Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 3 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Crónicas de Embora, de Manrique Fernández (00.26), Oso, mamá, si?, de María Lado (8:45), da Obra completa IV, de Roberto Vidal Bolaño (14:25) e de A pantufla de Celia (19:50), de Concha Blanco e Dani Padrón.
Arquivo por etiquetas: Dani Padrón
Radiocrítica 5-1-2015
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 5 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo (1.07), A divina comedia, en tradución de Darío Xohán Cabana (8:00), Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza (12.20), de Aurora López e Andrés Pociña e de Erik, o construtor de soños, de Kike Gómez e Dani Padrón.
Radiocrítica 1-12-2014
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 1 de decembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Somnámbulos, de Suso de Toro (0:20); Manuel Antonio. Obra completa. Poesía, en edición de Xosé Luís Axeitos (10:25); Valente Vital. Ginebra, Saboya, París, de Claudio Rodríguez Fer, Tera Blanco de Saracho e María Lopo (15:20) e Pasen e miren, de María Canosa e Dani Padrón (20:30).
a Audio 1
Dani Padrón ilustra Bululú
Leo Erik o construtor de soños, o novo álbum infantil saído do prelo da Editorial Bululú, unha historia redactada por Kike Gómez a partir de lugares comúns adoitos e unha estilística transparente que cobra forza nas magníficas ilustracións de Dani Padrón.
Padrón volveu demostrar aquí porque é un dos nosos máis solicitados ilustradores. A imaxinación que desprega para crear os personaxes da historia, a forza das súas coloraturas, o empastado fino das mesmas, o trazo desaristado e livián co que consegue dar forma a todo un mundo de imaxes confírmano como un creador con visión propia e sentido estético plausible.
Erik o construtor de soños é un xoguete onírico que agradará aos que queiran ler as cativadoras imaxes de Dani Padrón, acompañadas nesta ocasión da redacción expositiva dun Kike Gómez que tivo a fortuna de contar como deseñador e maquetista con Alfonso Lara, responsable dun traballo óptimo mercé ao cal brillan as fabulosas ilustracións do libro e vai canxando o texto nelas.
A familia circense
Se un bota contas das obras que coasinaron nos últimos dous ou tres anos María Canosa e Dani Padrón decatarase de ata que punto este tándem complementa idealmente o seu labor. Ás fantásticas historias de Canosa, cheas de tenrura e emoción, danlles perfecta réplica as imaxinativas ilustracións de Padrón, conformando un todo consistente que cobra forma en álbums e volumes ateigados de luz, cor e contaxiosa ilusión.
Esa mesma fórmula é a que fai feliz a conxunción en Pasen e miren, o álbum ilustrado que Canosa e Padrón asinan para Bululú, selo ao que lle debemos neste eido ben interesantes propostas nos últimos tempos.
Pasen e miren, que tamén publica a editora en catalán e castelán, resulta un singular dramatis personae do mundo circense, onde en semblanzas prosopografadas van saudando o lector a xirafa Amelia, presentadora; os monos bonitos, responsables das máis graciosas piruetas aéreas; a contorsionista Berta; o elefante Elegante de trompa coloreada; Prudencio, o temeroso home bala; Camilo, o mago do sombreiro de copa xigante; Brutus o forzudo e a súa partenaire a osa Adela; Rodolfo o funambulista facedor de bogadas; Polgariña, a soñadora pulga malabarista; Comellán, o cociñeiro zancudo ou Libra, a equilibrista ordenada, entre outros.
Leda lectura e fermosas ilustracións que María Canosa e Dani Padrón ofrecen en homenaxe ao máxico mundo do circo, un espazo para o portento e a marabilla. E se non me cren, Pasen e miren…