Fábulas de nós

Nordesía (Ánxela Gracián, 8-3-2020)O xénero da fábula é unha fórmula clásica que, adaptada aos aires do novo milenio, segue a estar moi presente nos andeis das librerías. A este tipo de narración protagonizada por animais da que se desprende unha lección ou aprendizaxe vital pertence La topita ciega/ Aniceta, o volume de Ánxela Gracián publicado polo selo zaragozano La Fragua del Trovador que tan suxestivamente ilustra Christian Villamide.

O libro recolle dúas narracións: dunha parte, a novela curta La topita ciega; doutra, o relato longo Aniceta. Ambas comparten idéntica intención reflexiva, o convite a meditar sobre cuestións transcendentes da existencia, de fonda radicación filosófica, e tamén a súa inscrición en escenarios de beleza rural idílica, novo locus amoenus no que os ciclos da natureza e a convivencia dos seres dos bosques e eidos constitúen o común territorio onde estas historias se desenvolven.

La topita ciega é unha novela breve que tivera unha primeira versión en galego alá polo 2005 titulada A toupiña cegarata e que está protagonizada por unha toupa que, no tránsito á fase adulta, aprenderá a dureza da vida e as dificultades que rodean estes pequenos mamíferos. Mais cómpre non se enganar, en realidade, todo o que esta tráxica historia nos relata non é senón unha parábola na que se encerra o proceder dos humanos, todo aquilo que nos fai capaces do sublime e do máis mesquiño.

E velaí como Terciopelo, a toupa que narra para nós as súas memorias, vai profundando nos sentimentos de culpa e traizón, afincando a memoria dolorosa nos sucesos que lle descubriron a morte e a destrución, mais tamén a paixón pola loita e a supervivencia, pola viaxe do coñecer e do ampliar os propios límites e, sobre todo e a pesar de todo, polo amor, a solidariedade e a esperanza.

Esta fábula tálpida é tamén unha reveladora indagación a propósito do simbólico concepto da cegueira, pois contrapón a falta de visión física destes animaliños á negación da vista que se produce naqueles seres que se enganan a si mesmos e ven só o que queren ver, abrindo unha liña de intertextualidades literarias que conecta este relato co Ensaio sobre a cegueira de Saramago (que figura citado como frontispicio) ou mesmo con Sobre heroes e tumbas de Sábato, alén dos paralelismos co Merlín e familia de Cunqueiro, principalmente na modulación da voz narradora da toupa, que evoca dende unha nostálxica ancianidade un mundo ido no que aprendeu a plenitude vital.

Pola súa banda, Aniceta é un relato sobre o amor e a alteridade, as máscaras do ser e o Outro; en palabras da autora, “un tratado da desolación”, do espellismo dos afectos, da disolución do agarimo.

A protagonista desta historia, Aniceta, é unha lesma (no Castroverde natal da autora, alimacha) á que lle gusta o caracol Sinforoso, a quen consegue namorar mercé á axuda do río Irmán que fabrica para ela no inverno unha cuncha de xeo que proxecta a luz do arco da vella. Sinforoso préndase desa súa cuncha ao pensar que é un caracol e comparten un fermoso inverno de amor. En chegando a primavera, Aniceta, sabedora de que o motivo do seu fascinio esvaecerá, marcha do seu lado e, cando anos despois volvan verse, ela sen a cuncha e el entolecido pola procura daquela de quen namorara, el nin a recoñecerá.

Novamente aquí os efectos da parábola que encerra a fábula son evidentes: a dualidade do ideal fronte ao real, a contraposición do namorado do ser auténtico e o enfeitizado polo puro soño. Todo para nos ensinar que a felicidade é un concepto relativo, que o carpe diem ben entendido non é mala filosofía vital, pero, sobre todo, que debemos asumir o camiño andado e gardar positiva memoria do que foi, deixando fóra do corazón o que nos magoou.

Non menor importancia ten aquí a asunción do propio corpo e o rexeitamento do falso amor romántico, cheo de autoengano destrutivo. Reflexións que Gracián ganduxa con suma habelencia formal nunha estrutura contrapuntística, na que sutura influencias varias que van dende O raio verde de Verne ata a mitolóxica historia de Narciso, pasando pola tradicional “A cinsenta” que codificou Perrault ou o cosmos heteronímico de Pessoa.

Poética, delicada e emocionante, La topita ciega/ Aniceta de Ánxela Gracián palpita na revelación, afondando na raíz dos afectos e as ilusións, os temores e os desenganos, as envexas e xenerosidades, isto é, todo aquilo que nos fai autenticamente humanos e que aquí espella na fráxil fortaleza dunha toupa e unha lesma inesquecibles.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 8-3-2020]

As aventuras de Gombó

Nordesía (Ánxela Gracián, 3-12-2017)Como queira que xa estamos no mes de Nadal e o Señor Apalpador anda a poñer a zamarra para baixar das súas montañas visitar as nosas nenas e nenos, coido que ha ser de utilidade que lle asubíe a tan venerable personaxe e os seus axudantes algún título de mérito que poida traer nas súas alforxas.

Penso que o entrañable ancián e os seus axudantes han quedar moi ben se carrexan ata o lar dos máis miúdos dous títulos: Gombó e o medo á escuridade e mais Gombó e a viaxe á lagoa, escritos por Ánxela Gracián e ilustrados por Christian Villamide.

As dúas primeiras entregas desta serie teñen como protagonista o elefante Gombó, unha cría de paquidermo que debe aprender os misterios da vida na sabana e vencer todos os obstáculos e dificultades que nela atopa coa axuda de súa nai, a elefanta Gomboa, e, sobre todo, coa súa afouteza e decisión.

Estamos, por tanto, ante uns álbums infantís que servirán non só para que os máis novos se divirtan coas intrépidas aventuras do elefantiño, senón tamén para que aprendan unha morea de valores positivos entre os que a amizade, a solidariedade, a capacidade de superación, a valentía, o amor á familia, a tenacidade ou a capacidade de autonomía resultan ser realidades que se trasladan con intelixencia e creatividade a este lectorado.

Alén do innegable atractivo destas moi amenas historias e da notable capacidade para comunicar toda esa aprendizaxe emocional, a serie dos Gombó sorprende tamén polo celmoso do seu léxico, agradando tamén a estilística depurada, os períodos ben redondeados e a complexidade da aparente inxeleza.

Deseñados cunha arquitectura de contos acumulativos de estrutura circular, hai moito nestes relatos de oralidade, de conto contado no que se reiteran fórmulas para facilitar a retención de personaxes, escenarios e situacións, o que sen dúbida ha de resultar máis que conveniente para a aprendizaxe destas historias por parte dos nosos cativos e cativas.

Gombó e o medo á escuridadeE se a prosa dúctil e colorista de Gracián ofrece aquí un tapiz máis que lucido, non brilla con menor intensidade o labor de ilustración de Villamide, quen se serve dunha técnica moi elaborada, que incorpora os recortes de cartolina de cores diversas e o xogo da superposición destes para recrear as andainas de Gombó nunha explosión de ocres, verdes, azuis e malvas que compoñen un acaído diálogo visotextual que, de seguro, fará as delicias dos pequenos e pequenas que cheguen a ter entre as mans estes álbums.

A execución material deste relato verbal e icónico correu a cargo de Fervenza Editorial, casa á que debemos outros meritorios volumes e que, nesta ocasión, gozou da axuda tanto institucional (por man da Secretaría Xeral de Política Lingüística) coma privada (a empresa Queixos Hoxe), que sumaron forzas para patrocinar a publicación destes títulos que semella han ter continuidade en novas entregas da serie.

Tomade nota, señoras e señores axudantes do Apalpador, e facédovos con este Gombó e o medo á escuridade e mais Gombó e a viaxe á lagoa. Habedes de dar moitas alegrías e, de paso, levalas vós, que as festas que veñen son datas propicias para ler en familia belas e tenras historias como estas das que aquí deixo recado.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-12-2017]