Literatura sen fronteiras

literatura sen fronteirasCando en 1983 Xosé Neira Vilas publicaba por vez primeira Contos vellos para rapaces novos o mundo aínda non coñecía a popularización de internet, os smartphones non nos interconectaban planetariamente e non había google maps nin street view cos que percorrer virtualmente calquera recuncho do orbe. Por iso un volume como aquel, onde calquera lector galego podía achegarse a unha ampla selecta de relatos elaborados a partir da tradición oral de ben diferentes pobos dos cinco continentes, tiña, alén do literario, un valor engadido como vehículo de coñecemento das realidades etnográficas e da idiosincrasia propia das xentes deses lugares.

Máis de tres décadas despois, aquel libro que no seu día dera á luz Ediciós do Castro, volve á actualidade mercé á publicación dunha nova edición revisada e aumentada polo propio autor, quen a deixou preparada poucos días antes de se nos ir, no novembro pasado.

Estes actualizados Contos vellos para rapaces novos chegan agora por man de Bolanda Edicións, quen os presenta nun volume de gran formato e ilustracións a toda páxina realizadas por Antía Barba Mariño, unha edición de exquisito gusto tanto pola escolla dos materiais, tintas e tipografías como, sobre todo, polas coloristas imaxes que para el deseñou a pintora santiaguesa.

Fronte á edición orixinal, a presente engade dous novos textos (que reelaboran historias de transmisión oral de Galicia e Portugal) ata sumar un total de trinta e cinco relatos. Todos foron recreados por Neira Vilas a partir de vellas narracións de tradición oral de pobos dos cinco continentes. Desfilan, así, por estas páxinas, contos, lendas, mitos e mesmo romances narrativizados da Europa albanesa, eslovaca ou ucraína, dos antípodas neozelandeses e australianos, das lonxincuas terras birmanas, indias ou xaponesas, das ardentes paisaxes de Liberia, Malí ou Nixeria e mesmo das transoceánicas do Brasil, Cuba ou República Dominicana, entre outras.

contosvellospararapacesnovosContos vellos para rapaces novos é, por tanto, unha obra de nidia pegada multiculturalista, que non renuncia á pedagoxía divulgativa de vidas e costumes. Neste sentido, Neira Vilas xa deixara no seu día clara cal era a intencionalidade do libro: “Xuntei pra vós este ramallete de contos populares, púxenos en galego, e aí van, con mentes de que ancheen o voso horizonte e vos leven en andaina imaxinaria ao longo do mundo, das xentes e dos tempos.”

Doutra banda, o feito de que Neira Vilas decidise reelaborar textos da transmisión oral fala ás claras da importancia que concedeu sempre a esta literatura, que consideraba tanto como a de autor.

Canto ás historias reunidas —e malia á súa natural heteroxeneidade—, todas elas comparten un mesmo substrato común que irmanda os pobos que as xeraron. Unha sorte de universais temáticos e de valores unanimemente compartidos, entre os que a capacidade de superación do ser humano, a loita polo ben e a xustiza, a capacidade para amar ou para se divertir e mesmo o motor da curiosidade alimentada pola sabia madurez son outros tantos elementos comúns ás historias que Neira Vilas recrea partindo de tan diverxentes tradicións culturais.

Alén doutros paratextos como as nótulas curriculares do escritor e ilustradora, esta fermosa edición complétase cun moi útil glosario de indixenismos e voces pouco frecuentes e un prólogo que Neira Vilas deixara preparado apenas uns días antes do seu falecemento, en novembro do pasado ano.

Aqueles que no seu día non se debruzaran nesta ventá aberta ao universo orbe que son estes Contos vellos para rapaces novos teñen agora unha nova oportunidade para viaxar polo vizoso imaxinario de pobos e terras que con tanto primor editou Bolanda, con certeza unha nova leda para todos os que amamos a literatura sen fronteiras.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 12-6-2016]

Sementando galeguidade

Semente galega en AméricaMoitas son as páxinas que Xosé Neira Vilas ten dedicado á Galicia de Alén mar nas súas máis variadas vertentes: o mundo emigrado, a realidade dos exiliados, a escrita e o xornalismo dos nosos que por alí andaron, as relacións que el mesmo mantivo cos persoeiros deses territorios, en fin, calquera circunstancia presente ou histórica e case que calquera protagonista delas. Por tanto, non é novidade que o escritor de Gres se debroque outra volta sobre este asuntos no recente Semente galega en América, mais si que o faga co enfoque e o obxectivo que agora propón.

O que neste libro publicado por Bolanda atoparemos son nada menos que un cento de prosas breves nas que Neira Vilas repasa a peripecia humana doutros tantos galegos en América que, dunha ou doutra maneira, conseguiron co seu talento e esforzo facer máis grande aquel continente e, asemade, honrar a súa Terra do orixe co seu meritorio quefacer.

Por este Semente galega en América desfila Manuel Iglesias, o emigrante que construíu o primeiro coche na Arxentina en 1907 (un vehículo que, por certo, probou décadas máis tarde o mítico Fangio podendo comprobar o seu estado óptimo); Xosé María Silva, o fotógrafo preferido de Carlos Gardel; o poeta nacional gauchesco José Alonso Trelles, coñecido polo sobrenome de El Viejo Pancho; o célebre Pirata Mundaca, de orixe coruñés, terror do Caribe; o creador da cortadora de cana de azucre ‘Libertadora’, o insólito Sindo Seixido de Limodre, parente dun meu amigo xornalista; Pedro González Telmo, dominico de Tui, quen foi santificado e dá nome a un dos barrios máis carismáticos da cidade de Buenos Aires, San Telmo; Manuel Pereira, axudante de Antonio Meucci, quen probou con el o primeiro teléfono do mundo no Teatro Tacón da Habana, que foi tantos anos edificio emblemático do Centro Galego; Ramón Verea García, creador en Nova York da primeira calculadora mecánica, base das actuais calculadoras; Afonso Graña, o emigrante de Avión que casou coa filla dun xefe indíxena do Amazonas e foi nomeado rei daqueles vastísimos Xosé Neira Vilasterritorios; Pedro González Cancio, fundador da cidade de Clorinda na Arxentina; Alexandro Campos Ramírez, máis coñecido como Alexandre Finisterre, inventor do futbolín que fabricou e exportou dende Guatemala para todo o orbe; Isabel Barreto, a única almirante muller que tivo a Real Frota Española nos séculos XVI e XVII; Victorino Abente Lago, muxián que chegou a ser designado en vida Poeta Nacional do Paraguai; mesmo Amador González, o mindoniense que brillou na prensa porteña e logo marchou á Patagonia para fundar bibliotecas e, ‘esquerdista romántico’ como alguén o chamou, axitar alí conciencias para mellorar as condicións de vida daquelas xentes, promovendo que se construísen camiños e pontes ou axudando ás escolas co envío de libros e instrumentos de música.

Toda esta admirable galería de galegos na América retratada con tanta amenidade coma acuidade por Neira Vilas toma forma nun volume pulcramente editado que, amais, contou como ilustrador con Xosé Vizoso, un luxo que espella nas imaxes que acompañan cada unha destas pequenas prosas, nacidas ao abeiro xornalístico e aquí madurecidas e revisadas con filigranas novas e curuscantes.

A todos os que desexen saber máis e mellor do que os nosos fixeron da outra beira do Atlántico recoméndolles esta Semente galega en América de Xosé Neira Vilas, testemuño de como en México, Guatemala, Nicaragua, Venezuela, Perú, Paraguai, Chile, EE. UU., Porto Rico, Brasil, Uruguai, Cuba ou Arxentina unha auténtica lexión de galegos achegaron o seu enxeño e talento para facer progresar aquelas terras nas que deixaron, ben alta, a bandeira da Galicia que os vira nacer.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 9-8-2014]