Caderno da Costa da Morte

No Livro do desassosego, Bernardo Soares, o heterónimo de Pessoa a el unido coma se fosen bivitelinos, aseguraba: “É em nós que as paisagens têm paisagem. Por isso, se as imagino, as crio; se as crio, são; se são, vejo-as como às outras. Para quê viajar? Em Madrid, em Berlim, na Pérsia, na China, nos Pólos ambos, onde estaria eu senão em mim mesmo, e no tipo e género das minhas sensações? A vida é o que fazemos dela. As viagens são os viajantes. O que vemos, não é o que vemos, senão o que somos”.

A parte final deste fragmento sérvelle a Luís Rei Núñez como cabezaleiro a Cita en Fisterra, o volume narrativo co que regresa á actualidade literaria para nos convidar a unha singular e irrepetible viaxe polas terras do que el prefire denominar a Costa da Morte do Sol, esa xeografía característica na que se dan a man o ríspeto das mareas vivas e os cantís esgrevios coa ánima espiral dunhas xentes de xenuína etioloxía.

Cita en Fisterra non é unha novela. Tampouco unha guía de viaxes. É o resultante da feliz conxunción dunha exploración en sete xornadas ás que se ameceu a memoria toda dun pobo, coas súas cicatrices e as súas antigas ledicias que se entremesturan con episodios ficcionados, conversas reconstruídas e vivencias e reflexións nacidas da observación empírica de lugares e circunstancias.

Deste sabedeiro amoado, sabia e artesanalmente enfornado pola estilística maxistral do autor, van recendendo as prosas doces destas páxinas, polas que sabemos do hoxe e o onte dun mundo escindido entre a vertixe da globalización planetaria e o recuncar das tradicións inveteradas.

Seguir lendo