizan estas páxinas de escrita transida, on the road, móbil e imprevisible.

Velasco non deEduard Velasco (fotografía de Daniel Duarte)sdí das voces amigas. Abrázaas a fainas súas, deixa que vistan o poema e o arrolen, como os gatos de certa poeta madrigalega, a febre de Xiana Arias, a bomba de pracer musical de Senior i El Cor Brutal, a danza memorial de Francisco Cortegoso, a retrinca extrema con Helena de Carlos e Lou Ridx por compaña, as velas do vento de Antonina Canyelles.

Con todos eles viaxan as verbas confusamente diáfanas deste libro prologado por Isaac Lourido, quen acerta ao afirmar que “explora a linha de fuga que bascula entre a autocrítica e a ironia, e explicita com frequência a tensom que dá sentido ao livro: entre a nostalgia do lugar (a origem, a pertença, a identidade) que nom existe e a propensom conflituosa e reconfortante ao poema do amor. Vale o mesmo dizer entre a experiência ou a vida, e a literatura”.

Ruido de trens: escrita de arrincadeira que paga, e moito, a pena ler e que é augurio, estou certo, de que outras sorpresas han de vir, para ledicia lectora dos que gusten.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 11-10-2015]

Radiocrítica 13-7-2015

libros en ames radioVelaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 13 de xullo en Ames Radio (accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Juan Luis Silva do libro de relatos Xeixos de Suso Lista (0:18); do poemario Ruído de trens de Eduard Velasco (8:35); do volume colectivo Cantiga de fonte limpa dedicado ao pintor Antón Pulido (15:55) e do libro-disco infantil Contos ao revés de Chuches Amil (21:05).

Audio 1

Velasco, Hermo e Grela gañan o III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

bases_leirasO pasado sábado día 25 de outubro, coincidindo co 160 aniversario do natalicio de Manuel Leiras Pulpeiro decidiuse en Mondoñedo, a terceira convocatoria dos premios de poesía que levan o seu nome.

Con tal fin, reunímonos ás 11:30h. da mañá nas dependencias da Biblioteca Municipal a profesora Áurea Fernández, o investigador e profesor Xosé María Felpeto Enríquez e mais eu coordinados polo técnico de cultura do Concello, Gil Ares.

Logo das pertinentes deliberacións e tras considerar atentamente o case medio cento de orixinais presentados a concurso, os membros do xurado decidimos outorgar os tres premios por unanimidade, salientando non só o nivel destes senón, en xeral, o de varios outros dos que concorreran.

Tras abrir as plicas sóubose que o conxunto poético que obtivo o 1º Premio e que se presentara baixo o título Mentres o tacto e lema ‘A estas alturas’ era da autoría de Eduard Velasco (Barcelona, 1982), tradutor catalán-galego ao que debemos importantes versións de autores e títulos referenciais de ambas as literaturas.

eduard velasco

En Mentres o tacto Velasco reflexiona sobre a propia praxe poética desmitificando a súa transcendencia e ironizando sobre a lírica amatoria. Tamén si, avanza polos roteiros da serena paixón compartida, das paisaxes olladas ao unísono e a laña que o gume do amoroso deixa na pel que se reinventa e descobre na carne que emerxe, na saliva compartida.

Esvaran
pingas escuras
polo branco que che tingue a ollada.
 
Na cama volves á conciencia
cun poema que fala de camiños,
pero que non di nada de marchar
co sabor a ferro aínda na boca
e a certeza precisa de facer algo mal.
 
Mais cando os corpos nos volven ao lugar
e son eu quen molla os dedos no sangue que me ofreces,
e che deixo no lombo o paso vermello das mans
coma pinceladas brutas,
é cando me vingo do azar que nos uniu
só para aprendernos que a palabra
                                                           lonxe
é unha folla afiada que non erra no corte.
 

Ao abrir a seguinte plica sóubose que o conxunto titulado Marchamos presentado co lema ‘Richard Brown’ pertencía a Gonzalo Hermo (Santiago, 1987), poeta das novas promocións que xa deu á luz traballos como Crac (2011) e exerce un importante labor de dinamización cultural en foros como as Redes Escarlata.

gonzalo hermoOs poemas de Hermo anuncian a desolación, a loucura da tensa paz, dos mercados dos arrabaldes nos que non hai consolo e todo se volve éxodo. E, porén, o Sur existe alén das prohibicións, das ocultacións, e debe aprenderse o camiño de regreso da visión dese mundo de cascallos de limo onde só o amor nos pode facer puros.

Faláronnos do Sur como dun lugar prohibido.
Dixéronnos:
‘Todo canto foi materia ou corpo hoxe é dogma.
E organízase contra
nós’.
Pregúntome que sensación me invadirá cando dea regresado por fin sen restos
Se haberá cinza que recorde
carne capaz de comprender
a altura deste
encontro.
 

Finalmente, ao abrir a plica do conxunto titulado Arno de Viveiro coñecemos a autoría de José Antonio Grela Martínez (Santiago, 1971), doutor en Filoloxía e profesor quen nos presentou un poemario de dez composicións escritas en metro e antecedidas de textos latinos de grandes autores clásicos a modo de introito sobre o que crear a glosa poemática. Son, por tanto, un exercicio de virtuosismo rítmico, arroupado por unha selección léxica culta e abondosas citas a persoeiros da mitoloxía grecolatina e outros, que conforman un mostrario ao que non se subtraen puntuais airexas humorísticas.

Máis pesados cos tabaos á xaneira,
ca pesca con miñocas no Leteo,
ca un relixioso óso fariseo,
foron os teus bicos de rateira.
 
As túas cinzas non terán sentido
e po serán, mais po envelenado,
de oncolóxico amor apetrarcado
entre varices e unto derretido.
 
Susurros de pega para ben durmir,
ronquidos arrincados do calleiro,
cheiros que xa se fartaron de fuxir.
 
Estimas de salitre e de ferreiro,
canizas que me obrigaron a sufrir,
foron as túas pernas en ranqueiro.
 

retrato leirasDebe, pois, parabenizarse aos tres gañadores, agradecer a alta participación e desexar ventura futura aos que desta volta non foron distinguidos e, sobre todo, aplaudir o esforzo que o Concello de Mondoñedo fai convocando este certame, que como abrocho noviño vai collendo a forza do seu terceiro ano para honrar a memoria do gran Manuel Leiras Pulpeiro, pois os premios (placa, diploma e 1.500, 600 e 300 euros respectivamente) entregaranse en acto público o sábado 15 de novembro. Alí estaremos, para celebrar a Poesía e saudar a Eduard Velasco, Gonzalo Hermo e José Antonio Grela Martínez, dende xa xunguidos á historia literaria mindoniense por medio dos seus versos.