O Lueiro Rey de Novela Curta para Antonio Pichel Beleiro

Premio Manuel Lueiro ReyÁs sete da tarde de onte, a Biblioteca Municipal do Grove acolleu a xuntanza de deliberación do XXI Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, convocado polo concello do mesmo nome. Con tal motivo, o xurado do certame, acompañado do concelleiro de Documentación e Patrimonio Álex Agüín e mais da técnica Marina Agüín, quen actou como secretaria con voz pero sen voto, tivo que escolmar a obra gañadora de entre un conxunto de quince orixinais presentados a concurso.

O xurado —a escritora Ánxela Gracián (que non puido asistir á xuntanza e enviou os seus votos por correo), o ensaísta Manuel Quintáns Suárez (en calidade de presidente), o escritor Juan Tallón (gañador da anterior convocatoria), o crítico Francisco Martínez Bouzas e eu mesmo—, logo das pertinentes consideracións sobre os méritos dos orixinais e dun proceso de peneira que, en roldas sucesivas, escolmou tres títulos para as derradeiras valoracións, determinou nomear gañador, por maioría de votos, á narración Xente que nunca antes morrera, lema “Mazurca de Milloi para gaita e bombo”. Unha vez aberta a plica, a obra resultou ser da autoría do pontevedrés Antonio Pichel Beleiro, residente en Poio e de vinte e oito anos de idade, que verá así publicada a súa primeira novela e recibirá os tres mil euros do premio.

Premio Lueiro ReyXente que nunca antes morrera ofrece unha trama a medio camiño entre o policial, o thriller psicolóxico e o relato sociolóxico da desfeita do mundo rural. Unha investigadora estadounidense chega a unha pequena parroquia galega para tentar descubrir qué é o que pasou, realmente, cun concidadán seu que morreu nun accidente automobilístico rodeado de estrañas circunstancias. A partir dese momento, escenifícase un choque de mundos entre o urbanita que representa a investigadora estranxeira e o enxebrismo tradicionalista dos paisanos cos que ten cruzar, poñendo de relevo os moi diverxentes territorios mentais e actitudinais nos que se moven os personaxes.

Polo medio, a descrición do esmorecemento dunha parroquia prototípica do noso rural, os secretos de aldea que se agochan para tecer redes de violencia inusitadas que só ante circunstancias extremas afloran, as lacras deixadas pola droga ou o os amores e tensións sexuais entre uns personaxes que se fan cribles na vivacidade e realismo dos seus parlamentos e na forza da intriga na que as súas vidas se ven atrapadas.

Prometedora primeira novela de Antonio Pichel Beleiro que verá luz o vindeiro outono da man de Sotelo Blanco Edicións, selo que publica as obras gañadoras deste premio que, máis unha vez, descobre unha nova voz para as nosas letras e recupera así a súa continuidade tras ser declarado deserto o pasado ano.

Letras de ouro por trabes

Como a andoriña que vén en tempo, o último número da revista A Trabe de Ouro (93, xaneiro-febreiro-marzo do 2013) trouxo no peteiro graúdos e saborosos froitos.

Nesta nova entrega hai valiosos traballos de xorne psicohumanista debidos ao psiquiatra e ensaísta Emilio González Fernández (“«Míreme ben… báixese ben». Do enfermo como autor ao médico como crítico literario”), textos sobre ideoloxía e política de Iván Olmos Ferreiro (“Ensaio sobre a globalización e o imperialismo cultural”), comentos a propósito de discursos académicos de Xosé Manuel Salgado (“Breves reflexións sobre os escritores e os xornalistas. Discurso de ingreso na RAG de Xosé Fernández Ferreiro. Reposta de Manuel Rivas”) e aínda entrevistas (de Olegario Sotelo Blanco ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Xesús Vázquez Abad) e mesmo programas electorais (así o “Programa para a Presidencia da Real Academia Galega” de Manuel González González).

Mais de entre todos estes materiais, quero salientar dous que, sen demérito dos outros, me resultaron de especial interese: dunha parte, a moi documentada e rigorosa investigación do profesor Antón Figueroa verbo da hispanista alemá Margot Sponer (1898-1945) no longo artigo “Sobre Margot Sponer”. Mercé á súa investigación sabemos que esta estudosa foi a primeira en presentar unha tese sobre o galego no mundo, presentada en xuño de 1935 na Facultade de Filosofía da Friederich-Wilhems Universität de Berlín baixo o título Altgaliziesche Urkunden (Documentos do galego antigo). Sabemos, igualmente, como dende o seu posto de docente na Universidade de Berlín recibiu a ilustres visitantes galegos que ata alí se desprazaron na Preguerra, como Vicente Risco ou Loís Tobío, entre outros, xeiras e contactos dos que deron conta medios da época como Nós ou El Pueblo Gallego. Finalmente, descubrimos que o labor a prol da nosa cultura que Sponer espallou dende o prestixioso Romanisches Seminar rematou cando, debido ao seu activismo antinazi, foi ‘liquidada’ polas SS por colaboracionista coa Resistencia. Todo un exemplo como estudosa e ser humano polo que, como ben di Figueroa no remate ao seu excelente artigo, “merece quedar entre nós a súa memoria”.

A segunda das achegas que coido debe salientarse é a lograda tradución que Manuel Outeiriño ofrece do longo “Poema inacabat” (1344 versos) do filósofo e poeta catalán Gabriel Ferrater (1922-1972), publicado por vez primeira en 1968 como parte de Les dones i les dies, a compilación de toda a súa produción lírica.

Metapoema nas pegadas do célebre Érec et Énide dun dos pais do ciclo artúrico, Chrétien de Troyes, Outeriño transforma a súa versión nun exercicio de memorable virtuosismo a ser quen de conservar a formulística rimada do orixinal catalán, un texto no que Ferrater verte opinións e pareceres sobre moitos dos seus compañeiros de andaina literaria (Josep Carner, Josep Vicenç Foix, Pere Bohigas, Antoni Comas, Eduard Valentí, Joan Petit, Maria Bonet, Josep Plà, Carles Riba e un longo etcétera, entre os que tamén se contan autores casteláns como Antonio Machado ou o seu grande amigo Jaime Gil de Biedma).

Mágoa que esta tan xeitosa tradución de Outeiriño non se acompañe de notas aclaratorias ás moitas alusións e implicacións do poema, que moito se terían agradecido neste caso, pois tampouco se chegou a dispor unha nota inicial que explicase de onde xurdía o poema e cal era o seu relevo.

Esta nova entrega da revista A Trabe de Ouro consolida o camiñar firme dunha publicación que, paseniño, vai aproximándose xa ao centenar de números editados, todo un logro nun país coma o noso, onde este tipo de empresas deben vencer mil e un obstáculos para proseguir a súa andaina, o que aínda engade máis valor ao traballo do equipo que a dirixe e a coordina e que, só por iso, é merecente dos maiores parabéns.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 6-10-2013]

Sen palabras

Jorge Luis Borges deixou dito que a morte é unha vida vivida e a vida unha morte que vén. Tal parece ser a filosofía que anima Fin de poema, a excelente novela coa que Juan Tallón (Vilardevós, 1975) gañou por unanimidade o pasado Premio Manuel Lueiro Rey de Narrativa Curta.

De Tallón souben hai tempo grazas a algúns relatos seus que foron galardoados en diferentes certames e tamén tiña referencias vagas dunha obra novel, A autopsia da novela (2007), coa que gañara o Premio Pastor Díaz do Concello de Viveiro e que, ao final, acabou publicando a ourensá Duen de Bux. Mais cando de verdade tomei contacto fondo coa súa escrita foi hai tres anos, ao facerse o autor cun accésit do amentado Lueiro Rey de Narrativa Curta cunha novela marcadamente metaliteraria á que titulou A pregunta perfecta. O caso Aira-Bolaño (2010). Alí, Tallón deixaba xa apuntados os que, ao meu ver, son os principais sinais de identidade da súa escrita: metaficción, fragmentariedade discursiva, humorismo e ironía, disección psicolóxica dos personaxes, autobiografismo deformante e proxección cosmopolita.

Xornalista por dedicación, filósofo por formación e novelista por devoción, Tallón é, hoxe por hoxe, unha das voces máis interesantes do panorama literario galego e non só, pois acaba de publicar tamén Edhasa en español a moi recomendable El váter de Onetti. Nel temos un excelente narrador, amais dun valioso tradutor (velaí a súa recente versión da novela breve Festival, do arxentino César Aira) e un documentado ensaísta (como xa demostrou en Jacinto Santiago. Escenario grotesco e exemplar, 1998).

Fin de poema representa a confirmación dun camiño de depuración estilística ascendente que, como xa sinalei, vén fraguándose dende os seus inicios. Toda esa súa habelencia manifesta para producir literatura nova a partir de textos previos, ese ficcionalizar sempre en palimpsesto, deixando que a vida e a obra doutr@s autor@s do pasado se convertan en propicio material narrativo é levado ao extremo neste libro.

E escribo a vida doutr@s autor@s porque entendo a propia morte como parte da vida, como o seu remate e, polo mesmo, cabo inherente ao seu propio existir. E iso é o que ofrece Fin de poema, as derradeiras horas de catro poetas suicidas que, abandonados pola poesía, desafiuzados para a escrita, comprenden que, sen palabras, o seu final non pode ser outro que un abrupto punto e á parte.

Deste xeito, Fin de poema transita polos intersticios dos sentimentos que a ineludible fin fai abrollar en Cesare Pavese, Anne Sexton, Gabriel Ferrater e Alejandra Pizarnik. As páxinas da novela, coma se da caixa negra dun avión se tratase, rexistran eses instantes nos que o mundo esfarela e a ollada revira vidrándoo todo. Atención: non é esta unha novela derrotista, nin sequera desesperanzada. Todo o contrario: é un canto á asunción omnicomprensiva da fin certa, radicalmente existencial, profundamente coherente.

Nas planas desta obra importan máis os silencios que o balbordo das verbas, as sutís conexións que atan os personaxes coas amizades, as lembranzas e os soños esgazados que a perentoria agonía do inevitable. É polo mesmo, unha novela dun vitalismo sereno e terminal, deliciosamente devastador.

A prosa contrapuntística e depurada de Fin de poema, a súa capacidade para evocar territorios ignotos e fonduras da ánima insondables, o dominio da harmonía do período e o fraseo compasado e, sobre todo, ese xenuíno cendal humorístico de noso co que tan definitivas experiencias son contempladas converten esta novela nun dos textos importantes do momento. Faría moi ben en non deixalo pasar.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 26-5-2013]

No Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta

Ás doce da mañá do día de onte tivo lugar o acto solemne de entrega do XIX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta ao escritor Juan Tallón, quen se fixo acredor do mesmo pola súa novela Fin de poema, un volume do que onte puideron verse xa os primeiros exemplares e que, nos vindeiros días, chegará aos andeis de todas as nosas librerías da man de Sotelo Blanco Edicións, selo que publica a obra gañadora.

Presidiu a cerimonia de entrega o alcalde do Concello do Grove, Miguel Ángel Pérez García, ao que acompañaron na mesa o editor Olegario Sotelo Blanco, a tenente alcalde Aida Filgueira, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín Castro, o presidente do xurado Manuel Quintáns Suárez e mais o premiado.

Tras unhas breves palabras de saúdo e de congratulación pola xuntanza así como de felicitación ao gañador, o alcalde cedeu a palabra ao ensaísta e crítico Manuel Quintáns, quen na súa alocución tivo un entrañable recordo para a figura de Lueiro Rey e manifestou a súa ledicia polo feito de que o premio que leva o seu nome siga, un ano máis, sendo un certame referencial para as letras galegas e se sumase á xa longa nómina de distinguidos o do escritor de Vilardevós.

A seguir, Olegario Sotelo Blanco quixo tamén verbalizar a súa satisfacción pola cordial colaboración que a editora que dirixe mantén co concello grovense dende hai anos, pois son xa un número considerable os textos gañadores e finalistas que o seu selo deu ao prelo mercé a este premio.

Por remate, a quenda de palabra correspondeu a Juan Tallón, quen na súa intervención agradeceu ás entidades convocantes, ao xurado e aos presentes tan feliz circunstancia e tracexou un mínimo bosquexo temático-argumental da súa novela, Fin de poema, unha narración sobre a premorte ou, se se prefire, as derradeiras horas de Cesare Pavese, Anne Sexton, Gabriel Ferrater e Alejandra Pizarnik, catro célebres escritores suicidas aos que a poesía abandona e sobre os que a vida deixa caer o pano de remate.

Amenizando as diversas intervencións, a agrupación musical de pulso e púa Faísca do Cordal interpretou varios boleros que arrincaron un entusiasta aplauso por parte da nutrida concorrencia, entre a que se contaban fill@s do propio Lueiro Rey, a coordinadora do acto Marina Aguín Núñez e membros do xurado como Ánxela Gracián, Francisco Martínez Bouzas ou o que asina.

Tras a entrega do diploma acreditativo a Juan Tallón, moit@s d@s asistentes solicitaron ao autor a sinatura de exemplares, poñéndose así broche á entrega para dar paso a un ameno refectorio no que o público presente tivo a oportunidade de conversar co novelista e achegarse, de viva voz, ao fascinante territorio creativo deste Fin de poema, que promete ser unha das sensacións literarias da tempada.

Vaian dende aquí os nosos parabéns tanto ao Concello do Grove como a Sotelo Blanco Edicións, pois grazas ao seu impulso o Premio Manuel Lueiro Rey de Narrativa Curta prosegue o seu camiño cara á vixésima edición, para a que xa está aberto o prazo de entrega de orixinais. Ogallá vindeiras convocatorias traian tantas alegrías literarias a tod@s como a presente.

Xoeliki Reloaded

Diversión, entretemento e imaxinación son os tres espeques nos que afinca Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata. O grande apagamento, segunda entrega dunha serie na que o mundo da internet e a realidade virtual e tecnolóxica na súa complexa relación coa existencia alén das pantallas serve de pano de fondo a unha historia sobre a necesidade da defensa da liberdade e o libre acceso á cultura.

Maties Segura, como autor do relato, e Abraham Carreiro, como responsable das ilustracións nas que este se olla, constrúen unha narración ben amena na que homenaxean gran cantidade de autores e obras da ciencia ficción clásica e moderna e, tamén si, da fantasía épica e mesmo da novela de aventuras. Desfilan así por este libro personaxes, situacións, espazos, nomes, motivos e outros elementos que lembran tanto 1984 coma A illa do tesouro, igual Harry Potter que 2001 unha odisea do Espazo e aínda outros referentes literarios ben coñecidos como Farenheit 451 ou Un mundo feliz e mesmo cinematográficos e do mundo da bd como Tron, Matrix, X-Men, Final Fantasy, IA, Blade Runner ou A guerra das galaxia, entre outras.

Todo este cóctel de influencias encamiña a historia inevitablemente cara á distopía dun futuro tecnoloxizado e virtualizado, informaticamente tiranizado, onde só uns cantos resistentes dun ciberescola pirata se opoñen ao Poder do tirano do caso, unha sorte de megalómano ciborg con especial teima a todo o que cheire a cultura, saber crítico e liberdade individual.

Porque baixo esa aparente inxeleza paratextual e subxenérica que rodea este libro, o certo é que nel se traza un lúcido paralelo coa actualidade máis imperiosa e todo o noso mundo de crise económica e social percorre transversalmente esta historia que pretende ser tamén, dalgunha maneira, unha alegoría e un canto á esperanza, á solución para a saída da crise que ha pasar polo noso convencemento de que xuntos, popular e globalmente unidos, imos ser capaces de varrer tanta detritus dirixente e vorazmente capitalista como nos abafa.

A igualdade social, a liberdade, a creatividade, a conciencia social, a preocupación responsable, o libre acceso á información e, sobre todo, a crenza de que o ciberplaneta no que cada vez máis habitamos pode, e debe, ser un espazo para comunicarnos libremente e facer medrar os noso acceso á información, ao coñecemento e a educación, á cooperación e autoorganización e, polo mesmo, a un mundo novo, máis libre, xusto, democrático e de nova intelixencia colectiva, do triunfo do procomún e o dominio público son os admirables valores que este ameno Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata. O grande apagamento propón, un texto de Maties Segura literariamente aínda mellor e máis ambiciosamente trabado que a xa meritoria primeira entrega da serie e sempre suxestivamente ilustrado por Abraham Carreiro, a quen se deben os evocadores debuxos que acompañan o libro.