Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 25 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López das obras da novela de Antonio Pichel Beleiro Xente que nunca antes morrera (00:15); do poemario As paisaxes eléctricas, de Cristina Ferreiro (5:45); do ensaio Leandro Carré Alvarellos. Un século de cultura e compromiso, de Xosé Manuel Maceira Fernández (10:30) e do volume infantil A nena do parque, de Antonio García Teijeiro (15:30).
Arquivo por etiquetas: Cristina Ferreiro
Apocalipse 2.0
A lectura da escrita de Cristina Ferreiro produce en min decote unha descarga de adrenalina, unha sorte de arreguizo occipital que me tensa alerta contra a invasión dos ultracorpos da maina e hipócrita sociedade. Experimentei ese desacougo lendo Desequilibras e caer (2009) e logo aprendendo o seu Abecedario póstumo (2013). Pero o shock bloqueuno todo co recente As paisaxes eléctricas, brillante gañador do XXVI Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.
As paisaxes eléctricas son un canto ao ermo pantecnolóxico, ao deserto futurista no que vivimos inmersos, ladaíña dos iphones, as thermomix e o sexo virtual. Non hai lugar (o lugar é un deslugar, unha utopía que se enche de ruído), non hai corpo (o corpo é un ermo, un universo radioactivo no que xa non se tece, nin soa nin en compaña, tea ningunha), as armas están cargadas de non futuro e tampouco hai nin barcos, nin nós, nin dicionarios, nin divinos olores.
Aquí é a loucura do amor vía satélite, da conxugación verbal do antídoto e a memoria, a lembranza do Futuro dende o Futuro, habitando a Historia do Mundo á distancia dun clic namentres escoitamos techno no súper e creamos a ilusión de dotar de sexo os anxos.
O código binario, os apóstolos desfilando nunha Apocalipse 2.0 e o amor como simulacro, como esmola afectiva entre latas de conserva, todo fugacidade, letarxia, cópula solidificada con farangullas entre os dentes.
A terra é náufraga, os electrodomésticos ínzano todo, o agarimo é o intersticio da asepsia entre dispositivos electrónicos e un latir de palabras como animais feridos, como bestas poboando a FNAC.
A felicidade é tamén unha ilusión, un espellismo do baleiro vedado para nós, minúsculos seres entre libros estratexicamente colocados, nun cosmos no que todo se repite en bucle e a deusa cacofonía esixe devocións aburadas, inmenso reality show de viandantes esfolados, helicópteros, densidades de poboación e (des)amor rodeados de gasolineiras, algoritmos que resolven 0 e afectos de suicida.
Por remate: “Somos o noso deterioro,/ un escenario podre/ e minúsculo”. Vale dicir: a devastación dos que caen de sétimos pisos, de nenos sen parques “xogando a ser outros/ co cabelo sucio/ e a roupa rota”, nenos “xogando a ser mortos”.
Realidade zombie, a morte e mais a vida morréndose ao unísono. Europa desolada, fragmentación dos individuos, sombras da palabra extrema.
Non quero rematar sen recomendar, con toda intención, a lectura epilogal do texto prologal coa que a tamén poeta Estíbaliz Espinosa complementa a obra. Escribo complementa e escribo ben: as palabras de Espinosa atrapan o sentido e retroalimentan o significado extendido do mapa conceptual que propón Ferreiro. O discurso de Espinosa implementa un universo de hermenéuticas cruzadas, de heurísticas (meta)poéticas que fan de As paisaxes eléctricas un “deserto do surreal”.
Beizóns, pois, a Xiana Arias, Alba Cid, María Solar e Mariña Pérez (repóker de mulleres escritoras) por ter premiado estas electropaisaxes. E parabéns tamén a Xabier Castro Martínez (coordinador do certame) e o concello de Dodro (con Valentín Alfonsín Somoza á cabeza e Cristina Codesido Fernández na intendencia) por facer posible o milagre desta illa de Poesía que Sotelo Blanco materializa ano tras ano.
[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 22-3-2015]
A Dorna de Minerva
Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.
E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.
A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).
Como remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.
A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.
Poéticas de expansión
Antoloxía de referencia. Etapa de expansión é o título co que se completa a triloxía de escolmas que o grupo senti_mentalista leva a publicar dende o 2011 na Editorial Bubela.
Desta volta, os antólogos responsables do proxecto son dous ben coñecidos poetas tamén eles: Xavier Lama e mais Branca Novoneyra, quen prologan e poslogan a selecta ao tempo que asinan as fichas bio-bibliográficas dos autores escolleitos, a saber: Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e mais Helena Salgueiro.
Sete poetas que representan a máis nova escrita de noso, pois o maior deles apenas se supera a trintena e os máis novos nin sequera chegan nalgún caso á maioría de idade. Enténdese ben, por tanto, que sexan poetas que se deron a coñecer no último lustro.
Son, xaora, creadores de traxectorias ben diversas e apostas estéticas e temáticas complementarias. Hai, por tanto, autores con poemarios individuais xa no mercado e outros que aínda non deron ese salto; poetas en exclusiva e outros que tamén practican a narrativa ou o ensaio; creadores monolingües e mesmo algún que é autor bilingüe galego-islandés.
Con tal pluralidade, entenderase que o máis valioso desta escolma resida, xustamente, no vizoso da proposta, onde pode lerse de todo: poemas en prosa, poesía de liña versal breve, textos de airexa formal e dicción máis clásica ou composicións de engastado multilingüe e referencias poliartísticas.
Esta Antoloxía de referencia. Etapa de expansión é unha obra que se insire dentro do proxecto senti_mentalista promovido por quen dirixe o selo que lle dá acubillo, Xesús M. Valcárcel. Hoxe por hoxe, constitúe a máis completa escolma de voces novas existente no mercado, unha obra ideal para informarse do que se coce poeticamente entre as últimas promocións, coa engádega de que aparecen aquí non só versos tomados dalgunha publicación anterior, senón, sobre todo, moitos poemas ata o de agora inéditos que se ofrecen, en exclusiva, neste interesante título.
Radiocrítica 16-12-2013
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 16 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novelística de Manuel Darriba (0’45), os relatos de Antón Riveiro Coello (3’05), a poesía implicada de María Reimóndez (7’15), a ‘Antoloxía de referencia. Etapa de expansión’ que Xavier Lama e Branca Novoneyra prepararon coas novísimas voces poéticas de Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e Helena Salgueiro (9’20), o teatro de Marcos Abalde Covelo (14’45), o ensaio filosófico de Carlos Lema (16’30) e mais a mitoloxía da vella Gallaecia para novos e non tanto de Manuel Gago e Manel Cráneo (18’30).
Boa audición!