A forza dos sorrisos

Miguel non entende por que todo o mundo deixou de sorrir. É máis, non sabe sequera como son os sorrisos, nin por que toda a xente anda tan atristurada. Pero el é un neno ilusionado e soña con que as cousas poden cambiar.

Velaquí o arrinque de Papá, que son os sorrisos?, a última creación de María Canosa, quen recunca na escrita para lectores non autónomos/primeiros lectores nun álbum infantil moi ben ilustrado por Dani Padrón, un dos debuxantes máis activos nos últimos tempos.

Ideada como unha sorte de singular mestura entre a parábola e o conto de fadas, o fantástico de Papá, que son os sorrisos? sérvelle a Canosa para evidenciar unha lacra sangrante: a do desastre ecolóxico que, aos poucos, vai facendo esmorecer o planeta.

O poder da inocencia, a fe no futuro da Humanidade cifrada nas nenas e nenos que o personaxe de Miguel representa e, sobre todo, a convicción do milagre das pequenas cousas que acaban sendo verdadeiramente grandes asolaga estas páxinas que Padrón ilumina cos seus debuxos de finísimo trazo en figuras esguías e combinacións tonais que moi ben acompañan os estados de ánimo da narración.

Por se non abondase co anterior, este Papá, que son os sorrisos? preséntase como un libro-cd, onde se inclúe un relato oral da historia que as planas recollen e que foi gravada para esta edición pola cálida e faiscante voz da propia Canosa. A maiores, o cd achega tamén actividades didácticas relacionadas coa obra para aprender divertíndose co ordenador.

Non deixa de ser toda unha grata experiencia comprobar como unha enxeñeira de Camiños, Canais e Portos e mais un arquitecto insuflan novos azos á nosa escrita infantoxuvenil, unha agradecida alquimia que debemos aos bos oficios de Galebook, o selo coruñés ben alimenta o mercado con títulos de mérito e interese. Que así siga.

Noveis en Galebook

Riba da miña mesa botaron máis tempo do que desexaría dous interesantes volumes saídos do prelo de Galebook, a plataforma dixital e editora coruñesa que dende hai tres anos vén amosando a súa decidida aposta pola literatura galega froito da cal viron luz textos de tanta estimanza como os poemarios infantoxuvenís As trovas de Midas de Diana Varela Puñal ou O pitiño revolucionario de Xulio López Valcárcel, o álbum ilustrado Man, o Alemán de Camelle de Beatriz Maceda Abeleira e mais Laura Veleiro Suárez, os recursos didácticos Enredando nos antropónimos e mais Antroponimizando asinados por Xulia Marqués Valea, a nova edición do ensaio compilatorio Galicia desde Londres da autoría de Antonio R. de Toro Santos, a tradución The Hunting Shadow de A sombra cazadora de Suso de Toro ou os relatos de Paco Campos en O fillo de Maciste.

Aos anteriores sumáronse os dous títulos dos que hoxe quero ocuparme, ambos os dous aparecidos nunha nova colección deste selo herculino: a serie Novel, que dá acubillo a autoras e autores que se estrean cos seus textos no mundo da escrita.

É este o caso tanto dos versos de Ofelia López en Fume de cerna coma dos relatos de Concha Parga en Viaxe en círculo, pois ambas as dúas dan aquí os seus primeiros pasos en volume, aínda que con anterioridade xa achegaran mostras do seu quefacer en revistas, xornais e libros colectivos, formando tamén parte de diferentes grupos literarios.

Fume de cerna é un conxunto de medio cento longo de poemas nos que a voz de López grava a buril sonoro tanto a paisaxe interior da ánima coma a fermosa paisaxe referencial do seu Muras natal. Hai nos seus versos unha sorte de eco neovirxilianista modernizado, unha ben asumida herdanza dos Noriega Varela ou Iglesia Alvariño que entremestura as augas da ascendencia coas fervenzas novoneyrianas para trazar sobre o lenzo da páxina as liñas coas que a memoria, o amor e as xentes dunha cosen o corazón.

Sentida, evocadora e melancólica, a voz de López reflexiona sobre o sentido do canto para mergullar nas estacións do ser e deixar que o fluír do Tempo nos acompañe na vibración dos instantes fuxidíos.

Sabe dicir de todo o anterior mellor que ninguén o prologuista do libro, o xa amentado Xulio López Valcárcel, quen en “As razóns de Ofelia” debuxa un acaído perfil do que estas poesías ofrecen e do seu valor.

Da súa parte, Viaxe en círculo reúne trece relatos de meridiana extensión nos que a lucense Concha Parga se interna pola selva dos sentimentos e as soidades, das fugas e as renuncias, tamén dos espertares e reivindicacións.

Como é lóxico, as historias que neste libro se recollen son diversas no temático, mais en todas elas domina o pouso do lírico, do emotivo e do descritivo. A vida interior dos personaxes, as súas razóns e sen razóns, a vida desexada e nunca alcanzada, os herdos familiares, os amores que marcharon pero aínda se agardan, as reconciliacións na agonía hospitalaria, a loucura que nos varre, a soidade entre a multitude son tamén sombras amigas desta Viaxe en círculo.

Como no caso de López, tamén Parga tivo un prologuista de luxo na persoa de Miguel Anxo Fernán Vello, quen en breves pero certeiras verbas cerna no albo dunha prosa que describe nas súas liñas mestras co oficio de quen é grande sabedor.

Loable iniciativa de Galebook abrindo esta colección Novel. Grazas a ela podemos xa asomarnos ás primeiras tentativas de Ofelia López e Concha Parga. Oxalá ben pronto se sumen a elas outras compañeiras e compañeiros de camiño, será sinal de que a vida literaria deste proxecto enraíza con forza.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 1-12-2013]

Un gato trobador

Diana Varela Puñal é coñecida no circuíto literario galego principalmente polo seu labor como poeta, eido no que xa ten publicado volumes importantes como Fíos (2008) ou Animal abismo (2010). Talvez sexa en menor medida recordado o seu labor como articulista en medios como El Correo Gallego ou revistas como Anuario Brigantino, A Xanela etc. Mais seguramente o que é para moitos unha faceta aínda por descubrir é a súa escrita para as máis novas e novos, que se materializou recentemente en forma de poemario da man de Edicións Galebook baixo o título As trovas de Midas.

O libro, que presenta unha estrutura bipartita (“Trovas da nena” e “Trovas do gato”) precedida dun poema “Soleira ou vida”, reúne unha vintena de composicións pensadas para primeiros lectores nas que o ton intimista e tenro o domina todo. Versos solidarios, delicados, evocadores, que tanto poetizan a beleza sutil das abelliñas, as flores ou os paxariños como se deteñen nas trasnadas do gato Midas, no rebumbio dos días de festa ou nas angueiras creativas da propia poeta, sen esquecer engadir como remate unha versión do vello mito do rei Frixio.

As trovas de Midas —todo el magnificamente ilustrado pola propia autora e mais a pintora D’Navalha (Verónica Sixto Delgado)— engade, a maiores, un apéndice final de carácter didáctico, “Aprendendo con Midas”, no que se proporcionan suxestivas actividades para que o alumnado destas idades tire partido da lectura do libro.

Neste sentido, quero incidir na idoneidade deste As trovas de Midas para aquel profesorado que queira traballar nas aulas de primeiro ciclo de Primaria un volume de textos poéticos que conta, así mesmo, cun cd no que se reproduce o poemario e mais o caderno de actividades integramente e que, a maiores, engade tamén efectos ás imaxes e ilustracións, creando un formato enriquecido do que os docentes poderán tirar partido para o seu uso en encerados dixitais e afíns.

As trovas de Midas é un dos primeiros produtos da factoría Galebook, unha empresa de servizos lingüísticos no ámbito dixital creada no seo da Universidade da Coruña que pretende converterse nun referente entre nós no sector dos contidos dixitais alternativos e enriquecidos e que xa ten no mercado outros textos de autores consolidados como O pitiño revolucionario de Xulio L. Valcárcel.

A musicalidade heterométrica e ritmada (tamén si rimada) dos versos de Diana Varela Puñal neste As trovas de Midas é un convite para regresarmos á infancia (semi)esquecida, para deixar voar ceibe a nena ou o neno que levamos dentro e enlearnos, con gusto, no nobelo destes versos que poderemos ler ou escoitar, segundo nos prouguer, pois a versión en flash do cd que acompaña o libro ofrece esa rapsódica posibilidade. Toda unha regalía que ben merece coñecerse.