Nos eidos da filoloxía e da literatura galegas a figura de Claudio Rodríguez Fer é ben coñecida e estimada. Nel temos a unha das personalidades máis versátiles e innovadoras das últimas décadas e así ten sido recoñecido con numerosos premios e distincións, tanto polo seu labor como poeta coma pola súa dedicación como galicianista e hispanista.
A proxección da escrita poética de Rodríguez Fer pula alén das nosas fronteiras, o que o converte nun dos nosos autores máis traducidos e lidos en todo o mundo. Universidades de toda parte, institucións e organismos varios, tamén asociacións e grupos de intelectuais demandan a súa presenza para impartir clases maxistrais e ofrecer recitais, o que favorece e mesmo fai preciso que os seus versos se vertan a outras linguas.
Consciente desta necesidade, Rodríguez Fer animou hai uns anos a creación dun selo independente e autoxestionado ao que se lle puxo o rosaliano nome de A Tola Soñando. Nel fóronse publicando dende 1995 obras de Emily Dickinson, André Breton e Léo Ferré vertidas ao galego, ademais de versos de Carmen Blanco, María Lopo, Olga Novo e Cristina Fiaño. Pero a serie acolleu, sobre todo, traducións de textos do propio Rodríguez Fer ao francés, inglés, italiano, grego, castelán, ruso, romanés e esperanto e un deles en concreto, A cabeleira, foi trasladado a máis de sesenta idiomas.
Pois ben, aparece agora unha nova entrega de A Tola Soñando co título de Beleza ou barbarie / Bellesa o barbàrie, que leva ao catalán unha vintena de poemas de Rodríguez Fer traducidos pola poeta, narradora e crítica literaria Marta Pesarrodona, as profesoras Maria Mercè López Casas e Dolors Perarnau e o ensaísta Mathias Ledroit.
A escolma recolle versos do escritor que representan todos os seus ciclos temáticos e que abranguen unha cronoloxía que vai dende os mediados dos oitenta con composicións de Historia da lúa (1984) ou A boca violeta (1987) ata os máis recentes de Unha tempada no paraíso (2010) ou A muller sinfonía (2017). É, por tanto, unha antoloxía representativa da súa traxectoria estética e daqueles universos de sentido que a caracterizan: o telurismo radical, a adhesión á causa solidaria dos oprimidos e represaliados, a erótica vital e o cosmopolitismo integrador, que neste caso se ven naturalmente complementados coa presenza dalgúns poemas de creación e ambientación especificamente catalás, caso dos titulados “A Rambla” ou “Barcelona”.
A plaquette complétase coa inserción de tres poemas visuais nos que se xoga co simbólica plurisignificativa das mans e pés e un pequeno apéndice que incorpora unha nótula curricular do autor e unha ampla nómina bibliográfica.
Beleza ou barbarie / Bellesa o barbàrie é unha ponte poética, un adival que ata forte a escrita dun autor de noso coa lingua desoutra nación irmá que é Catalunya, coa que comparte angueiras identitarias (as bandeiras de ambos os países que na cuberta se reproducen son abondo significativas a este respecto) e tamén devezos e angurias históricas reflectidos nestes versos que, na súa substantiva universalidade, inciden en asuntos compartidos como a procura da fraternidade e a sororidade, a recuperación e dignificación da memoria furtada ás xentes e aos pobos, a paixón amorosa ou a autenticidade como xenuíno e irrenunciable principio para a felicidade.
Máis unha vez cómpre congratularse pola boa noticia de que os versos de Claudio Rodríguez Fer, un dos nosos mellores autores, sexan traducidos e teñan nova vida noutra cultura. É sinal de que en galego estamos no mundo e de que a nosa escrita é unha inmellorable embaixada para nos coñezan e recoñezan.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 19-5-2019]