Ás once da mañá do día de onte desvelábase no Salón de Plenos do Concello de Cotobade o nome do gañador do I Premio Nélida Piñon de Relato Curto, que resultou ser o lucense da Pastoriza Xesús Castro Yáñez (1992), prometedora voz xurdida do máis escolleito das novas promocións literarias galegas.
No acto público no que se anunciou o gañador do certame participaron o alcalde da localidade, Jorge Cubela, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a delegada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez, e os tres membros do xurado: Fina Casalderrey (en calidade de presidenta do mesmo), Carme Villarino (como vogal) e o que escribe (como secretario).
O relato co que Castro Yáñez se fixo acredor do premio e os seis mil euros de que está dotado titúlase “O vello e o Minotauro” e impúxose a outros cento setenta e nove traballos, o que dá idea da alta participación e, polo mesmo, o éxito da convocatoria, plena de calidade, pois o xurado recomendou tamén a publicación doutros dous textos: “Clementina” (presentado baixo o pseudónimo de ‘Indio’) e “Máis nada” (pseudónimo “Souto Oural”).
“O vello e o Minotauro” recrea a historia do mito clásico de Teseo, Ariadna e o Minotauro para revisitalo dende ángulos complementarios e anovadores. O que nel se nos narra é o que sucede tras o abandono de Ariadna en Naxos logo de que esta o maldiga, a difícil convivencia do propio Teseo e mais o Minotauro. Bestas e remorsos. Remordementos do animal que levamos dentro.
A narración de Castro Yáñez, tinguida de múltiples simbolismos e estruturada nun continuo xogo de espellos, debuxa unha espiral de relacións onde os tres personaxes se proxectan, entremesturan e confunden nun diálogo de voces que obriga ao lector a reconstruír os lugares de indeterminación e dar sentido ás sombras vougas e os baleiros implicativos que este moi ben artellado relato propón.
Escrito cunha imaxinería de impecable esmerilado, a prosa de alento lírico que reborda esta historia gaña forza segundo avanzan as páxinas, estourando nun final absolutamente suxestivo, que convida á relectura reveladora do conxunto.
Castro Yáñez engade con este I Premio Nélida Piñon (que se entregará nas vindeiras semanas en data aínda por determinar) un galardón á súa traxectoria que está chamado ao máximo prestixio dende esta súa primeira convocatoria, pois así o aseguran tanto o relevo da autora que lle presta o nome como a implicación das institucións municipal, provincial e autonómica na súa promoción e, tamén si, a xenerosa dotación e o feito de que os textos premiados sexan editados polo servizo de publicacións da Deputación Provincial de Pontevedra.
Parabéns, pois, a Xesús Castro Yáñez, de quen xa teño escrito noutras ocasións cando gañou os Premios Minerva ou o Premio Xosé Díaz Jácome, tamén pola súa participación nalgún número de Dorna, o que me persuade, aínda máis, do camiño claramente ascendente deste norlucense que pisa firme no escenario da nosa literatura.