A Dorna de Minerva

cuberta dorna 37Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.

E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.

A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).

interior dorna baldoComo remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.

A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.

Poéticas de expansión

Antoloxía de referencia. Etapa de expansión é o título co que se completa a triloxía de escolmas que o grupo senti_mentalista leva a publicar dende o 2011 na Editorial Bubela.

Desta volta, os antólogos responsables do proxecto son dous ben coñecidos poetas tamén eles: Xavier Lama e mais Branca Novoneyra, quen prologan e poslogan a selecta ao tempo que asinan as fichas bio-bibliográficas dos autores escolleitos, a saber: Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e mais Helena Salgueiro.

Sete poetas que representan a máis nova escrita de noso, pois o maior deles apenas se supera a trintena e os máis novos nin sequera chegan nalgún caso á maioría de idade. Enténdese ben, por tanto, que sexan poetas que se deron a coñecer no último lustro.

Son, xaora, creadores de traxectorias ben diversas e apostas estéticas e temáticas complementarias. Hai, por tanto, autores con poemarios individuais xa no mercado e outros que aínda non deron ese salto; poetas en exclusiva e outros que tamén practican a narrativa ou o ensaio; creadores monolingües e mesmo algún que é autor bilingüe galego-islandés.

Con tal pluralidade, entenderase que o máis valioso desta escolma resida, xustamente, no vizoso da proposta, onde pode lerse de todo: poemas en prosa, poesía de liña versal breve, textos de airexa formal e dicción máis clásica ou composicións de engastado multilingüe e referencias poliartísticas.

Esta Antoloxía de referencia. Etapa de expansión é unha obra que se insire dentro do proxecto senti_mentalista promovido por quen dirixe o selo que lle dá acubillo, Xesús M. Valcárcel. Hoxe por hoxe, constitúe a máis completa escolma de voces novas existente no mercado, unha obra ideal para informarse do que se coce poeticamente entre as últimas promocións, coa engádega de que aparecen aquí non só versos tomados dalgunha publicación anterior, senón, sobre todo, moitos poemas ata o de agora inéditos que se ofrecen, en exclusiva, neste interesante título.

17 poetas do 21

Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.

Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.

A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.

Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.

Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.

Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.

As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.

Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.

A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.

Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.

Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]

Radiocrítica 16-12-2013

Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 16 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novelística de Manuel Darriba (0’45),  os relatos de Antón Riveiro Coello (3’05), a poesía implicada de María Reimóndez  (7’15), a ‘Antoloxía de referencia. Etapa de expansión’ que Xavier Lama e Branca Novoneyra prepararon coas novísimas voces poéticas de Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e Helena Salgueiro (9’20), o teatro de Marcos Abalde Covelo (14’45), o ensaio filosófico de Carlos Lema (16’30) e mais a mitoloxía da vella Gallaecia para novos e non tanto de Manuel Gago e Manel Cráneo (18’30).

Boa audición!

        http://www.goear.com/embed/sound/7d31504

Nos límites do deserto

Branca Novoneyra vai aos poucos consolidando unha meritoria traxectoria artística que nos últimos anos adquiriu venturosa plasmación literaria coa publicación no 2009 de Dentro do labirinto, o seu primeiro poemario, ao que vén engadirse agora un novo volume de versos, Cristal escuro, aparecido na colección Libros da Frouma da santiaguesa Follas Novas Edicións.

Cristal escuro, que figura antecedido por unhas palabras liminares de Ana Gorría e sucedido polas verbas epilogais de Luís Cochón, é un exercicio de introspección sentimental, concreción conceptual e adelgazamento expresivo que dá como resultado unha obra de medio cento longo de poemas que, na maioría dos casos, apenas se superan os tres ou catro versos.

Estamos, por tanto, ante unha lírica de condensación comunicante, en non poucas ocasións próxima ao haiku na súa asombrosa capacidade para a captación do intre fuxidío e a reflexión transcendente. Unha poética de raíz simbólica, onde as realidades do broche matricial e abranguedor, o deserto habitado, a serpe oracular, os velenosos paraísos artificiais ou os límites da transición (im)posible son outras tantas presenzas iteradas.

Dividido en tres seccións de desigual extensión —máis ampla “O deserto” africano e non só, de menor tamaño “A liña Ginza” metropolitana e ben fugaz “A illa” de Vulcano—, Cristal escuro explora os vaivéns da percepción mutable, a fulguración do movemento e a extática dos mapas de luz, as sombras sfumatas e o solpor dos hemisferios.

Para Branca Novoneyra a poesía é “unha forma de pensamento, un lamento raro e luminoso”. Lendo os seus versos compréndese cabalmente unha afirmación deste xorne, pois case nunca verba tan escasa foi máis vizosa cos mundos suxeridos, poucas veces unha dicción así de sobria alcanzou tal profusión implicativa.

Facerse cun exemplar de Cristal escuro para ilo abicadando a chopos pequeneiros ha resultar impagable compaña para repensar o mundo baixo a sombra fidel dalgún carballo do país neste estraño estío. As magníficas ilustracións de Anxo Pastor e as fotografías de Begoña Veiga que tan ben iluminan estes poemas axudarán decisivamente na dixestión deste festín de boa literatura co que Branca Novoneyra, máis unha vez, agasalla a quen a ler se achegue.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 18-8-2012]