Por volta de 1975 a historiadora feminista Adela Turín comezou a publicar en Italia unha serie de libros pensados para as máis pequenas e pequenos cos que trataba de reivindicar o papel da muller na sociedade e acabar cos estereotipos sexuais que tanto abundaban entón na literatura infantoxuvenil.
Aquela colección, que se chamou ‘Dalla parte delle bambine’, tivo de inmediato grande éxito e foi traducida a distintos idiomas, entre eles o castelán (da man da exemplar editora Esther Tusquets) e, xaora, o francés, de onde semella tomarse o texto base para a tradución do orixinal italiano Arturo e Clementina, agora en galego en versión de Eva Almazán para Kalandraka.
Artur e Clementina —pois con este título se trasladou o relato de Turín á lingua de noso— narra nun feixiño de páxinas a historia de dúas tartarugas que, namoradas, deciden casar. Mais ao pouco da voda todo comeza a ir mal, pois namentres Artur vive unha vida regalada, Clementina acabará por se ver presa na súa casa, amoreando cachifallos materiais que o seu marido lle compra pensando que así a poderá contentar e negándolle calquera posibilidade de desenvolver unha vida autónoma e verdadeiramente libre en paridade.
Xa que logo, unha moderna fábula con mensaxe máis que evidente e, non por iso, menos necesaria: o rol feminino da esposa sufrida, encarcerada na gaiola de ouro do fogar, privada de calquera vida social ou iniciativa persoal pública acaba por esfarelar nesta delicada, tenra e emotiva narración, na que a valentía e a xustiza rematan por brillar coa rebelión final de Clementina.
Se andan polo medio das nosas nenas e nenos, se queren axudar a educar en valores sen perder por iso en calidade literaria, este emocionante conto de Adela Turín, fermosamente debuxado por Nella Bosnia, é unha aposta máis que atinada, pois, logo de case corenta anos da súa primeira publicación, o que coa súa lectura se nos aprende segue a ser ensinanza aínda máis que conveniente.