Teatro de arlequíns

Existen eidos da escrita literaria en galego que xogan cunha desvantaxe evidente. En xeral, todo o producido no noso idioma padece dese mal, pero está claro que, dependendo dos xéneros e apostas creativas que esteamos a falar, as eivas aínda se fan máis acusadas.

O teatro é, con certeza, unha arte que nunca gozou dunha implantación masiva entre nós, nin o escrito nin sequera o escénico. Houbo, xaora, tempos menos malos e tempos peores, mais desafortunadamente creo que non pode afirmarse, sen obxeccións, que este xénero (nin no pasado nin no presente) teña gozado do favor maioritario do público, ou, polo menos, dunha atención en verdade ampla da que, sen dúbida, é merecente.

Por descontado, se isto é así para todo o fenómeno dramático galego, o teatro infantil (ao que se suman certos prexuízos comparativos respecto desa convención que adoita chamarse ‘literatura de adultos’) aínda experimenta un arrombamento maior. Por iso é tan importante que existan plataformas que promovan a súa existencia e divulguen as obras que van, aos poucos, xurdindo. Neste sentido, o labor levado a cabo pola Fundación Neira Vilas coa convocatoria do Premio Estornela de Teatro creo que é exemplar, pois posibilita que os nosos creadores acheguen propostas coas que alimentar esa canteira esencial que é o teatro escolar e o teatro dos grupos infantís de asociacións culturais e de veciños.

Pois ben, dende hai un tempo as ferrolás Edicións Embora están a colaborar coa Fundación Neira Vilas na publicación dos textos gañadores (por veces tamén dos finalistas) deste certame, que agora edita na nova colección Tren das Cores.

Á última das pezas distinguidas co Premio Estornela quero referirme agora, pois Arlequino Viceversa, que así se titula o libro, é unha obra de Diana Varela Puñal que avanza nesa liña posibilista de teatro próximo, moi accesible pola inxeleza estrutural e a depuración estética do texto, que fan posible a súa lectura tanto aos máis noviños como aos que non o son tanto con igual agrado e que dispón toda a loxística escénica de xeito tal que resulta doada a súa adaptación ás táboas sen necesidade de grandes desembarcos.

Así, Arlequino Viceversa ofrece unha lectura en valores, con marcado acento para cuestións como a defensa das tradicións propias, a convivencia interxeracional, a esperanza e a ilusión por vivir, a capacidade para soñar e emocionarse e a importancia da solidariedade a a amizade.

Ambientada no tempo do Entroido, Arlequino Viceversa (que dende o propio anuncia airexas de homenaxe metateatral) ofrece catro actos nos que vai tecéndose un trama festiva e familiar no que o elemento fantástico tamén comparece e onde hai unha visión amable e esperanzada da realidade.

Os diálogos amenos, salferidos polo humor, e a inequívoca empatía que espertan os personaxes fan deste Arlequino Viceversa unha peza coa que Diana Varela Puñal consegue conmover como xa o fixera cos poemarios Fíos ou Animal abismo ou a poética tamén vehiculada para os máis pícaros de As trovas de Midas, títulos aos que agora se engade este título de Embora que confirma o bo momento da autora e do premio do que se fixo acredora.

[Praza Pública, 31-3-2014]

17 poetas do 21

Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.

Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.

A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.

Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.

Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.

Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.

As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.

Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.

A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.

Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.

Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]

Un gato trobador

Diana Varela Puñal é coñecida no circuíto literario galego principalmente polo seu labor como poeta, eido no que xa ten publicado volumes importantes como Fíos (2008) ou Animal abismo (2010). Talvez sexa en menor medida recordado o seu labor como articulista en medios como El Correo Gallego ou revistas como Anuario Brigantino, A Xanela etc. Mais seguramente o que é para moitos unha faceta aínda por descubrir é a súa escrita para as máis novas e novos, que se materializou recentemente en forma de poemario da man de Edicións Galebook baixo o título As trovas de Midas.

O libro, que presenta unha estrutura bipartita (“Trovas da nena” e “Trovas do gato”) precedida dun poema “Soleira ou vida”, reúne unha vintena de composicións pensadas para primeiros lectores nas que o ton intimista e tenro o domina todo. Versos solidarios, delicados, evocadores, que tanto poetizan a beleza sutil das abelliñas, as flores ou os paxariños como se deteñen nas trasnadas do gato Midas, no rebumbio dos días de festa ou nas angueiras creativas da propia poeta, sen esquecer engadir como remate unha versión do vello mito do rei Frixio.

As trovas de Midas —todo el magnificamente ilustrado pola propia autora e mais a pintora D’Navalha (Verónica Sixto Delgado)— engade, a maiores, un apéndice final de carácter didáctico, “Aprendendo con Midas”, no que se proporcionan suxestivas actividades para que o alumnado destas idades tire partido da lectura do libro.

Neste sentido, quero incidir na idoneidade deste As trovas de Midas para aquel profesorado que queira traballar nas aulas de primeiro ciclo de Primaria un volume de textos poéticos que conta, así mesmo, cun cd no que se reproduce o poemario e mais o caderno de actividades integramente e que, a maiores, engade tamén efectos ás imaxes e ilustracións, creando un formato enriquecido do que os docentes poderán tirar partido para o seu uso en encerados dixitais e afíns.

As trovas de Midas é un dos primeiros produtos da factoría Galebook, unha empresa de servizos lingüísticos no ámbito dixital creada no seo da Universidade da Coruña que pretende converterse nun referente entre nós no sector dos contidos dixitais alternativos e enriquecidos e que xa ten no mercado outros textos de autores consolidados como O pitiño revolucionario de Xulio L. Valcárcel.

A musicalidade heterométrica e ritmada (tamén si rimada) dos versos de Diana Varela Puñal neste As trovas de Midas é un convite para regresarmos á infancia (semi)esquecida, para deixar voar ceibe a nena ou o neno que levamos dentro e enlearnos, con gusto, no nobelo destes versos que poderemos ler ou escoitar, segundo nos prouguer, pois a versión en flash do cd que acompaña o libro ofrece esa rapsódica posibilidade. Toda unha regalía que ben merece coñecerse.

 

O abismo animal de Diana Varela Puñal

A primeira vez que souben de Diana Varela Puñal foi por volta do 2006. Como mindoniense atento aos días e as horas da miña cidade, non me pasou inadvertido o seu Premio de Poesía Díaz Jácome para Novos Creadores pola escolma “Afirmación en nove cantos”.

Logo, apenas un par de anos máis tarde, o poeta Baldo Ramos, membro naquela ocasión do IV Premio de Poesía Uxío Novoneyra convocado polo Concello das Pontes, insistírame, coa lucidez crítica que o caracteriza, en que fixase a atención no poemario Fíos que Suso Pensado, Eduardo Estévez e mais el acababan de distinguir. Seguín o seu consello e mesmo puxen por escrito as miñas reflexións verbo daquel meritorio libro, mais, por razóns que agora non vén a conto explicar, finalmente non se fixo público o meu positivo parecer sobre os seus versos.

Por tanto, a recente aparición de Animal abismo —novamente da man de Espiral Maior, quen tamén dera ao prelo Fíos— dáme a oportunidade de facer xustiza á ascendente traxectoria desta escritora de Corme que moito merece salientarse.

Animal abismo é un poemario ternario. Hai nel un diáfano movemento de tese-antítese-síntese que se acompasa coa tríade de seccións das que se compón a obra: “Limbo”, “Delirio” e mais “Endimión”

“Limbo”, o capítulo cabezaleiro, reúne unha quincena de composicións nas que Varela Puñal deixa fluír unha voz muda, que descende ata os fondos abisais na procura do ser límbico, desa Alma animal ou Animal ánima que agochamos nos dedentros. É unha viaxe cósmica, regresiva, unha ascese silenciosa e desposuidora, un profundar nun non Tempo e un non Lugar anteriores á conciencia. E é aquí, teño de dicilo, onde están, a meu ver, os mellores versos da autora, nese mergullar espido cos “ollos abertos dentro do mar,/ auga por dentro/ materia que se desgrá,/ núcleo”. Ese mar que é “respiración que se presente,/ instinto,/ continuidade”, pélago ante o que a voz lírica “Peixe ancestral repta,/ busca refuxio/ na atmosfera esluída,/ resoa o mar/ no fondo das tempas.”, sempre o arkhé mariño, sempre “O eco do mar/ na orixe da conciencia”.

Seguir lendo