O primado da Garza

luzpozoA poesía de Luz Pozo Garza é toda ela unha fulguración solar de tantra e música das esferas, unha explosión púrpura que dimana da perfección do loto e a cifra dun códice fidelísimo.

Así é tamén o seu último libro, Pazo de Tor, revisitación pola palabra e homenaxe perenne aos seus devanceiros, á estirpe da Garza, familia que señoreou durante tempo innomeable ese senlleiro feudo das terras de Lemos.

A figura da nai abre e pecha as páxinas deste poemario, un exercicio sincrético no que converxen todos os libros anteriores da autora, que aquí comparecen a través dos seus símbolos máis queridos. Un portento de memoria épica e lírica, regreso ao paradiso íntimo de Tor, xeografía imperecedoira, acaroada á Ribeira Sacra. Un voltar ao Primado da Garza, ese espazo radical, primixenio, no que a nena Luz foi con súa nai en días de infinda felicidade que agora regresan en ondadas de lembranza, nun langor melancólico que verniza os recordos e fai agromar a saudade.

Mais Pazo de Tor é tamén o Verso dos Versos, un biblion inacabable no que todo o cosmos de Palabra estoura como un vórtice xeratriz. E velaí os están o Ars Amandi de Ovidio, os muros da patria de Quevedo, os cervos feridos de Pero Meogo, o unicornio amansado pola doncela virxe, a rosa de cen follas de Rosalía e Cabanillas, a beleza ferida de Díaz Castro, as damas do tempo pasado de Cunqueiro, os nocturnos da cidade de Pimentel, o vento ferido de Casares, o divino Dante e a brétema ceguiña de Noriega, en fin, a noite da alma de San Juan de la Cruz.

A delicada fibra destes poemas encorda e deita a súa música espiritual en modulacións de enlevación oracular, por veces ata extática. E aquí son o misticismo e o sufismo, o orientalismo do Bodhisattva e o pitagorismo, a ascese e as mitoloxías nórdicas.

Nada, fórmula ningunha se resiste ao lóstrego da Garza, que cose na súa escrita músicas e cinema, danza e pintura nun labirinto no que conviven as albas e cantigas de amigo medievais coas elexías e os poemas de superior erotismo, ensaiando rexistros retóricos de virtuosa para a que non teñen segredo os paralelismos mil, as interrogacións retóricas, os tópicos do ubi sunt ou o tempus fugit, os fonosimbolismos, as epanalepses e anadiploses e todo un festival de tropos que vira vangarda nas minúsculas tras punto, nos encabalgamentos abruptos e a liña versal quebrada, na dicción de gloriosas imaxes surreais.

Por xunto, a estética radiante destes versos configura unha auténtica ontoloxía, a enunciación de toda unha metafísica de lindeiros poéticos e espirituais: “Eu quixen contemplar a miña flor de loto/ e indaguei no vacío das cousas infinitas/ e daquela advertín unha luz/ que escribía no ser/ sen palabras sen sombras/ naquel fulgor inmóbil e dicía:/ Todo é un indiviso/ como a alma e a vida/ E ti es pedra solar/ e rosa púrpura/ muller de ser e tempo”.

E así a flor de loto, o amor tántrico, a rosa púrpura, a ánima indivisa, a pedra solar, a ave libérrima, a fonte inesgotable, a lanza de Longinos de sacro fluír, as historias fidelísimas, a música reservada e os espellos transferidos habitan este Pazo de Tor.

Deste dicir de Delfos, misterio que nos envolve na alta voz da Garza, sabe todo Víctor F. Freixanes, máis que prologuista, médium das voces do poema, quen nunhas antolóxicas páxinas cabezaleiras ilumina o sentido último desta poética.

Pazo de Tor, tirado do prelo de Alvarellos, multiplica as labaradas mercé aos maxistrais oficios de Carmen Blanco, artífice dunha edición impecable, na que nada falta e nada sobra, todo canxa no seu lugar e os sedimentos versais que en versións e reversións a poeta irradiou acaban por verse aquí atrapados nun diamante perfecto, volutas verbais que ascenden e ascenden e ascenden ata o firmamento da Poesía vencedora absoluta alén de calquera Tempo.

Saúde eterna e case centenaria ao Primado da Garza, á súa epifanía en campos de azur, ás flores de lis entre escadas e pés descalzos, á antiquísima estirpe de tan puro arco e aves douradas, toda Luz.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 10-2-2019]

 

En plenitude

Helena Villar Janeiro, 27-5-2018Con case medio século de andaina literaria tras de si, a traxectoria de Helena Villar Janeiro é unha das máis extensas e intensas do panorama galego das últimas décadas.

Narrativa e ensaio, escrita infantoxuvenil e xornalística, investigación literaria e didáctica da literatura, todo e máis ten feito con ben esta luguesa que é, antes nada e por riba de todo, poeta.

Precisamente aos eidos da lírica pertence o seu máis recente título: Poesía mínima, unha selecta de medio cento de haikus que publica da man de Alvarellos Editora.

Poesía mínima é, en realidade, un poemario visotextual, pois a carón dos haikus Villar Janeiro dispón cadansúa imaxe fotográfica en estreito e complementario diálogo coa composición, que, dalgunha maneira, resulta dunha amplificación simpatética da esencia comunicante que encerra a propia instantánea.

Pois ben, a modulación formal desa esencia lírica adquire a forma de poema tradicional xaponés, de haiku que se adapta á idiosincrasia creativa e antropolóxica galega mais coa observancia dos moldes estróficos orixinais, alternando no tríade os versos de cinco, sete e cinco sílabas respectivamente, mais con liberdade na concreción emotiva, pois aínda que nos poemas de Villar Janeiro é posible detectar certos usos do kigo nipón, a presenza do kireji figura diluída.

Poesía mínimaNo que si hai converxencia é na plasmación nestes versos de toda a forza do abraio e a emoción que condensan os haikus orientais. Nestes poemas, como nos dun Basho, un Onitsura, un Buson ou un Issa, hai unha contemplación epifánica da natureza, unha procura da esencialidade do ser a través dos momentos mínimos ou os espazos en iluminación, unha poética de intres e relanzos que nos van descubrindo o fulgor das estacións, a fugacidade reveladora dos froitos, a expresividade estética do mar e as ribeiras, a soidade e recollemento interiores ascensionais, a ascética da contemplación e, sobre todo, o naturalizado pasar do Tempo e o limes transicional da Morte.

Como selo particular, as roupaxes desta arte oriental adórnanse en Villar Janeiro coa xenerosa presenza dos ecos clásicos. E velaí como “A deusa Xea/ amósanos os peitos/ petrificados” ou, falando da cala, “De tan fermosa,/ puxéronlle os paxaros/ Lámpada de Eros” ou como “A Ave Fénix/ renacida esta tarde,/ que alto voaba!”, mesmo a lembranza de como “A resistencia/ protexe os seus Penates/ do esquecemento”. Un fluír do grecolatino que, noutras ocasións, se transfunde coa tradición de noso, poño por caso, cando “Chega na chuvia/ e sempre sen barqueiro/ nin remador”.

Non quero esquecer unha outra bondade que acompaña esta Poesía mínima: o feito de se presentar en edición trilingüe, con versións en castelán (da propia autora) e inglés (do tradutor e cantautor Paul Baker). Como nun fiel espello, a melancolía que destilan estas luzadas líricas galegas de Villar Janeiro vísanse duplicadas nesoutras dúas linguas, abrindo así o deleite a aqueles que, por instalación natural ou opción, cheguen a esta poética dende outras expresións idiomáticas.

Extrema concentración expresiva, sutileza no dicir e transcendencia no ollar alíanse nestes visopoemas de Helena Villar Janeiro, creadora en plenitude, que fai boa en Poesía mínima a máxima de que menos é máis.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 27-5-2018]

Xeoliteratura mítica

xeoliteraturaA xeografía galega está chea de cumes míticos, alturas nas que condensa toda a materia lendaria dun pobo que habita algúns dos cordais máis antigos do planeta. De norte a sur, de leste a oeste, nomes como o Xistral, o Pindo, Irimia, os Tres Bispos, o Monte da Cova da Serpe, o Xiabre, o Monte Aloia, a Curota, o Pedroso, Santa Trega ou Monte Siradella, entre moitos outros, tráennos á mente a memoria toda das xeracións, episodios históricos transcendentais e o esteso imaxinario popular concentrado neles, naturais imáns da nosa máis feraz cultura espiritual.

Pois ben, entre todos eles adquire especial relevo, polo que de emblemático ten, o Pico Sacro. Non é, nin moito menos, dos máis outos, mais os seus 533 metros fan deste cumio situado no Concello de Boqueixón unha sorte de balcón aéreo que se abisma sobre as terras de Compostela, Helicón privilexiado no que ecoan resonancias celtas e pagás que nos devolven a un mundo de lumes sagros, ofrendas rituais e seres máxicos.

Moita é a literatura que ten feito correr o Pico Sacro, vixía de pedra da capital de Galicia. Tanta que non se pode entender a nosa escrita do último século e medio sen acudir á presenza deste simbólico cimo.

Conscientes da importancia xeoliteraria do enclave, o profesor Xosé Manuel Lobato e mais o poeta e investigador Miro Villar reuniron en Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda ducias de textos nos que este monte se erixe como protagonista, xunguindo historia e ficción para retratar, en múltiples voces, a singular paisaxe, a realidade alegórica e o emblema identitario dos que participa este cume, do que no seu día Camilo Díaz Baliño fixera un debuxo que tamén se reproduce no volume.

Poemas, relatos, ensaios, crónicas xornalísticas e contos infantís que xiran arredor do Pico Sacro e que inclúen tanto textos éditos coma escritos para esta edición, nun número final que se aproxima ao centenar, cubrindo un lapso de tempo que arrinca co Rexurdimento e chega ata este século XXI.

Marcial Valladares, Antonio López Ferreiro, Valentín Lamas Carvajal, Manuel Murguía, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Daniel R. Castelao, Florentino Cuevillas, Xosé Neira Vilas ou Manuel María partillan tema con outros creadores de xeracións posteriores e da actualidade, rendendo honores todos a este picouto lendario que simboliza non pouco das nosas esencias.

O resultando é unha colectánea de máis de tres centos de páxinas, con textos galegos ou traducidos ao galego ―tamén algún en portugués― dos que os editores anotan pulcramente as fontes bibliográficas, ao tempo que identifican o lugar e tempo de nacenza e pasamento de cada autor. Fóra quedan, como advirten Lobato e Millar en pertinente limiar, alusións puntuais do Padre Sarmiento e lendas e cántigas da literatura galega de tradición oral nos que o Pico Sacro tamén está presente, mais que non encaixaban nesta escolma de creadores que asinaron textos nos que esta cumieira foi o centro do seu discurso.

Cumprido recoñecemento merece este Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, no que moito axudou o auspicio da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo e tamén a complicidade de Alvarellos Editora, selo responsable da súa publicación. Mais sobre todo é de xustiza o aplauso para aqueles que prestaron os seus textos para que aquí se editasen por vez primeira, para os que axudaron a localizar escritos xa éditos de difícil acceso e, xaora, para Xosé Manuel Lobato e Miro Villar, mercé aos cales podemos hoxe celebrar que o Pico Sacro siga a acubillarnos coa súa benéfica “sombra de alcipreste”, como lle chamara luminosamente o grande Otero Pedrayo.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 20-8-2017]

Rosa de Luz

rosa-de-luzLuz Pozo Garza é un continente literario. Setenta anos de actividade poética ininterrompida convértena na escritora galega de máis dilatada traxectoria. Por iso mesmo aglaia a súa inesgotable capacidade para reinventarse e seguir a ofrecer textos de grande altura estética e orixinal feitío.

A última ledicia lírica coa que nos agasalla é Rosa tántrica, poemario publicado por Alvarellos Editora que conta cun deseño de cuberta e ilustracións interiores tamén obra súa. Rosa tántrica ten moito de homenaxe a Jorge Luis Borges, con quen a escritora de Ribadeo establece un celmoso diálogo literario no que a figura de Paracelso ten tamén unha presenza moi destacada.

Dividido en dous grandes bloques titulados “Libro I” e “Libro II”, os versos deste poemario tecen unha arañeira de alusións metaliterarias coa contística borgeana, que comparece aquí como obxecto do canto a través de relatos tan coñecidos como “El Aleph”, “El jardín de senderos que se bifurcan”, “Las ruinas circulares”, “La casa de Asterión”, “La flor de Coleridge”, “El ruiseñor de Keats”, “Siete noches” ou “La rosa de Paracelso”.

Xustamente é a figura deste médico, alquimista e astrólogo suízo a que serve a Pozo Garza como guieiro dunha parte dos poemas, pois a lendaria capacidade de devolver a vida a unha rosa murcha que un seu discípulo desexa aprender do mestre de Zürich é o argumento de “La rosa de Paracelso”, relato de Borges arredor da cal poetiza a escritora.

Mais nesta Rosa tántrica hai tamén outras fías que se entrecruzan e fan do libro un tapiz estilístico e temático ben plural. Percíbese esta vizosidade na habelencia do seu deseño simbólico, onde o papel da flor (rosa, camelia ou loto) nos remite á Beleza e a permanencia, á perfección que loita por vencer o tempo. Un símbolo, por certo, recorrente na obra da escritora (lémbrense, por exemplo, títulos como Prometo a flor de loto ou Deter o día cunha flor). Do mesmo xeito, tamén destaca a aparición da arpa e o arpista na última parte do poemario (e aquí volven á memoria As arpas de Iwerddon), onde este último devén unha sorte de intérprete pitagórico da perfección da música das esferas que as arpas harmonizan. E outro tanto podería dicirse do comparecer de símbolos como o do arcanxo (espírito superior que conecta coa divindade) ou o tigre, tan caro a Borges e outros, encarnación de máis senlleira fereza que nos vencella cun sentir singular e atávico.

rosa-tantricaRosa tántrica ten, dende o propio título, un moito de poética espiritualizada, de tantrismo ou esoterismo oriental, pero, sobre todo, hai neste libro unha densificación extrema do órfico, o alquímico e o transcendente revestidos de aparataxe cósmica. Procúrase a Luz, salvar a flor perenne da Vida, deixarse abanar polos solilunios todos e a revelación profética dos arcanxos salvadores, nun misticismo xenuíno que habita a poesía de Pozo Garza.

O volume péchase cunha “Coda” na que se integran dous poemas de escritores benqueridos pola ribadense: Claudio Rodríguez Fer, que lle dedica “As flores da vida”, e Carmen Blanco, quen lle oferta “Rosa azul”. Ambos e dous constrúen os seus textos referenciando moitas das claves que atravesan a poética de Pozo Garza, pechando así un círculo de amizade e reciprocidade creativa que os acompaña dende hai décadas.

Crédeme que vos ha prestar a lectura desta Rosa tántrica. Gozaredes coa autora vendo “galaxias e estrelas e miríades de soles”, captando “a simetría entre o espazo e o tempo/ o equilibrio perfecto na unidade suprema/ que é a Rosa” e acabaredes por recoñecer, coma ela, que “O Universo real estaba diante miña/ para ser admirado”.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 25-9-2016]

A luz de Rosalía

Pilar García NegroOs grandes escritores precisan sempre de brillantes eséxetas. Rosalía de Castro, grande entre as grandes, ten na profesora e investigadora María Pilar García Negro (Lugo, 1953) unha das súas máis destacadas analistas, incansable divulgadora das excelencias da súa obra, da fondura do seu ideario, da complexidade do seu vivir. A ela debemos a edición Rosalía de Castro. El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas (2006), a monografía O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010) ou o recente Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro (2013).

A esta nómina de estudos rosalianos imprescindibles engade agora a ensaísta lucense a coordinación do volume colectivo No tempo de «Follas novas». Unha viaxe pola literatura universal, moi interesante achega que se incorpora ao catálogo de Alvarellos Editora.

Unha vintena de estudosos asedian a escrita dun tempo ―as décadas que van dos sesenta aos noventa do XIX e aínda o ronsel dos primeiros anos do XX― para ofrecer unha proposta de lectura do máis suxestiva: pequenos ensaios de literatura comparada nos que, en paralelo ou partindo da obra de Rosalía, se pon en relación esta coa produción doutros grandes das letras da época.

Deste xeito, Marica Campo contrapón lecturas de Camilo Castelo Branco e Rosalía e xemelga esta última con Jacint Verdaguer; Teresa Barro fai que a Cantora do Sar dialogue con Frances Harper; Kathleen N. March conéctaa con Harriet Beecher Stowe; Xosé Luís Axeitos con Alphonse Daudet; María Jesús Lorenzo Modia con George Eliot; Elvira Sanz Gómez con Henrik Ibsen; a propia García Negro, axudada nos oficios de tradución por Eduardo Álvarez, vencéllana a Guy de Maupassant; Carmen Fernández Pérez-Sanjulián preséntaa a carón de Eça de Queirós; novamente García Negro vincúlaa a Leopoldo Alas ‘Clarín’ e a Emilia Pardo Bazán; Celia María Armas García faina próxima a Marchesa Colombi; Anxo Angueira paralelízalle os pasos con Arthur Rimbaud; Xoán Ignacio Taibo dispona con Liev Tolstoi; Andrés Pociña e Aurora López fana parente autorial de José Martí; Carlos Callón vea en Júlia Lopes de Almeida; Pilar Pallarés lembra a súa identidade con Emily Dickinson; Luís Cochón escribe sobre Christina Rossetti e ela; Francisco No tempo de 'Follas novas'Rodríguez reflexiona sobre a ideoloxía rosaliana e a de Oscar Wilde e, como epílogo, Carlos Negro recorda as homenaxes poéticas de Manuel Curros Enríquez á autora de Cantares gallegos.

A este amplo e esforzado retablo de traballos sobre literatura comparada ―que van acompañados da reprodución e/ou tradución dos textos que se poñen en relación― súmase aínda a moi ampla escolma de poemas comentados de Follas novas coa que García Negro adorna a soleira deste volume, análise de case unha trintena de composicións e dos seus peritextos que amosa, máis unha vez, a acuidade coa que é quen de desvelar os significados profundos da escrita rosaliana a profesora da UDC.

Como en toda obra colectiva hai colaboracións de moi diverso xorne e, se ben algunha dela toma o texto como pretexto ata o punto de case esquecer o referente rosaliano e algunha outra concreta gasta unha prosa pedante e insufrible que debía ter evitado, o certo é que o conxunto loce a gran nivel e acaba por resultar un atractivo vitral de escolas e voces literarias nas que figuran algunhas das mellores plumas occidentais a carón de quen é tamén, por dereito propio, unha escritora universal: Rosalía de Castro.

Excelente labor o de María Pilar García Negro tanto na faceta de editora do volume coma na de ensaísta no mesmo, cualificativo que pode moi ben estenderse ao xeral dos traballos que no libro se integran, un exemplo de que a luz da literatura rosaliana pode, e debe, ollarse no resplandor dos seus iguais, os máis fulgurantes astros das letras de toda parte.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-6-2015]