Posdramaturxia galega

A literatura dramática galega vive momentos complicados. O actual contexto da covid-19 angosta a súa recepción e proxección, tanto nos escenarios do país onde se representan as obras coma nas editoras que as dan a coñecer. Agora ben, isto é de aplicación unicamente no eido da acollida pública destes produtos culturais, pois unha realidade moi outra é a que ten que ver coa excepcional calidade e vizosísimo momento creativo que os nosos dramaturgos levan demostrando nos últimos anos.

Esa máis que plausible andaina volve fulgurar coa publicación de DramaturGA 20, o volume colectivo que edita a Asociación Galega de Dramaturxia no que participan case unha ducia dos nosos mellores creadores teatrais.

As propostas reunidas en DramaturGA 20 son un bo expoñente da máis próvida das vangardas escénicas. Lonxe das fórmulas, temas e rexistros do teatro galego doutrora, as liñas de forza, conflitos e tramas que conforman a urda destas creacións sitúannos plenamente no novo milenio e nun concepto espectacular posdramático, onde —e valla o xogo de palabras— a forma conforma o que o texto informa. Dito doutro xeito: o no gordiano destas historias anóase nunha posta en escena múltiple, mestiza, multimodal e participativa, na que a cuarta parede desapareceu, as fronteiras xenéricas foron abolidas e a columna vertebral da performance escénica é só en parte verbal.

Por estas coordenadas avanzan os “Soños de cinza” de Ana Abad de Larriva, teatro danza, onde o proxémico e quinésico determinan en non poucas ocasións o lingüístico e a semántica da mensaxe abala na aduana da loucura lúcida. E outro tanto acontece co “Corporal” artefacto de Afonso Becerra de Becerreá, dramática enunciativa de monolóxico fluír da conciencia inquiridora, indagación sobre a metafísica da fusión dos corpos.

Non menos orixinal é a achega de Raquel Castro e o seu “Un bolso grande de máis”, alegación contra a tiranía da xornada dobre feminina e a ditadura dos atumes procreadores adxudicada ao rol feminino na sociedade patriarcal.

Autorreferencial e atrevidamente gráfica e musical é tamén “Play” de Sther F. Carrodeguas, ácida revisión dos preconceptos machistas que condicionan a educación na infancia e os roles sexuais. E velaí tamén a sutil prospección no limes da cordura roma e do lúcido psiquiátrico que Julio Fernández Peláez explora con “O corazón dos peixes”, profundar no labirinto do eu ata os baixíos da ulterior razón.

“Bisesto” de Fran Godón engada polo xogo paralelístico e por espellar as cicatrices que deixan ao ar os casos da mocidade que cae nas gadoupas da anorexia e doutras afeccións que devastan a estima propia e provocan o autoodio moitas veces lesivo.

“Aba e Don”, de Ernesto Is, é quen de crear un bucle espazotemporal que se dilata na delicada membrana do real e do fantástico, con alusións metaficcionais e de escuro bélico.

Carlos Labraña, voz autorial de abraiante plasticidade, codifica en “Alzheimer” a denuncia da barbarie do 36 e as feridas abertas pola incivil guerra, nun intelixente xogo de silencios ominosos, remorsos implacables e amnesias interesadas.

Francisco Oti Ríos, autor do limiar ao volume, é así mesmo o autor de “Unha cuestión familiar”, texto polo que recibiu o Premio de Teatro Mínimo Rafael Guerrero, peza intensa e reveladora, que xira arredor do esgazamento que se produce nas familias separadas polo exilio ao que obrigan os conflitos bélicos.

Pechando o libro figuran “Alicia morreu de sobredose” de Noelia Toledano, intertextualización lewiscarrolliana de epifánico monólogo, traxectorias cruzadas de absurdo deconstrutivo e traumático infantil; e, xa por último, “Por exemplo Biona” de Roi Vidal Ponte, dramapuzzle, cóctel escénico para montar e desmontar, ir e vir de flashes vitais nos que palpita a infinda vertixe dos días e das xentes.

Moito e moi bo reúne este volume DramaturGa 20. Oxalá sexan millenta as persoas que a el se acheguen para arroupar e facerlle xustiza ao noso teatro, hoxe especialmente necesitado de atención. Poderán comprobar, de propia man, a valía desta “proposta aberta e plural”, así como a innegable “excelencia e liberdade” que o seu prólogo anuncia e que as pezas que aquí se inclúen confirman.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-8-2020]

Alén do valo

Falar hoxe de teatro infantoxuvenil galego e non referirse a Carlos Labraña é tarefa case que imposible. Logo de case tres décadas traballando na súa creación, divulgación e representación ben poucas son as iniciativas neste eido nas que, dunha ou doutra maneira, non teña estado presente.

Esta incansable dedicación fíxoo acredor de premios como o Concurso Xeración Nós de Textos Teatrais Infantís, o Premio Estornela de Teatro para Nenos ou o Concurso O Facho de Teatro Infantil, entre outros. Máis aínda, as súas obras son toda unha referencia neste ámbito e así o demostran títulos como Espantallo, Moito Morro Corporation ou O apalpador, por citar só algúns dos máis recentes.

A esta recoñecida andaina suma agora a aparición de O valo, peza coa que obtivo o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil na pasada convocatoria, un volume que coeditan a Axencia Galega das Industrias Culturais e mais Xerais e que conta cunhas espléndidas e moi suxestivas ilustracións da artista Nuria Díaz.

O valo é unha obra que fai boa a máxima do menos é máis: estruturalmente presenta un só lance no que participan soamente dous personaxes nun escenario único. En consecuencia, a acción dramática figura tamén concentrada e o tempo da historia transcorre apenas nunhas cantas horas.

Este adelgazamento dos elementos constitutivos da peza, lonxe de desarborala, contribúe decisivamente a fixar a atención no esencial da súa mensaxe: a traxedia á que nos arrastran os conflitos entre os pobos, coa lacra das guerras, as fronteiras que nos dividen e os odios raciais e xenofobias que tantiñas veces fan presa en nós.

Unha nena (Sahara, a rosa do deserto) e mais un neno (o Soldadiño de chumbo) son os protagonistas desta historia. El representa o acatamento á orde preestablecida, o control das alfándegas que impiden a libre circulación das persoas, tamén os prexuízos que amosan o temor e a desconfianza dos que non se coñecen, impedindo a chegada de inmigrantes por consideralos indesexables. Ela é a encarnación da sensatez e a tenrura e todas as súas actuacións se ven presididas pola bondade e a solidariedade. É unha nena que foxe da guerra que asola o seu país, que perdeu os seus pais e demais familia e que tan só procura un lugar no que vivir en paz.

O Soldadiño e Sahara establecerán un revelador diálogo no que a visión do mundo inicial amosada por el irá mudando segundo coñeza máis e mellor a traxedia palpitante dela. As súas conviccións sobre o Ben e o Mal entrarán en crise e, como resultado dese proceso de iluminación interior, o novo Soldadiño acabará renacendo como un individuo ben máis xusto, xeneroso, comprensivo e fraterno.

Por tanto, O valo non é só unha obra esteticamente notable, senón tamén un documento sociolóxico que nos convida á reflexión sobre o mundo que vivimos, verbo das súas irracionalidades e lacerantes exclusións. Como o propio autor indica nunha nótula inicial, a peza foi escrita en homenaxe a todas as persoas que teñen que abandonar a súa terra en procura de refuxio por mor das guerras, como Marwan, un meniño de catro anos que tivo que fuxir do conflito sirio cruzando o deserto coa súa familia. En memoria destas persoas “para que as súas historias non caian no esquecemento e constitúan o xerme da loita contra os valos, aramados, muros e fronteiras que dividen o mundo” naceu O valo, que ten no derrubamento do elemento que lle dá título a conclusión simbólica da súa aposta.

Cando remato de escribir estas liñas están xa en marcha as sesións para asistir á montaxe de O valo, da que se responsabilizou Iván Prado e protagonizan Fran Rei e mais Saleta Fernández. A estrea será esta vindeira semana no Salón Teatro en Compostela. Inmellorable ocasión para abeirarse e coñecer, de primeira man, unha historia fonda e conmovedora.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 15-10-2017]