Premio Johán Carballeira para Marta Dacosta

Andei antonte por terras do Morrazo acompañando @s excelentes poetas Berta Dávila e mais Xosé Daniel Costas Currás, con quen tiven a fortuna de formar parte do xurado do XVI Premio de Poesía Johán Carballeira, organizado polo Concello de Bueu e coordinado polo moi cómpito Xabier Framil Barreiro, técnico de Cultura daquela corporación.

Nesta ocasión, foron corenta os orixinais presentados a concurso, entre os que se contaban moi diversas propostas tanto no temático coma no estilístico. Tras unha longa deliberación na que ata media ducia de textos foron sometidos a pormenorizado xuízo, o xurado decidiu por unanimidade conceder o premio ao traballo presentado baixo o título dun lago escuro que, unha vez aberta a correspondente plica, resultou ser da ben coñecida e moi aplaudida poeta, ensaísta e profesora Marta Dacosta Alonso (Vigo, 1966).

dun lago escuro convenceu polo elaborado do seu xogo simbólico, alicerzado nunha arquitectura esférica onde o lacunar de ameaza escura recolle un discurso acuático fondamente parabólico, con evidentes tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza, a caída, a soidade, o silencio, a anonimia ou a rutina esgazadora. De por parte, a intelixente inserción de diversas lecturas (velaí, poño por caso, o Elfriede Jelinek de Obsesión) así como a armazón contrapuntística onde xunto a poemas máis intimistas e reflexivos contrastan outros máis ancorados na denuncia das problemáticas sociais, sumado á alternancia existente entre composicións breves de apenas dous ou tres versos e outras de amplo corpo fan do libro un texto moi suxestivo e elaborado, como o demostra a omnipresencia cohesiva de determinados motivos neste poema-lago.

En datas próximas o Concello de Bueu procederá á entrega do premio, dotado de 1500 euros e a publicación do poemario gañador, que verá luz da man de Edicións Xerais de Galicia, onde tamén aparecerá neste mesmo mes Raíz da fenda, o volume co que Berta Dávila gañara a anterior convocatoria.