Duras entre nós

Cando se publicou O amante en 1984 un tsunami lector fixo da novela un fenómeno editorial con millóns de exemplares vendidos que lle valeron á súa autora, a escritora e pensadora antifascista Marguerite Duras, o Premio Goncourt e mais o Ritz-Paris-Hemingway daquel ano.

A narración foi recibida de xeito moi diferente polo diverso lectorado que a ela se achegou. Dunha parte, o público masivo sentiuse fascinado pola historia amorosa, rebordante de intenso erotismo, que protagonizaba en Indochina unha modesta adolescente francesa de apenas quince anos que namoraba dun mozo chinés moi rico e doce anos maior ca ela. Doutra banda, a crítica e os habituais da escrita de Duras, voz destacada do Noveau Roman e referente da Nouvelle Vague cinematográfica, souberon salientar no relato, ademais da poderosa historia de amor, a importancia deste como novela de formación e fixeron fincapé no tratamento que esta ofrecía de toda a problemática das sociedades coloniais da altura, que non aceptaban as relacións entre asiáticos e europeos e tampouco entre clases economicamente dispares, alén doutras críticas á opresión familiar e a falta de liberdade do individuo.

Esta última lectura, ben celmosa e plural, ficou aínda máis arrombada cando Jean-Jacques Annaud fixo unha adaptación fílmica da obra en 1992, creando o furor nos postos de venda dos cinemas con varios millóns de espectadores en Francia e o resto de Europa e tamén en Estados Unidos. Na versión de Annaud a centralidade da vivencia erótica dos protagonistas despraza a un moi discreto segundo plano calquera outra cuestión, creando unha cinta de impecable factura, pero abondo estetizante, que non gustou nada a Duras, quen respondeu reescribindo a obra baixo o título de O amante da China do Norte e incidindo en todas as outras realidades non exclusivamente sensuais que a novela quería pór de relevo.

Léase dende unha óptica ou dende outra, O amante segue a ser, case corenta anos despois da súa aparición, unha narración extraordinaria. Nela condénsase a mellor prosa de Duras, tremendamente plástica, chea de lirismo e sutil na percepción e análise das relacións humanas e dos contextos sociais que as rodean.

Por fortuna para nós, esta excepcional novela pode gozarse agora en galego mercé á tradución que dela fixo Oriana Méndez para o selo Faktoría K. Nas verbas de Méndez non só hai un escrupuloso respecto polo espírito que imprimiu orixinalmente Duras ao texto, senón que, alí onde foi preciso, soubo facer voar a creatividade e adaptar o que conviña para que a narración funcionase no lectorado galego. O fraseo curto de adxectivación precisa, as descricións sensoriais e alusivas, o léxico vizoso e dúctil, todo o que Duras tan ben conseguiu aquilatar está en Méndez impecablemente recreado, o que asegura unha lectura fidel e, ao tempo, nova, que moito cómpre agradecer.

[Faro de Vigo, 25-5-2020]

Vórtice de cinzas

Manuel Álvarez Torneiro regresa á actualidade literaria cun poemario memorable: Os ángulos da brasa.

Nos versos do poeta coruñés arde a memoria dun tempo gris, os estertores dun mundo roubado, afogado, naufragado, aqueles anos da posguerra nosa, tan famentos e infames. Mais tamén hai espazo para o amor salvífico, para as crebas amables da esperanza, os restos da marea que as lecturas taumatúrxicas agasallan: a compaña amiga de Avilés de Taramancos, a voz irmá de Valente, as presenzas evocadas de Hölderlin, Rilke, Whitman, Saint John-Perse, Shakespeare, Vallejo, Pound, Guillén ou Juan Ramón e, ao carón, a música envolvente, harmónica, epifánica de Schubert, Mozart, Vivaldi, a luz toda de Veermer, Caravaggio, Brueghel, Chagall…

Poemas como incendios da lembranza, brasidos que calcinan a mirada do neno orfo que foi e se foi, ese cativo admirado da deriva do Tempo que dende o presente avolto recorda e trata de cauterizar os estigmas, de reconciliarse coas sombras do pasado, de esconxurar os seus fantasmas interiores.

Os ángulos da brasa: vórtice de cinzas no ar do canto.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 3-5-2012]

Setestrelo de poetas vascos

A colección póetica Tambo, no pasado acubillada no seo da Deputación pontevedresa, rexorde agora con novo pulo da man do selo vigués Faktoría K. Da vella xeira conserva o seu avezado temoeiro, o poeta e narrador Luís Rei Núñez, e mais o gusto pola edición coidadosa no material e no textual, vimios estes que nesta nova andaina alcanzan o grao de primor.

Os dous títulos cos que bota a andar esta nova Tambo son o poemario de Manuel Álvarez Torneiro Os ángulos da brasa e mais a antoloxía Alén da fronteira. Sete poetas vascos. Sobre este último quero determe agora unha miga, pois entendo como moi positiva a divulgación por estes lares dunha literatura que intúo abondo descoñecida para moitos e que, porén, merece ser máis visitada, o que a publicación de edicións bilingües como a presente favorece grandemente.

Alén da fronteira escolma media ducia de poemas de sete creadores éuscaros; a saber: Luigi Anselmi, Bernardo Atxaga, Jon Gerediaga, Tere Irastortza, Xabier Lete, Xabier Montoia e Joseba Sarrionandia. A versión galega correu a cargo de Isaac Xubín, quen realizou aquí unha traslación a un galego vizoso, dúctil e extraordinariamente musical, logrando unha fluencia do verso de exquisito repertorio léxico e moi ben burilada imaxinería. Un auténtico pracer ler esta sonorísima tradución, que convida á procura doutros textos e obras dos autores versionados.

O libro conta cun breve prólogo de presentación asinado por Jose Angel Irigaray onde, de xeito compendiado, se nos ofrece unha panorámica xeral sobre a historia da poesía vasca dende os seus inicios no século XVI ata a actualidade.

Seguir lendo