Velasco, Hermo e Grela gañan o III Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

bases_leirasO pasado sábado día 25 de outubro, coincidindo co 160 aniversario do natalicio de Manuel Leiras Pulpeiro decidiuse en Mondoñedo, a terceira convocatoria dos premios de poesía que levan o seu nome.

Con tal fin, reunímonos ás 11:30h. da mañá nas dependencias da Biblioteca Municipal a profesora Áurea Fernández, o investigador e profesor Xosé María Felpeto Enríquez e mais eu coordinados polo técnico de cultura do Concello, Gil Ares.

Logo das pertinentes deliberacións e tras considerar atentamente o case medio cento de orixinais presentados a concurso, os membros do xurado decidimos outorgar os tres premios por unanimidade, salientando non só o nivel destes senón, en xeral, o de varios outros dos que concorreran.

Tras abrir as plicas sóubose que o conxunto poético que obtivo o 1º Premio e que se presentara baixo o título Mentres o tacto e lema ‘A estas alturas’ era da autoría de Eduard Velasco (Barcelona, 1982), tradutor catalán-galego ao que debemos importantes versións de autores e títulos referenciais de ambas as literaturas.

eduard velasco

En Mentres o tacto Velasco reflexiona sobre a propia praxe poética desmitificando a súa transcendencia e ironizando sobre a lírica amatoria. Tamén si, avanza polos roteiros da serena paixón compartida, das paisaxes olladas ao unísono e a laña que o gume do amoroso deixa na pel que se reinventa e descobre na carne que emerxe, na saliva compartida.

Esvaran
pingas escuras
polo branco que che tingue a ollada.
 
Na cama volves á conciencia
cun poema que fala de camiños,
pero que non di nada de marchar
co sabor a ferro aínda na boca
e a certeza precisa de facer algo mal.
 
Mais cando os corpos nos volven ao lugar
e son eu quen molla os dedos no sangue que me ofreces,
e che deixo no lombo o paso vermello das mans
coma pinceladas brutas,
é cando me vingo do azar que nos uniu
só para aprendernos que a palabra
                                                           lonxe
é unha folla afiada que non erra no corte.
 

Ao abrir a seguinte plica sóubose que o conxunto titulado Marchamos presentado co lema ‘Richard Brown’ pertencía a Gonzalo Hermo (Santiago, 1987), poeta das novas promocións que xa deu á luz traballos como Crac (2011) e exerce un importante labor de dinamización cultural en foros como as Redes Escarlata.

gonzalo hermoOs poemas de Hermo anuncian a desolación, a loucura da tensa paz, dos mercados dos arrabaldes nos que non hai consolo e todo se volve éxodo. E, porén, o Sur existe alén das prohibicións, das ocultacións, e debe aprenderse o camiño de regreso da visión dese mundo de cascallos de limo onde só o amor nos pode facer puros.

Faláronnos do Sur como dun lugar prohibido.
Dixéronnos:
‘Todo canto foi materia ou corpo hoxe é dogma.
E organízase contra
nós’.
Pregúntome que sensación me invadirá cando dea regresado por fin sen restos
Se haberá cinza que recorde
carne capaz de comprender
a altura deste
encontro.
 

Finalmente, ao abrir a plica do conxunto titulado Arno de Viveiro coñecemos a autoría de José Antonio Grela Martínez (Santiago, 1971), doutor en Filoloxía e profesor quen nos presentou un poemario de dez composicións escritas en metro e antecedidas de textos latinos de grandes autores clásicos a modo de introito sobre o que crear a glosa poemática. Son, por tanto, un exercicio de virtuosismo rítmico, arroupado por unha selección léxica culta e abondosas citas a persoeiros da mitoloxía grecolatina e outros, que conforman un mostrario ao que non se subtraen puntuais airexas humorísticas.

Máis pesados cos tabaos á xaneira,
ca pesca con miñocas no Leteo,
ca un relixioso óso fariseo,
foron os teus bicos de rateira.
 
As túas cinzas non terán sentido
e po serán, mais po envelenado,
de oncolóxico amor apetrarcado
entre varices e unto derretido.
 
Susurros de pega para ben durmir,
ronquidos arrincados do calleiro,
cheiros que xa se fartaron de fuxir.
 
Estimas de salitre e de ferreiro,
canizas que me obrigaron a sufrir,
foron as túas pernas en ranqueiro.
 

retrato leirasDebe, pois, parabenizarse aos tres gañadores, agradecer a alta participación e desexar ventura futura aos que desta volta non foron distinguidos e, sobre todo, aplaudir o esforzo que o Concello de Mondoñedo fai convocando este certame, que como abrocho noviño vai collendo a forza do seu terceiro ano para honrar a memoria do gran Manuel Leiras Pulpeiro, pois os premios (placa, diploma e 1.500, 600 e 300 euros respectivamente) entregaranse en acto público o sábado 15 de novembro. Alí estaremos, para celebrar a Poesía e saudar a Eduard Velasco, Gonzalo Hermo e José Antonio Grela Martínez, dende xa xunguidos á historia literaria mindoniense por medio dos seus versos.

Mondoñedo sempre é Poesía

En Mondoñedo, que é terra de poetas onde as haxa, a hospitalidade é unha relixión e calquera que nos visite para dicir a súa palabra é benvindo.

Demostrámolo onte ao celebrar a primeira convocatoria de ‘Mondoñedo é Poesía’, unha moi singular xuntanza na que se deron cita unha vintena de creadores que agasallaron cos seus versos as xentes que pola vella cidade norlucense andaban a gozar das Quendas, festas e feiras medievais de tradición secular que onte celebraban así o seu día grande.

‘Mondoñedo é poesía’ foi unha actividade organizada polo Grupo Literario Leiras Pulpeiro que contou coa colaboración da Asociación As San Lucas e o Concello de Mondoñedo. Os responsables da mesma foron o dramaturgo Francisco Piñeiro, o narrador Antonio Reigosa, o músico e xestor cultural Fran Bouso —por máis sinais pregoeiro este ano das festas—, o tamén músico e poeta César Morán, aos que axudei o que puiden.

O evento deu comezo de mañá, cando o alcalde Orlando González deu a benvida aos participantes xunto a outros membros da corporación local no Salón Nobre do Concello, onde tamén lles dedicou unhas palabras de saúdo o noso compañeiro Fran Bouso.

Tras a recepción oficial tivo lugar un xantar de confraternidade na Casa de Penela no que participaron os poetas e organizadores, así como tamén outros acompañantes destes nun número que superaba o medio cento.

A actividade propiamente dita comezou ás seis da tarde co recital ‘Poemas polas rúas’. A vintena de escritores invitados foron deleitando os viandantes coa recitación dos seus poemas en seis lugares diferentes da cidade, que principiaron no cemiterio municipal diante a campa mesma de Leiras Pulpeiro e seguiron pola Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro, O Cristo e mais a Praza Jaime Cabot.

Repartidos en grupos de tres/catro, os poetas propiciaron que os versos se espallaran polas rúas empedradas da vella cidade presentados polos que botamos unha man na organización. Os paseantes das Quendas puideron oír así a Olalla Cociña, Iolanda Aldrei, Alicia Fernández, Dores Tembrás, Marica Campo, María Xosé Lamas, Henrique Rabuñal, Paco Rivas, Isidro Novo, Miro Casabella, Carlos Negro, Xacobe Casal, David Otero, Xaime Oroza, Xoán Xosé Abella, Mario Regueira, José Juan Ferreiro, Toño Núñez, Xabier Cordal, Baldomero Iglesias ‘Mero’ e César Morán.

Tras esta primeira actividade, que contou con numeroso público arremuiñado á escoita da recitación en cada unha das estacións poéticas, a festa da palabra rematou co recital poético-musical ‘Mondoñedo é Poesía’ que se desenvolveu no Auditorio Pascual Veiga da cidade. Alí, ducias de asistentes puideron saborear as composicións recitadas dos vinte poetas, que se viron acompañadas da proxección de vídeos, a música de Miro Casabella e César Morán e mesmo as dramatizacións de Antonio Piñeiro, tendo como condutor do acto ao colega Antonio Reigosa e como coordinador técnico do mesmo ao tamén compañeiro Fran Bouso.

Unha apoteose poética que confirmou que Mondoñedo é á palabra poética o que o solpor aos nosos máis fermosos cantís, unha luz irrenunciable.

Beizóns aos poetas que fixeron posible este ‘Mondoñedo é Poesía’, aos compañeiros e patrocinadores que tanto laboraron para botalo a andar e, sobre todo, ao público que, coa súa presenza e apoio, nos convenceu de que esta lumieira que agora lampexa deberá de seguir alumándonos tan sequera mil primaveras máis.

No II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

O pasado sábado día 26 tivo lugar en Mondoñedo a xuntanza do xurado que había de proclamar os gañadores do II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo e patrocinado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo. Con tal motivo, reunímonos nas dependencias da Biblioteca da cidade a profesora e investigadora Aurea Ramil, o estudoso e docente Xosé María Felpeto Enríquez e mais o que subscribe esta crónica baixo a coordinación do técnico de Cultura do concello Gil Ares.

Logo dunha moi animada sesión que se estendeu por espazo de case dúas horas, o xurado conseguiu ir peneirando en sucesivas roldas os sesenta e catro traballos presentados ata ficar co tríade gañador.

Destarte, acordou por unanimidade outorgar o 1º Premio a dona Carmen Pereiras Pérez (Cartelle, 1959), quen se fixo co galardón polo conxunto poético titulado De esmagar descalza, que presentou baixo o lema ‘A metralla dos reloxos’. O 2º Premio foi parar a mans de don Paulino Peña Álvarez (Vilardevós, 1960), quen o conseguiu con Nas dársenas do estío, achegado co lema ‘Os vagalumes perforan a noite’. Finalmente, o 3º Premio recalou en don Jacobo Llamas Martínez (Lugo, 1980), que asinou o texto Elexías perdidas co lema ‘Fame nas vértebras’.

Cómpre salientar tanto a alta participación no concurso coma a calidade dun número importante dos traballos presentados, que obrigaron ao xurado a escolmar entre orixinais de moi diversos estilos e temáticas mais de indubidable valía.

Canto ao tríade de premiad@s e os seus versos, quero facer notar que a maioría deles son xa autor@s con obra publicada e unha traxectoria máis que prometedora.

Carmen Pereiras Pérez, documentalista en La Región, é autora de Pequenos infinitos (Difusora, 2008), texto ensaístico de pulso narrativo e filigrana lírica que prologou Manuel Guede Oliva e supuxo a súa estrea literaria. Á parte, ten sido recoñecida tamén noutros premios como o Certame de Poesía Manuel María da Casa de Galicia en Guipúscoa.

Con De esmagar descalza propón unha poética na que alterna a liña versal e o poema en prosa para desenvolver unha estética de dicción inquiridora e conceptual, reflexiva e íntima, inzada de metáforas ousadas, precisas, suxestivas. Velaquí unha mostra:

Calquera voz é unha estraña nesta hora.
Desafina, creba, derruba aínda que murmure
aínda que diga o que se anhela oír
por vez primeira.
Teño o meu horror sen ningún xénero de fosa,
quizais unha humidade xeada nos cotelos
e só cando apalpo un sorriso
son un corpo morto,
un nexo occipital co baleiro.
a

Paulino Peña Álvarez, mestre e coordinador que foi dos Equipos de Normalización Lingüística de Ourense, fixérase xa co Certame Francisco Añón de Poesía no 2006 coa obra Rodopíos no encoro e foi tamén o vencedor do Certame de Poesía Concello de Carral no 2008 con Gramática da afirmación (Espiral Maior, 2009).

Con Nas dársenas do estío mergulla nun espazo de evocación íntima, con versos moi depurados nos que paira a sombra do contemplativo e a reflexión sobre o inexorable correr do Tempo coa memoria da matriz telúrica e a infancia ida como fondo. Aquí unha mostra:

Barro frío e vello
canto doen as illas
trazadas por inexorábeis fendas (…)
De onde veñen estas avelaíñas
que traen a luz toda de antano?
Por que físgoas se escoa o escintileo
dunha luz antiga de maio
inoculándome na aorta
unha adicción de redomas que gardo?
a

Por remate, Jacobo Llamas Martínez, malia apenas superar a trintena, ten xa unha ampla traxectoria na que conta con galardóns como o Premio Xuventude Crea 2010, o Premio Feliciano Rolán 2013 ou o Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López, tamén neste mesmo ano. Estudoso da lírica castelá do Século de Ouro, composicións súas poden atoparse nas revistas Dorna ou Xistral e durante un tempo foi director de publicacións da Editorial Toxosoutos.

En Elexías perdidas achega unha poesía moi ben tramada, que nos mergulla na visión que a muller dun dignatario romano ten da loucura e a vesania que desata a febre conquistadora do seu esposo guerreiro para recrear un tempo e unha atmosfera elexíaca que recibe os mellores ecos kavafianos. Así comeza:

Naqueles tempos os feitos
sucedían debaixo das túas peles.
O inverno non pasaba;
o sangue estaba frío,
como o dos campos de batalla
ao final da insurrección,
como a auga nas marxes deste río.
a

O vindeiro sábado día 9 de novembro, nun acto solemne no Salón Nobre do Concello de Mondoñedo, terá lugar a entrega de galardóns deste II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, á que acudirán a felicitar aos distinguidos as autoridades municipais e da Deputación, amais de diversos representantes da vida cultural mindoniense e outra veciñanza.

Con motivo desta entrega, realizarase tamén unha ofrenda floral no Cemiterio Vello de Mondoñedo diante da tumba do escritor que dá nome ao certame, acto que coordinarán os membros do Grupo Literario Manuel Leiras Pulpeiro.