Familias grises

A estas alturas, no mundo da dramaturxia galega o nome de Raúl Dans non necesita de presentación. Recoñecido por público e crítica, multipremiado e distinguido, a súa traxectoria aválao como un verdadeiro factótum do eido escénico no que se ten atrevido practicamente con todo: a elaboración de guións para cine e televisión, o labor de actor, a dobraxe, a escrita de diálogos e argumentos para series e longametraxes…

A última das propostas teatrais de Dans é Chegamos despois a unha terra gris, peza de crúa realidade onde o abafo do infortunio o asolaga todo: o cancro, a incomprensión, o desamor, o alzheimer, a traizón ou a incomunicación son outros tantos estigmas que ulceran as almas dos personaxes, inmobilizados polas trapelas que eles mesmos crearon para si ou apresados nas trampas ás que o destino os condenou.

Os diálogos de Chegamos despois a unha terra gris son todo un exercicio de radiación ultrarreal, como se uns raios X atravesasen a derme hipócrita dos personaxes ata espir no máis íntimo a horrible imaxe do seu interior, ese retrato wildeano que todos ocultamos e que latexa, ao asexo, como un tabeirón famento.

Hai moito de moderno fatum nestas planas, representables, por suposto, pero esixentes na textualidade a oralizar e fortemente simbólicas na escenarística a dispor.

Desapiadada, amargue e antiheroica, esta sátira dos vincallos familiares e as súas escravitudes ofrece un doloroso retrato do universo relacional humano e as miserias que o escurecen.