Dickens século e medio despois

Acaban de cumprirse os cento cincuenta anos do pasamento de Charles Dickens, un dos máis grandes escritores de todos os tempos. As súas novelas e personaxes son o retrato de toda unha época e fixéronse tan célebres que permanecen inmarcescibles no imaxinario colectivo.

A súa vida foi en si unha auténtica novela, unha fatal traxicomedia chea de penurias cando novo e de éxito e popularidade inimaxinables despois. Unha existencia con carencias afectivas familiares sendo neno que de adulto o levou a difíciles e inestables relacións amorosas. Un vivir de intensos contrastes, cheo de luces e de sombras, onde as máis duras experiencias nunca acabaron de ocultar a esperanza no horizonte.

Dickens naceu en 1812 en Portsmouth, unha cidade portuaria do sur de Inglaterra, mais aos dous anos seus pais establecéronse en Londres e logo, cando cumpriu os cinco, en Chatham, no condado de Kent, onde permaneceu ata o seu regreso definitivo á capital en 1823.

Veu ao mundo nunha familia cun aceptable pasar, pero seu pai, inclinado ao xogo ata o delirio, acabou por arruinalos e foi encarcerado por débedas. Este feito marcou de por vida ao pequeno Dickens, quen con apenas doce anos tivo que poñerse a traballar nunha fábrica de betume e soportar inhumanas xornadas de máis dez horas para conseguir uns míseros xilins cos que axudar á maltreita economía familiar.

Tan lacerantes días non cesaron ata a morte dunha parente acomodada, da que a familia herdou unha respectable cantidade coa que seu pai puido saír do cárcere e o pequeno Charles fuxir da explotación infantil da Warren’s Boot-blacking Factory. Mais aquel tempo ficou para sempre na súa ánima e está na base da súa máis comprometida e crítica narrativa social.

Tras uns meses como pasante nun bufete de avogados, ben pronto comezou a colaborar como reporteiro e articulista en diversos xornais e con só vinte e catro anos alcanzou a fama ao publicar Os papeis póstumos do Club Pickwick (1836-1837). Logo viñeron Oliver Twist (1837-1839), Conto de Nadal (1843), David Copperfield (1849-1850), Tempos difíciles (1854), Historia de dúas cidades (1859) ou Grandes esperanzas (1860-1861), entre outros títulos que o converteron no narrador máis importante da época vitoriana e un dos máis destacados da historia da literatura en lingua inglesa.

 As súas obras, inmensamente populares, influíron de xeito decisivo na sociedade do seu tempo. Dickens, que vivira en propias carnes as infames condicións do proletariado, gustaba de percorrer o Londres máis depauperado para ver cos seus propios ollos as condicións misérrimas nas que malvivían milleiros de persoas na urbe que, naquela altura, era a capital do mundo. Esta perspectiva das cousas fixo que crease personaxes inesquecibles que son a encarnación da loita pola supervivencia nas máis extremas condicións. Velaí o seu Oliver Twist, a pequena Dorrit ou o desalentador ambiente operario descrito en Tempos difíciles. Tanta angustia e dor, tanta fame e enfermidade, explican as páxinas que Dickens dedicou a loitar por unhas condicións hixiénicas mínimas que non fixesen morrer a miles de persoas e tamén a súa loita contra a pena de morte ou a favor dos dereitos de autor. Grazas a el melloraron as insalubres condicións das prostitutas, pois mesmo axudou a crear unha casa de acollida para elas, Urania House. E tamén logrou que se producisen cambios lexislativos fundamentais a prol dos dereitos dos traballadores e da protección da infancia, mesmo que se construíse o primeiro hospital para menores do Reino Unido, o Great Ormond Street Hospital de Londres.

Curiosamente, esta exemplar adhesión á causa dos máis desfavorecidos contrasta co capricho de Fortuna, que fixo que ao morrer o 9 de xuño de 1870 deixase en herdanza aos seus fillos a mareante cifra de oito millóns trescentas mil libras. Tal abastanza explícase polo enorme éxito editorial das súas obras, que o fixeron tremendamente popular, ata o punto de que as entregas das súas novelas —pois publicábanse en folletíns na prensa— fosen agardadas con desesperante impaciencia. Cóntase que en Estados Unidos as xentes agardaban a chegada dos barcos da Gran Bretaña para preguntarlles aos pasaxeiros qué ocorrera con tal ou cal personaxe. Non importa que moitos deles non soubesen ler: reunían como podían os cartos necesarios para comprar o xornal e que alguén llelo lese para coñecer qué acontecía cos hoxe inmortais Fagin, Mrs. Gamp, Nell Trent, David Copperfield, Charles Darnay, Oliver Twist, Micawber, Pecksniff, Miss Havisham ou Wackford Squeers.

A influencia e consideración da obra de Charles Dickens é extraordinaria. Chesterton considerábao inigualable. Thomas Hardy respectábao como un mestre e nos nosos días Siri Hustvedt, Tom Wolfe ou John Irving recoñéceno como un referente. O seu legado cultural é enorme e dende 1902 existe incluso un selecto club literario chamado The Dickens Fellowship no que estudosos e seguidores se reúnen para discutir aspectos e cuestións da súa vida e obra.

Dickens cativou por igual a poderosos e humildes. A raíña Vitoria, que o recibiu en audiencia privada, era fan súa e quixo facelo sir, pero el estaba coas clases populares das que proviña, que lle agradeceron sempre que retratase as súas inhumanas condicións de vida sen edulcoralas e clamando pola súa mellora.

Está enterrado na Abadía de Westminster, no lugar coñecido como Recanto dos Poetas, a carón de Chaucer, Spenser, Browning, Hardy, Kipling ou Tennyson, aínda que el deixou dito que prefería que o soterrasen cunha cerimonia discreta na catedral de Rochester. Talvez por iso circulou á súa morte un epitafio impreso que dicía del que fora “simpatizante do pobre, do miserable, e do oprimido”. Son razóns máis que suficientes para explicar por que aínda hoxe centos de persoas peregrinan ao 48 de Doughty Street en Londres para presentarlle os seus respectos diante da que fora a súa casa durante anos, a mesma admiración que anima estas liñas para lembralo no seu sesquicentenario.

[Faro de Vigo, 18-6-2020]