Da cidade túrbida

Nordesía (Rei Ballesteros, 25-11-2018)A Anxo A. Rei Ballesteros debémoslle unha das narrativas máis fondas, orixinais e plurisignificativas da escrita galega das últimas décadas.

Por esas cousas que ten a veleidosa Parca, marchóusenos antes de tempo, mais non quixo facelo sen legarnos moito e bo para lembralo: novelas de referencia como Dos anxos e dos mortos (1977), Loaira (1992) ou Non sei cando nos veremos (2005) e tamén ensaios reveladores como Tempo e vinganza (2002).

Mais, por se todo o anterior non resultase consolo abondo, nas gabetas do escritor ficaron algúns textos que as súas herdeiras foron recuperando aos poucos e foron publicados postumamente: a novela A noite do moucho (2009) e o ensaio Presenza dunha ausencia (2013).

Aos volumes anteriores cómpre sumar agora Dezanove badaladas, a primeira novela escrita por Rei Ballesteros cando tiña tan só dezasete anos, que ve luz da man de Galaxia, coincidindo co décimo cabodano do autor.

En esencia, a obra é o relato aventureiro de tres esmorgantes na noite compostelá de fins dos 60. Unha troula na que percorren a cidade indo de tugurio en tugurio, cruzando cos individuos máis estrafalarios e enchoupándose dunha atmosfera baleira, sórdida e desesperanzada que os empurra ao alcohol e que desemboca na violencia extrema.

Dende o xeoliterario e macrotextual, Dezanove badaladas constitúe a primeira entrega da triloxía santiaguesa ideada por Rei Ballesteros, que completou logo con Dos anxos e dos mortos e Loaira. En todas tres comparece unha Compostela singular, inzada de seres complexos e pensatibres que, no caso desta novela de iniciación, protagonizan unha historia que espella unha urbe alucinada, un moito surreal e decote túrbida, abafada polo anódino e o agresivo, sexa este expreso ou latente.

Vista en perspectiva, a obra emparenta naturalmente coa novela A esmorga de Eduardo Blanco-Amor, non só polo tríade esmorgante, senón por unha mesma vivencia do desacougo e a violencia dos ambientes suburbiais galegos, amais de pola lacerante mensaxe de frustración e derrota que palpita nestes periplos tráxicos.

Doutra parte, tamén se detectan nesta obra primeira de Rei Ballesteros outras débedas ben sonoras, como a da lectura moza do Ulises de James Joyce, perceptible na caracterización de espazos e personaxes, no fiado dun vía crucis bohemio e ebrio e mesmo no emprego de palabras amalgamadas e na torsión da linguaxe para recrear escenas entre o irónico e o paródico.

Escrita cun admirable dominio da técnica narrativa para quen era entón apenas un mozo, hai na obra un aproveitamento extremo dos recursos léxicos e semánticos, que demostra a madureza expresiva do entón escritor novel e anuncia a súa fulguración futura.

Impecable edición esta que Galaxia ofrece na exhumación de Dezanove badaladas, cunha transcrición do manuscrito orixinal respectuosa, ata o punto de incorporar algunha variante textual no remate de determinados capítulos, certas notas de revisión sinaladas a pé de páxina polo propio escritor e varias ilustracións debuxadas por este como remate da publicación.

De lectura máis que recomendable para quen queira coñecer onde ancoran as raíces de quen chegou a ser un dos máis notables autores da súa xeración, Dezanove badaladas é unha novela de aprendizaxe na que Eros e Tánatos xogan unha imposible partida de xadrez que se resolve no carrusel da vida mesma, sempre impredicible, fantasmática e agónica por definición.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 25-11-2018]