Vendaval desatado

Nordesía (Daniel Salgado, 18-2-2018)A poética de Daniel Salgado está argamasada con metralla abonda para perfurar as acomodadas conciencias burguesas, mais tamén non desapide da estraña flor da melancolía, esa que procura a beleza escintilante no medio do caos máis absoluto.

O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler, o seu máis recente poemario, de dúplice e revelador título, é un bo exemplo desa conxunción de pólvora e magnolias herdada.

Dunha parte, o total refusamento preconizado por Marcuse, sempre a prol da(s) liberación(s) todas. Doutra banda, os harmónicos de Ayler, free jazz en estado puro a crear melodías de inusual fermosura, sempre contracorrente.

Deixei escrito cando me referín a anteriores poemarios do monterrosino que hai nel unha constante tensión da linguaxe, un cuestionarse os límites do que pode chegar a dicirse e, asemade, unha correspondencia especular entre ese ir elastizando os lindes do comunicable e a capacidade para a hermenéutica do social entrópico. Os versos de Salgado son, nese sentido, un percutir nas membranas máis sensibles da ética, da necesaria demanda de xustiza, equidade e solidariedade.

Esa vocación de imprescindible denuncia vai acompañada aquí dunha estética rítmica, con poemas mantra, salmodia que itera conceptos definitorios para crear unha sinfonía particular, libérrima, onde os retrousos son trallazos letais e os versos se vernizan dunha dicción de sístoles e diástoles ben xenuína.

O gran rexeitamentoTal dicir das lacras do establishment ten como banda sonora o pretérito de vangarda do incomparable Ayler, que ve como as pantasmas, espíritos e campás da súa música son aquí presenzas significativas. Deste xeito, cando “sopra o aire do lobo/ o metal retórcese” e o saxo tenor do de Ohio consegue que lembremos que “a beleza insiste/ transita/ entre estruturas que colapsan”. Todo gravita sobre nós e “as pantasmas non se aparecen/ desfilan/ tremen ao fondo dos espellos/ como restos de liberación/ como cinza/ sobre as rosas”. Porque “a lóxica é o desequilibrio/ a lóxica das cousas é o desequilibrio” e cómpre camiñar cara á “detonación que esfarela/ esta organización das cousas” e, sobre todo, non esquecer xamais que a derrota das hostes occidentais “é a causa sagrada/ o perigo/ a revolta dos escravos/ o final da dinastía/ o inicio da liberdade” e, por iso, o poemario remata cando “as árbores caen/ as árbores caen”.

Con citas das “Vaguedás” das Follas novas rosalianas (“¡Paz, paz,/ ti es mentira!”) e do Funk lore do afroamericano Amiri Baraka (“Cando Albert regresou da/ tumba, non tiña saxofón”) este O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler é unha magnífica plaquette de Daniel Salgado coa que afirma a súa andaina a colección Pan de Abella de Apiario Editora, principiada co non menos memorable Auga a través de Dores Tembras.

Poesía de impacto, desafiante, escrita rebelde con causa, esferas lírico-musicais tanxentes que confirman que “ningún espello resiste semellante ataque/ o vendaval desatado/ que esnaquiza todo brillo”. Aí o está o nadir irradiante da deontoloxía Salgado, un clamor revolucionario imposible de silenciar.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-2-2018]

Efervescencias poéticas

Miriam ReyesDei gorentoso remate á lectura de Punto de ebullición, antoloxía de poetas galegos das últimas xeracións publicada no prestixioso selo hispanoamericano Fondo de Cultura Económica a través da súa filial madrileña.

Punto de ebullición é unha escolma bilingüe na que os orixinais galegos son vertidos ao castelán pola tamén poeta Miriam Reyes (Ourense, 1974), unha das voces máis recoñecidas da escrita peninsular do novo milenio.

Videopoeta e artista multimedia, Reyes deixou os eidos ourensáns con oito anos para marchar a Venezuela, onde estudou Letras na Universidade Central. Regresou logo a España e, tras residir en diferentes cidades, acabou instalándose en Zaragoza. Dende alí deu a coñecer algún dos poemarios máis suxestivos dos tres últimos lustros, como Espejo negro (2001), La bella durmiente (2004), Desalojos (2008), Yo, interior, cuerpo (2013) ou o moi recente Haz lo que te digo (2015), publicados en ben afamados selos: Hiperión, Bartleby, DVD Ediciones.

Responsable da elección, tradución e prólogo desta “Antología de la poesía contemporánea en callego”, Reyes achega ao lector en castelán quince poetas que escolma entre os creadores da Xeración dos 80, a Xeración dos 90 e aqueloutros que se revelaron a mediados da década pasada.

Decididamente interxeracional, politemática e mulitestética, Punto de ebullición observa, exquisitamente, o equilibrio xenérico e incorpora propostas de oito escritoras e sete escritores, abondo diverxentes na súa aposta autorial e aos que, de querer verlles algún punto de contacto, talvez só podería sinalárselles a súa patente vontade de anovar e abrir novas landas para a poética de noso.

Punto de ebulliciónXosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Antón Lopo, Xela Arias, Ana Romaní, Manuel Outeriño, Xabier Cordal, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Olalla Cociña e Daniel Salgado son, cronoloxicamente dispostos, os quince nomes dos que se espigan textos, todos eles tomados de libros xa coñecidos, agás un poema de María do Cebreiro que se publica por vez primeira aquí.

Reyes salva con oficio o difícil transo de verter a unha lingua outra a palabra poética. Neste sentido, máis alá de consideracións de matiz perfectamente discutibles (poño por caso, se é fiel ao noso “balbordo/ da escuma” o “murmullo de la espuma” e similares), cómpre subliñar o coidado labor de acomodación da responsable da escolma, quen ofrece ao público castelán unha lectura da escrita orixinal non só respectuosa, senón moi ben axeitada.

Canto ao prólogo, ha cumprir tamén coas expectativas de quen, dende outras coordenadas culturais, queira coñecer o curso da poesía galega de 1975 ata os nosos días, pois as principais liñas de forza deste camiñar son salientadas con acerto pola editora. Secasí, para min son de especial interese os breves pero moi ben perfilados parágrafos dedicados a caracterizar a poética dos diferentes autores antologados, onde Reyes amosa ser unha poeta de moi fino espírito crítico.

Unhas nótulas biobibliográficas mínimas pero moi informativas completan esta selecta que arredonda as trescentas páxinas, onde cada poeta achegou arredor dunha decena de textos, un libro editado con sumo gusto polo Fondo de Cultura Económica mercé ao deseño de (sobre)cuberta de Armando Hatzacorsián e as fotografías de (sobre)capa de Miguel Saavedra.

Punto de ebullición. Antología de la poesía contemporánea en gallego é un moi loable mosaico que cómpre agradecerlle a Miriam Reyes, ourensá de raíz, que non esquece a verba matricial e a regala, plural, a quen pola súa voz queira coñecernos.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 5-7-2015]

17 poetas do 21

Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.

Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.

A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.

Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.

Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.

Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.

As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.

Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.

A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.

Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.

Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]

Radiocrítica 2-12-2013

Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 2 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a narrativa de Xabier López López (0’25), a tradución ao galego da obra de John Fante (5’20), a poesía a catro mans de María do Cebreiro e mais Daniel Salgado (8’30), a poética viaxeira de Cesáreo Sánchez Iglesias (11’45), o teatro radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega (14’00), a narrativa infantoxuvenil de Érica Esmorís (20’00) e a colaboración no relato ilustrado para os máis novos de Santiago Freire e Dani Padrón (22’40).

Boa audición!

        http://www.goear.com/embed/sound/ad86ea1

Abrindo fendas para a resistencia

A longa e fértil tradición nosa da escrita a catro mans semella renacer con forza nas xeracións últimas. Algúns dos títulos máis interesantes dos meses pasados naceron de converxencias tales. Así sucede co poemario A guerra, coasinado por María do Cebreiro e mais Daniel Salgado, autores de radicación compostelá e intensa traxectoria ás súas costas malia non iren os seus días máis aló da trintena.

A guerra é un poemario epistolar, un truque-retruque lírico no que á proposta versal dun dos poetas tándem lle dá réplica o outro, nunha sucesión tan ben trabada coma complementaria.

Formalmente o libro é diverso e xunto a composicións algo máis longas e mesmo conversacionais comparecen outras que ben poderían pasar por (para)aforismos ou poemas definitorios, pois, se nuns a dialéctica e a metafórica son a argamasa, noutros o proceso de conceptualización contrastiva e paradóxica faise predominante.

A guerra é tamén un memorando de cicatrices, de inzos feridos que descrén dos paraísos artificiais, deste mundo noso enleado nunha guerra manifesta que os medios se empeñan en chamar eufemisticamente crise, unha auténtica purga ou decimado social neoliberal amparado nun capitalismo feroz que se adobía con outros horrores, estes si propiamente bélicos, nos que o sen sentido violento alcanza extremos estarrecedores.

Polo medio, a perplexidade, o autocuestionamento da función poética, a posición e o compromiso do que literaturiza, a desconfianza ante os espellos enganosos da palabra gora e os círculos viciosos do dicir.

Os cristais de Méndez Ferrín que non estralan, o lume que alampea pero non queima de Celso Emilio, as problemáticas do corpo que nos iluminaron @s poet@s últimos, a lembranza do asedio á alta casa de Helena de Carlos que esfarela e mil e unha outra alusións metapoéticas fan tamén deste A guerra un tapiz no que a revisión do absurdo e a fera realidade cotiá se fai angueira case comunal.

Os versos de dialéctica brechtiana, a loita contra o conformismo sedente que nos condena a un tempo escuro e de guerra van nestas páxinas abrindo fendas microscópicas para a esperanza, para a resistencia que Walter Benjamin atribuía aos desesperados e tan oportunamente recorda a cita clausuradora de Margarita Ledo Andión, desesperación lúcida que tamén posúen os textos cos que María do Cebreiro e Daniel Salgado fan abanear as nosas conciencias para liberalas da agónica hipnose colectiva na que semellan presas.

Máis que valiosa esta proposta de Barbantesa Editorial, selo con criterio que, outra volta, trae á luz un volume de engados evidentes polo que presta parabenizar os autores.

[Publicado no Praza Pública, 14-10-2013]