Un leito en desaliño

messederA incandescencia do sangue que palpita no corazón do Tempo. Así é a alta poesía de João Pedro Mésseder (Porto, 1957), unha das voces máis importantes da literatura lusa das últimas décadas.

Autor de ampla e moi recoñecida traxectoria no eido da escrita infantoxuvenil, Mésseder é tamén un dos nomes referenciais da poesía portuguesa para toda idade, ámbito no que ten dado á luz obras que son xa clásicos modernos, como A cidade incurável (1999), Fissura (Premio Maria Amália Vaz de Carvalho), o galegoportugués Abrasivas (2005), Elucidário de Youkali seguido de Ordem Alfabética (2006), Meridionais (2007), Guias sonoras e outras abrasivas (2010) ou Lá longe, o fogo (2015), entre outros.

Nos últimos meses acrecentou o caudal poético do seu río literario coas plaquettes Pequeno livro do tempo (publicada por Edições Plenilúnio en edición bilingüe franco-lusa) e O que mata a sede do mar (saída do prelo de Tropelias & Companhia no seu selo Busílis) e, sobre todo, co poemario E nele todo o sangue se concentra, volume das Poética Edições bracarenses que moito merece lerse e relerse polo que agora contarei.

Hai nos versos de Mésseder unha calixe incerta, unha nebra vaporosa que envolve o sentido nun dicir milenario, como se cada palabra refundase o ser e cada imaxe ancorase na raíz primeira do existente. A materia que ao poeta concirne é sempre transcendente e os perpiaños nos que asenta o seu edificio lírico son de sólida rocha atemporal: o Amor, a Morte, a Beleza, o Tempo. Eis as entidades coas que se establece o diálogo, a palabra fundante e fecundante, a vertixe xeratriz da que o poema emana.

As roupaxes, as máscaras, son case que infindas e adquiren innúmeras metamorfoses: a fermosura das mulleres que pasan, a melancolía eterna dos comboios, os límites da noite cos seus solpores e amencidas, os fascinios e homenaxes. Entre estes últimos, por certo, adquiren especial relevo as composicións dedicadas a célebres artistas (as actrices Silvana Mangano e Charlotte Rampling, a coreógrafa e bailarina Vera Mantero, a pintora Joana Rêgo, mesmo o célebre Tadzio da Morte en Venecia), a poetas admirados (Camilo Pessanha, Manuel António Pina, António Ramos Rosa, Alejandra Pizarnik) e a lugares benqueridos (Ofir, Esposende, a ribeira e a Rua do Paraiso no Porto, Monserrate ou Cáceres).

Pecha o poemario a serie “Flor sanguinea”, quince entregas que condensan o sentir do conxunto, unha ‘rosa de sangue’ latexante na que a vida abala entre pétalos e espiñas, nunha poética que aquí se reprega sobre si mesma e se volve intensamente conceptual, de radical simbolismo.

Como é adoito na escrita de Mésseder, as formas breves de libérrimo metro señorean estas páxinas, mais alternando con algunhas incursións medidas (así o impecable soneto “Tributo à literatura”, os decasílabos portugueses de “31 dezembro”, a fórmula retrouseada de “Canção, quase”) e os poemas en prosa, dunha forza e plasticidade admirables.

E nele todo o sangue se concentra é un miradoiro, un cume de madureza poética dende o que o creador olla os días transcorridos, os soños delongados, a esperanza que se abre cara ao futuro e proclama o sentido da “Escrita”: “Há palabras que lutam entre si/ como corpos que buscassem a harmonia/ do ritmo e o acerto do desejo./ Mas da luta das palavras que se tocam/ que se mordem se penetram se devoram/ quantas vezes resta apenas um leito em desalinho/ apenas o recorte insuportável da ausência”. E velaí: un leito en desaliño, a paisaxe despois da batalla, a inaturable dor do baleiro.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 27-1-2019]