Manuel García Barros é unha desas voces sen as que é imposible entender o discurso cultural e literario do pasado século, pero que, por razóns non doadas de determinar, por veces semella non estar o suficientemente presente ou non merece toda a consideración que sen dúbida gañou pola súa entrega, polo seu exemplo e polo seu legado.
Galeguista de cerna, mestre republicano que sufriu as represalias do bando sublevado coa suspensión no corpo docente, labrego e convencido loitador agrarista, o seu camiño vital está vencellado ás Irmandades da Fala e ao Grupo Nós, mais ao ter gozado dunha longa existencia (naceu en 1876 e finou en 1972, noventa e seis anos de xenerosa andaina a prol da causa de Galicia), coñeceu e tratou a case toda a intelectualidade galega do seu tempo.
A García Barros debémoslle un dos conxuntos de relatos que mellor reflicte a idiosincrasia da nosa xente: Contos da terriña, volume publicado en 1930 que recolle textos que fora dando a coñecer no periódico estradense El Emigrado, do que foi redactor xefe. A maiores, son tamén froito do seu quefacer a peza teatral Carta da Habana (1926) e diversas obras póstumas, entre as que salientan as Aventuras de Alberte Quiñoi, que viron luz en 1972, poucos meses despois do seu pasamento, pero que levaban escritas preto de trinta anos.
Case medio século despois do seu finamento parecía pouco probable que puidese compoñerse un novo libro con textos seus. Mais se hai alguén que podía vencer en tal desafío eses son os investigadores garciabarrianos Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono, que veñen de publicar A pluma insubmisa. Ensaios inéditos, un volume no que deron ao prelo tres ensaios que permanecían ata o de agora entre a documentación legada polo escritor: “Divagacións verbo do discutible e o indiscutible”, “Para a caixa de correo do Padre P.” e mais “O que se leva deste mundo. Resposta a Lidia”.
García Barros, moi dado ao emprego de pseudónimos como o seu famosísimo Ken Keirades, asinou estes textos como Fulgencio Tizón, revelando xa no seu propio nome literario o carácter ardente e polémico destes traballos. Escritos entre 1939 e 1945, naceron no momento no que o autor se viu máis castigado polos réxime franquista, privado da súa profesión docente, suspendido de emprego e soldo e obrigado a se refuxiar nos labores agrícolas. Non é de estrañar, polo tanto, que neles desenvolva unha acendida argumentación antibelicista, se ben o motivo principal de non poucas da súas páxinas é a defensa dos postulados anticlericais dende posicións cientifistas, non exentas de fundadas acusacións de conivencia entre a xerarquía eclesiástica daqueles anos e o fascismo dos mandatarios sublevados.
A carón deste anticlericalismo e pacifismo radicais estas páxinas engaden tamén xuízos a prol do que hoxe denominariamos principios ecoloxistas, mais tamén de reivindicación do ensino como antídoto a toda ignorancia maliciosa, de defensa da igualdade social e de progresismo.
Escritos nunha prosa diáfana que gaña polo seu didactismo, estes ensaios completan a coñecemento da admirable obra de Manuel García Barros, intelectual comprometido coas causas da xustiza, a liberdade de pensamento e a cultura expresada na nosa lingua. Cómpre agradecer a Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono tan valioso traballo de recuperación, que complementan cun documentado estudo introdutorio a propósito da orixe e sentido dos textos. Oxalá este libro volva poñer o foco sobre a figura de Manuel García Barros e gañe para a súa escrita novos lectores, será sinal de que algo vai mudando e de que o recoñecemento unánime e a necesaria actualización da súa memoria se abren paso.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 28-7-2019]