Mondoñedo sempre é Poesía

En Mondoñedo, que é terra de poetas onde as haxa, a hospitalidade é unha relixión e calquera que nos visite para dicir a súa palabra é benvindo.

Demostrámolo onte ao celebrar a primeira convocatoria de ‘Mondoñedo é Poesía’, unha moi singular xuntanza na que se deron cita unha vintena de creadores que agasallaron cos seus versos as xentes que pola vella cidade norlucense andaban a gozar das Quendas, festas e feiras medievais de tradición secular que onte celebraban así o seu día grande.

‘Mondoñedo é poesía’ foi unha actividade organizada polo Grupo Literario Leiras Pulpeiro que contou coa colaboración da Asociación As San Lucas e o Concello de Mondoñedo. Os responsables da mesma foron o dramaturgo Francisco Piñeiro, o narrador Antonio Reigosa, o músico e xestor cultural Fran Bouso —por máis sinais pregoeiro este ano das festas—, o tamén músico e poeta César Morán, aos que axudei o que puiden.

O evento deu comezo de mañá, cando o alcalde Orlando González deu a benvida aos participantes xunto a outros membros da corporación local no Salón Nobre do Concello, onde tamén lles dedicou unhas palabras de saúdo o noso compañeiro Fran Bouso.

Tras a recepción oficial tivo lugar un xantar de confraternidade na Casa de Penela no que participaron os poetas e organizadores, así como tamén outros acompañantes destes nun número que superaba o medio cento.

A actividade propiamente dita comezou ás seis da tarde co recital ‘Poemas polas rúas’. A vintena de escritores invitados foron deleitando os viandantes coa recitación dos seus poemas en seis lugares diferentes da cidade, que principiaron no cemiterio municipal diante a campa mesma de Leiras Pulpeiro e seguiron pola Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro, O Cristo e mais a Praza Jaime Cabot.

Repartidos en grupos de tres/catro, os poetas propiciaron que os versos se espallaran polas rúas empedradas da vella cidade presentados polos que botamos unha man na organización. Os paseantes das Quendas puideron oír así a Olalla Cociña, Iolanda Aldrei, Alicia Fernández, Dores Tembrás, Marica Campo, María Xosé Lamas, Henrique Rabuñal, Paco Rivas, Isidro Novo, Miro Casabella, Carlos Negro, Xacobe Casal, David Otero, Xaime Oroza, Xoán Xosé Abella, Mario Regueira, José Juan Ferreiro, Toño Núñez, Xabier Cordal, Baldomero Iglesias ‘Mero’ e César Morán.

Tras esta primeira actividade, que contou con numeroso público arremuiñado á escoita da recitación en cada unha das estacións poéticas, a festa da palabra rematou co recital poético-musical ‘Mondoñedo é Poesía’ que se desenvolveu no Auditorio Pascual Veiga da cidade. Alí, ducias de asistentes puideron saborear as composicións recitadas dos vinte poetas, que se viron acompañadas da proxección de vídeos, a música de Miro Casabella e César Morán e mesmo as dramatizacións de Antonio Piñeiro, tendo como condutor do acto ao colega Antonio Reigosa e como coordinador técnico do mesmo ao tamén compañeiro Fran Bouso.

Unha apoteose poética que confirmou que Mondoñedo é á palabra poética o que o solpor aos nosos máis fermosos cantís, unha luz irrenunciable.

Beizóns aos poetas que fixeron posible este ‘Mondoñedo é Poesía’, aos compañeiros e patrocinadores que tanto laboraron para botalo a andar e, sobre todo, ao público que, coa súa presenza e apoio, nos convenceu de que esta lumieira que agora lampexa deberá de seguir alumándonos tan sequera mil primaveras máis.

O guieiro de Avelino Pousa Antelo

Avelino Pousa Antelo foi un singular persoeiro de noso. Conseguiu o milagre: que todos os que o coñeceron e o trataron gardasen sempre del a máis amable das lembranzas, a mellor das opinións, o recoñecemento e aplauso unánimes. ¿De cantos pode dicirse tal?

Volvín comprobar que ese admirativo recordo segue ben vivo aínda este martes día 20, cando na Casa do Concello do municipio de Teo tivo lugar un acto de homenaxe con motivo do cabodano do seu pasamento. Moitas e moitos foron os que ata alí se achegaron para testemuñar afecto á súa memoria e recoller o seu exemplo de bonhomía e fraternidade.

Pois ben, no marco de tal xuntanza levouse a cabo a presentación do especial Avelino Pousa Antelo, un volume colectivo inserido na coñecida colección Guieiros que edita a Asociación Cultural Xermolos e que alcanza con esta entrega o seu décimo quinto número en case dúas décadas de andaina.

Aínda que quixer, seríame imposible tan só amentar aquí a nómina de colaboradores, pois alcanza o cento. Conformareime, pois, con convidar á súa lectura e tentar explicar por que este monográfico resulta de indiscutible interese.

Nunha publicación na que tan diversos colaboradores se brindan a homenaxear cos seus textos a figura celebrada ten de haber, necesariamente, moi plural enfoque nos contributos. É comprensible, pois, que, xunto a artigos e panorámicas elaboradas sobre este ou aquel aspecto da biobibliografía do homenaxeado, aparezan tamén outros escritos como entrevistas, cancións e poemas dedicados, crónicas de intervencións públicas do autor, pregóns, discursos, sinopses curriculares, e, xunto a eles, textos puramente testemuñais ou máis puntuais na súa anécdota que, en todo caso, son igualmente de agradecer por canto visibilizan lazos amigables e querenzas inquebrantables.

Así pois, considerados no seu conxunto, os traballos deste especial de Guieiros han familiarizar os menos informados da biografía de Pousa Antelo coas súas andainas agraristas, docentes, literarias, políticas, de animador cultural, cooperativistas e mesmo tamborileiras, pois hai moitos Avelinos en Pousa Antelo e de todos eles se dá conta nestas páxinas.

Insisto en que todos e cada un dos que neste caderno-libro participan son voces autorizadas respecto dos asuntos tratados, pois foron, polo xeral, persoas ben próximas ao intelectual galeguista nunha ou noutra faceta do seu camiñar e, polo mesmo, a súa visión sobre as realidades descritas é sempre substantiva e documentada.

Tamén si, cómpre salientar que a publicación se adorna cun non cativo feixe de caricaturas de Pousa Antelo debuxadas ao longo dos anos polos mellores profesionais do ramo, comezando por Héitor Picallo, autor da cuberta, e que tamén conta con abondosas fotografías que inzan en cada plana e nas que pode contemplarse o homenaxeado coas autoras e autores dos artigos e con outros importantes nomes da cultura de noso nos máis variados eventos.

Todo este labor foi coordinado por Alfonso Blanco Torrado, responsable de Xermolos e verdadeira alma mater da publicación, na que tamén tiveron papel destacado (tanto na redacción coma na presentación en sociedade da mesma) os que foron os grandes amigos de Pousa Antelo de sempre, comezando por David Otero, Xoán Xosé Fernández Abella ou Mero e continuando por Fina Casalderrey, Martiño Noriega ou o seu biógrafo Xosé Amancio Liñares Giraut, ademais de moitos outros creadores, ensaístas e xentes do mundo da cultura que quixeron que o primeiro aniversario sen o seu admirado Lucho do Peto fose unha data para continuar aprendendo do maxisterio dun galego excepcional.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 25-8-2013]