Un dos libros que con máis gusto levo lido nestas últimas semanas é o delicioso Cuentos y leyendas de Galicia, da autoría do narrador e etnógrafo mindoniense Antonio Reigosa.
Publicado por Anaya dentro da colección específica Cuentos y Leyendas, quen se achegue a este volume terá noticia certa de todo o noso universo marabilloso, dende as orixes míticas das rías ata a memoria da Atlántida, pasando pola épica do Río do Esquecemento ou os tempos nos que os animais de noso falaban. Por suposto, tamén será quen de desvelar os segredos máis ocultos da moura Ana Manana, as historias fantásticas do Apóstolo Santiago e a Raíña Lupa, as fabulosas vivencias do extático San Ero de Armenteira, a noticia da existencia da cidade de Brea e os misterios da Cova do Rei Cintolo, a ritualística de Santo André de Teixido, a nacenza de Pontes de Gatín ou Brancaflor, filla do demo, e aínda das sete bruxas, o afillado da Morte, a muller loba, a cerva branca dos Ancares, a illa balea e mil e un demos, trasnos, meigas, pantasmas e encantos.
Para os entendidos, recomendo que non deixen de ler o apéndice final que Reigosa titula “La Galicia mítica” onde, de xeito tan ameno coma didáctico, explica cuestións como a diferenza entre conto, mito e lenda para logo repasar os principais motivos e personaxes distintivos do noso folclore e, en concreto, o referente aos escolmados no libro, que, como non podía ser doutra maneira, bebeu de traballos clásicos de Leandro Carré Alvarellos, Antón Fraguas, Xosé Ramón Mariño Ferro, Vicente Risco e, por suposto, do propio Reigosa e os seus compañeiros Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, autores do Dicionario dos seres míticos galegos (1999) que está na base de moita da información aquí literaturizada en castelán.
Cuentos y leyendas de Galicia é lectura máis que agradecida que non pode menos que recomendarse a nen@s de 9 a 99 anos e, se se me apura, aínda tamén a outr@s menores e maiores.