Closing Time

Nordesía (Juan Tallón, 22-3-2020)Imaxinade o día máis feliz das vosas vidas. Imaxinade que estades rodeados dos seres que máis queredes, sodes xente moza, acaban de darvos unha gran noticia profesional e todo vos sorrí, así que decidides facer unha festa para celebralo e, namentres ultimades os preparativos e agardades a que cheguen os convidados, a vosa vivenda salta polos aires froito dun atentado xihadista.

Velaí o punto de partida de Rewind, a última novela do camaleónico Tallón, quen sempre sorprende subindo a aposta e propoñendo un artefacto literario abondo arredado de todo o que ata entón asinara. Así acontece con esta historia, na que presta tanto a arquitectura coma o motivo narrativo: a visión da existencia como un poliedro impredicible no que o azar, a recursividade da memoria, a fraxilidade e a resiliencia conforman un imparable mecano que se (re)axusta a cada paso.

Narrado coa técnica do multiperspectivismo, o relato do sucedido ofrécesenos en seis capítulos e cinco voces: o primeiro e o último, dende o ángulo de visión do único supervivente do atentado, que define así unha estrutura circular do lembrado; os restantes, a través da ollada de coprotagonistas ou testemuñas da inmensa explosión que acaba co día perfecto dese pequeno grupo de estudantes de diversas nacionalidades nunha vivenda de Lyon un venres de maio dos primeiros dous mil.

Máis alá da actualidade da traxedia terrorista, Rewind é antes nada un exercicio filosófico, un repensar a existencia e as súas crises, un verse a un mesmo rexurdir (ou non) das súas cinzas, todo para tentar comprender ata que punto o presente se nos escapa, o pasado é volátil e ambivalente e o futuro unha entelequia da que non temos nin idea.

Somos un carácter esencial? En que medida resultamos mutables? Que determina a capacidade para reconducir as nosas vidas? A felicidade, a beleza, a esperanza, son conceptos vivenciables dun xeito minimamente unívoco? E o amor? E a amizade? Ante os personaxes desta novela ábrese un abismo: o dun atentado que lles revela a definitiva fraxilidade das súas vidas, a va ilusión de seguranza na que se crían instalados, como se protagonizasen un novo O gran Gatsby alleos ao drama brutal que se aveciña e que os obrigará a reinventarse, a ser outros sendo eles mesmos, porque, como anuncia a cita de Hemingway coa que principia o libro, o ser humano non está feito para a derrota; pode ser destruído, pero nunca derrotado. Ou sexa: que estamos programados para nos erguer tantas veces como caiamos. A maioría, claro está, pois en Rewind tamén aparece a negra sombra do suicidio. E a da pederastia. E a do incesto. E outras realidades ominosas que fan desta narración un puzzle témero, con ángulos mortos que as visións cruzadas mal conseguen iluminar, pois o lado escuro pode moito e as cicatrices están aí para recordarnos as feridas.

Escrita cunha prosa stiletto, de abraiante eficiencia, tal un reloxeiro semántico que dispuxese as pezas retóricas nunha engrenaxe de superior harmonía, Rewind aforra en diálogos o que gaña en trenzado espazo-temporal, economiza en descricións o que regala en imaxes palpitantes, brasas que perfuran no pensamento e fican ardendo ontoloxicamente máis alá.

“Ás veces —reflexiona nun determinado momento un dos personaxes desta novela— todo o que unha persoa inmensamente triste necesita é unha parede contra a que se derrubar”. Nese oco para respirar e recuperar o folgo, para tomar forzas e seguir a vida pulando por riba dun eterno Rewind sisífico é onde se sitúa o poder subversivo desta historia, moito máis esperanzada do que puidese parecer. A maxia de Tallón ten estas cousas e a música da súa prosa, como o tempo, garda as súas propias curas. Abonda con abrir as páxinas do libro e deixar que soe o “Closing Time” de Cohen.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 22-3-2020]