Anacos de realidade crúa

Por veces a ficción confúndese perigosamente coa realidade. E en non poucas ocasións a realidade constitúe a base dun relato literario no que faísca a vida experimentada máis intensamente.

Tal parece ser a columna vertebral que sostén o edificio narrativo soerguido por Xosé Luís Santos Cabanas en É todo conto?, volume de prosas breves nas que tanto cabe o minirrelato coma o flash evocativo ou a crónica denunciatoria e que ve luz na Colección Nume da Editorial Toxosoutos.

Estruturado en catro grandes bloques (“Falar ao pulso”, “Et al.”, “Morrería Pan?” e mais “As camelias son deles”), moitas destas historias condensadas son alustros que poñen o dedo na ferida obscena do fascismo bélico, cando non na denuncia do esmagamento do Terceiro Mundo polos máis acomodados do planeta. Son, por tanto, textos con evidente carga social que, servíndose da ironía raiana co sarcasmo, poñen en evidencia condutas e procederes hipócritas e mesmo amorais.

Relatos como “Elixido” manifestan transparentemente a insolidariedade cos máis desfavorecidos. Outros, como “Sentido da propiedade”, “Machos Alfa” ou “Volvan os barcos”, a lacra machista que tanto mal aínda fai. No caso de “Esas cousas pasan” é o hedonismo incívico o que recibe crítica, o mesmo que en “O carballo” palpita o rancor suicida dos nosos paisanos. Outra porción de textos, en fin, ocúpanse da cuestión diglósica, como os titulados “Afalar”; “Falar ben” ou “Liberdade lingüística”.

Sexan uns ou outros os temas escolleitos hai en toda esta escrita de Cabanas unha ollada inquiridora, unha fulguración do pensamento que analiza e tira á luz comportamentos incoherentes, vergoñentos e mesmo delituosos. Este cuestionamento vólvese moi vívido cando as pezas se centran en sucesos acontecidos no 36 ou derivados do que entón pasou. A ignominia dos vencedores, en particular dos axentes directamente implicados na represión (paseadores, forzas da orde pública franquista e os seus cómplices), é aquí ben sangrante nas historias recollidas na derradeira das seccións, “As camelias son deles”, onde a crónica dos fusilados e das familias represaliadas adquire tinturas necesariamente tráxicas e onde a heroicidade da resistencia e da loita antifascista brilla con particular fulgor.

Para alén do dito, Santos Cabanas ten a virtude da narración depurada, o que lle proporciona un estilo directo, de absoluta eficiencia na transmisión da mensaxe, liberada de aditamentos espurios ou manierismos retóricos. Por riba de todo nesta escrita interesa subliñar, sen lugar a ningunha dúbida, onde se sitúa a liña fronteiriza entre o Ben e o Mal, entre aqueles que son dignos de memoria benfadada e aqueloutros aos que cómpre non esquecer como executores do terror e da iniquidade máis desprezable.

Xa que logo, É todo conto? abunda no territorio da escrita social que o autor ensaiara con anterioridade, dende os relatos de De noxos e de brétema (1996) ata os poemas de Por estas palabras recadadas (2006) ou o máis recente Novas do exterior. 63 quilómetros de viaxes á cadea (2016), de título abondo expresivo.

Oficio e solvencia narrativas caracterizan É todo conto? de Xosé Luís Santos Cabanas, un libro que comeza coa interrogación retórica que supón o propio título e á que ben pronto responde o autor inequivocamente: non, non todo é conto porque “sempre haberá polo medio anacos de realidade crúa”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 1-11-2020]