Porta aberta á Cultura

Neste mes de xullo hai dúas décadas que vin publicado nas páxinas do Diario de Ferrol o meu primeiro artigo. Dende entón ata hoxe non deixei de admirar nesta cabeceira a súa exemplaridade brindándolle porta aberta á cultura.

Ao longo destes vinte anos contemplei como o xornal creaba un suplemento específico de cultura, o “Nordesía”. Aplaudín as diferentes personalidades que resultaron distinguidas co Premio de Cultura Diario de Ferrol que durante anos mantivo esta casa. Lin con fruición os volumes que deu ao prelo (sobre a Vida e obra de María Mariño ou Ferrol na historia marítima, mesmo tamén un facsímile do Raza e Terra de Eladio Rodríguez González). E non perdín un só dos fabulosos especiais que publicou polo Día das Letras Galegas.

Mais, sobre todo, estes lustros foron tempo para aprender dos colegas, que foron iluminando co seu saber a actualidade literaria, musical, cinematográfica, plástica e non só.

Non amentarei nome ningún porque non me gustaría esquecer a ninguén. Mais abondará con lembrar que no Diario de Ferrol atendeuse por igual á escrita de novidade e ás figuras clásicas, ás efemérides destacadas e ás tendencias renovadoras. E quen nos ilustraron sobre tan diversos continentes da realidade cultural foron sempre expertos coñecedores das diferentes cuestións e eidos do saber tratados.

O Diario de Ferrol acompañou fielmente os seus lectores durante estes anos sen fallar ao compromiso da información e da formación. As películas da máis recente carteleira, os libros acabados de chegar aos andeis das librerías, as exposicións máis atractivas, os discos con maior pegada, todo foi pasando puntualmente por estas planas, que tamén deron e dan acubillo a reveladoras entrevistas a artistas e intelectuais, amais de ilustrarnos sobre gastronomía, turismo, teatro, danza, escultura e mil e outras realidades culturais.

A transversalidade da cultura constituíu dende a súa fundación un sinal de identidade deste medio. Tanto as columnas de opinión coma as páxinas de sociedade, igual as novas da cidade e de Ferrolterra coma as de Galicia e o Mundo acolleron con frecuencia novas de interese cultural certo, mais foi sen dúbida o suplemento “Nordesía” o continente máis propicio á divulgación destes contidos.

Tan intenso e profesional labor tivo o seu recoñecemento non só no amplo respaldo do lectorado, senón tamén na consideración dos profesionais do periodismo e da cultura en xeral, que levan citado abondosamente as páxinas culturais deste xornal, que se serven deles como bibliografía para traballos académicos do máximo nivel e para ensaios do máis variado xorne e que mesmo nalgunha ocasión chegaron a ser viveiro de novas publicacións, como o caso do libro de entrevistas Ferroláns de seu de dous dos seus xornalistas culturais: Nicolás Vidal e José Gómez Fandiño.

Foron moitas as transformacións que viviu o Diario de Ferrol dende que o creara o admirado e maxistral Juan Ramón Díaz e o botara a andar o exemplar e infatigable Xermán Castro, o seu primeiro director, ata o presente no que o guía o competente e entregado Carlos Miragaya. Mais hai algo que non cambiou: foi, é e seguro que ha de continuar a ser unha lumieira cultural da que moito poden e deben presumir os ferrolterráns e os galegos todos.

Oxalá dentro doutras dúas décadas poida congratularme de novo por tan feliz camiño percorrido. Será sinal de que o Diario de Ferrol non deixou de ser un orgullo para tantos e durante tanto tempo.

[Diario de Ferrol, 18-7-2020]

Oasis DF

diariodeferrolCorren malos tempos para a lírica, que diría Bertolt Brecht. Nos últimos lustros a prensa sufriu grandes mudanzas e a súa morfoloxía, fins e alcance foron redefinidos ata tal punto que ben pouco ten que ver o xornalismo de hoxe co do remate do pasado século.

A deriva economicista, a sobreinformación futbolística, a omnipresenza vulgarizada da escrita sobre a víscera ou a frikización dos contidos son algúns dos buracos negros que fagocitan, día si e día tamén, calquera luz periodística que tente escapar do seu campo gravitatorio altamente masivo.

Así as cousas, que un xornal coma o Diario de Ferrol alcance as dúas décadas de vida acollendo nas súas páxinas abondosos contidos de carácter cultural non só é un feito obxectivamente meritorio, é un verdadeiro milagre polo que deberiamos estar dando grazas sen descanso.

A música, o cinema, o teatro, as artes plásticas, a danza, a fotografía, a ópera, a bd e, xaora, a literatura en todos os seus xéneros e fórmulas tiveron dende o primeiro momento acubillo nas planas deste xornal.

Os que o vimos agromar hai vinte anos e levamos colaborando nel todo este tempo sentimos unha débeda impagable co equipo de profesionais que, día tras día, infatigablemente, contra vento e marea, fan posible que cada mañá todo Ferrolterra e non só reciba o seu diario e poida informarse a través del, criticamente, das carteleiras cinematográficas e teatrais, dos espectáculos musicais, das exposicións de artes plásticas, das iniciativas da bd, dos eventos operísticos e, por suposto, da publicación das mellores e máis interesantes obras literarias.

Plataforma singular neste impulso decidido polas artes e a cultura que abandeira o Diario de Ferrol resultou, dende ben cedo, o actual suplemento Nordesía, xurdido alá polo 2004, cando o amigo Man Castro dirixía o medio e o chorado mestre Juan Ramón Díaz era o responsable de temonear o grupo periodístico. Naquel conxunto de xornalistas que lle deron a súa configuración definitiva estaban Nicolás Vidal e Xosé Mª Gómez Fandiño e, ao pouco, tamén Montse Fernández, aos que logo seguiron outras compañeiras e compañeiros. Hoxe todo ese herdo de tanto e tan bo traballo feito continúao acrecentando Carlos Miragaya e o seu equipo. A todos eles e, por suposto, ás compañeiras e compañeiros colaboradores destas páxinas, corresponde o mérito de que o Diario de Ferrol se teña convertido nun auténtico oasis cultural nun país onde tantiña falta nos fan voceiros para as artes de noso que sigan dando moito que falar, e moito que ler, polo menos outros vinte anos máis.

[Diario de Ferrol, 13-7-2019]

Conversas nordesías

É curioso observar a proporcionalidade inversa que garda o impacto de calquera nova aparecida no periódico coa pegada que, pasada a xornada, esa mesma noticia deixa. Ben certo é que hai textos xornalísticos que, transcorridos días dende a súa publicación, ancoran aínda na memoria dos que os leron, mesmo algúns gozan da extraordinaria fortuna de ser recortados e gardados entre os papeis que un gusta de conservar. Mais estes últimos son ben poucos e o que adoita suceder é que, se ben o día no que unha noticia, un editorial, un artigo ou unha entrevista se publican son centos, miles, os lectores que a descobren, en rematando a xornada unha lápida abafante de esquecemento parece defuntar para sempre eses textos, que esvaecen no limbo dos fugaces escritos perdidos e moi raramente, como digo, regresan ao mundo das palabras perdurables.

Por iso, que unha editora como a ferrolá Edicións Embora se prestase a editar unha compilación de materiais periodísticos é unha magnífica nova, por canto contribúe a rescatar textos que, doutro xeito, só serían consultables visitando hemerotecas ou, no mellor dos casos, mergullando na Rede durante horas e horas ata dar con todos eles.

Se, ademais, os textos recuperados son preto de medio cento de entrevistas realizadas a destacados artistas e intelectuais de noso, non cabe dúbida de que o interese da publicación está asegurado.

Todo o descrito se cumpre, e con positiva abundancia, no volume Ferroláns de seu, da autoría de dous dos máis competentes xornalistas culturais do país: Nicolás Vidal e Xosé María Gómez Fadiño. Entrambos puxeron por xunto un bo feixe dalgunhas das moitas conversas que con diversos personaxes mantiveron nas páxinas do suplemento “Nordesía” do Diario de Ferrol entre os anos 2005 e 2007, faladoiros nos que participaron ferrolterráns de moi diversa condición, entre os que non faltaron historiadores, fotógrafos, médicos, antropólogos, músicos, pintores, biólogos, editores, cantantes, actores, presentadores, tradutores, escultores, caricaturistas, sindicalistas e ata magos, teólogos e periodistas.

Agora ben, por deformación profesional, quen isto escribe ten especial debilidade polas entrevistas que Vidal e Gómez Fandiño mantiveron no seu día con diversos persoeiros das nosas letras, algúns deles desafortunadamente xa lonxe de nós, caso dos chorados Isaac Díaz Pardo ou Fernando Pérez-Barreiro Nolla, outros, por ventura, no mellor das súas traxectorias e publicando para lecer de todos, como acontece coas poetas Medos Romero e Eva Veiga ou os ensaístas Luís Alonso Girgado, Xosé Chao Rego e Guillermo Llorca Freire. Con elas, con eles, falaron o de Limodre e o de Ferrol conseguindo que, dende o recordo da súa raiceira natal, abrisen o discurso ao cosmopolita, repasando as súas biografías e a súa andaina autorial nun conversar cheo de agradables sorpresas e nutridísima información.

De por parte, hai un valor engadido neste Ferroláns de seu que se cadra ha pasar desapercibido a algúns e, polo mesmo, convén subliñar: Vidal e Gómez Fandiño non só amosan o seu excelente quefacer na escolma de voces entrevistadas, senón tamén na habelencia para ‘desaparecer’ do discurso mimetizándose con el: a pregunta, idónea, é unha escusa para que o parlamento bote a andar, coidándose ben de permanecer nun discreto pero sutil segundo plano, que deixa o protagonismo todo ao entrevistado, reaparecendo como un preciso guadiana cando procede inserir unha nova cuestión que reconduza ou abra ángulo na conversación.

Interesa saber, amais, que este Ferroláns de seu agocha aínda outras bondades que moito deben estimarse, como son as magníficas caricaturas que acompañaron as entrevistas, realizadas por Juan Veiga, un dos grandes no seu xénero en Galicia, ou o feito de que os beneficios que se obteñan coa venda da obra irán parar á Asociación Lazos Prosolidariedade de Ferrol, unha entidade que desenvolve un admirable labor na loita contra a sida.

Así pois, non queda senón congratularse publicamente pola publicación deste libro, xermolado cando dirixía o rotativo da cidade departamental outro xornalista de altura, Germán Castro ‘Man’, nun tempo no que hoxe director, Carlos Miragaya, era xustamente o responsable de suplementos e maquetador destas entrevistas.

Nicolás Vidal e Xosé María Gómez Fandiño anuncian na breve presentación do volume que, debido ao “valor do material”, non descartan a futura publicación dunha segunda entrega destes Ferroláns de seu onde se sumen moitos outros parladoiros que ficaron fóra desta primeira. Oxalá tal desiderátum se cumpra máis pronto que tarde, pois así poderemos gozar os lectores doutro interesante libro no que se siga facendo país con intelixencia e lucidez.

[Publicado no xornal dixital Praza Pública, 21-1-2013]