Teatro actual

dramaturxiagalegaactualO teatro galego vive entre continuos claroscuros: dunha banda, a súa limitada presenza pública; doutra parte, a innegable excelencia que os profesionais deste eido teñen demostrado máis que sobradamente ao longo destes últimos anos.

Volvo confirmar esta contraste de realidades coa lectura de Dramaturxia Galega Actual, o volume que publica Edicións Á Feira onde se reúnen catro textos debidos a Inherente Teatro, Miguel Sande, Ernesto Is e Esther F. Carrodeguas.

Todos catro demostran a capacidade de innovación e orixinalidade que atravesa o noso teatro, anovador nos temas e nas formas, nas mensaxes e na estética, creacións do XXI na onda da escrita máis vangardista.

A primeira das pezas do libro titúlase “Dramaturxia das Mulleres”, de Inherente Teatro, unha secuencia de cadros escénicos que teñen un moito de coreográfico e de xogo con outros xéneros como o poético, o ensaístico ou o narrativo. Estas páxinas, que aniñan no paródico e na crítica social punxente, recalan en non poucas ocasións na ironía máis feroz e a sátira, que traen a primeiro plano problemáticas abondo candentes.

Xunto á anterior, esta publicación recolle tamén “Tras Tannhäusser” e “Loló e Mamá”, a primeira debida a Ernesto Is e a última a Esther F. Carrodeguas, ambas voces na liña máis renovadora do noso teatro. No caso de Is, a súa creatura cobra forma no performático, un catálogo de voces e fórmulas nun espazo creativo que hibrida coa danza, o obxectual e o cinematográfico. A proposta de Carrodeguas concrétase nun diálogo nai-filla que é unha revisión do decalage xeracional e as dificultades da convivencia, mesmo, ou sobre todo, entre familiares.

Completando o conxunto comparece “A enterradora (blogue)”, o texto do escritor e xornalista Miguel Sande que foi distinguido no I Certame de Nova Dramaturxia Actual convocado pola Compañía Teatral Feira do Leste co patrocinio da Deputación de Pontevedra.

“A enterradora (blogue)” é, ao meu ver, unha arriscada e atractiva proposta de Sande, que incorpora códigos fílmicos, internetianos e sonoros para redondear unha peza ben orixinal, tanto pola súa mensaxe coma polo escenario e canles comunicativas: unha moza é contratada como enterradora e decide trasladar a súa vivencia profesional relatándoa en streaming a través dunha webcam dun vlog ou videoblog. Este feito acaba comportándolle importantes problemas coas autoridades, o que, lonxe de disuadila do seu proceder, acaba por convencela da necesidade de comunicar o seu sentir aos moitos seguidores destas emisións.

As gravacións da protagonista teñen lugar na noite do cemiterio e, a través delas, imos descubrindo a súa paixón por un Tánatos cosido a Eros, onde a vida, a pulsión sexual e o enlevo extático e paroxístico son posibles baixo modulacións paranecrofílicas.

A reflexión sobre o sentido do existir e unha outra conceptualización da morte presiden esta peza de Sande, que incide nun tema tan galego como o da particular relación idiosincrática que mantemos cos nosos mortos, mais traéndoo á actualidade da man das novas tecnoloxías e as modernas canles de comunicación masivas.

O libro, moi ben editado e coidado no xogo de fotografías que acompañan os textos, engade aínda un breve limiar de Javier Lojo, coordinador da edición, quen explica o sentido e vontade que animou a nacenza do proxecto, subliñando a súa actualidade e orixinalidade, así como a centralidade nel das personaxes femininas.

Para aplaudir, de pé, esta Dramaturxia Galega Actual, unha obra de mérito que oxalá teña continuidade en novas entregas que axuden a visibilizar o noso teatro, sempre tan necesitado de publicacións que o acheguen ao público.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 17-3-2019]