A propósito da poesía galega actual

O Boletín Galego de Literatura acaba de publicar un novo número, o que o achega paseniño ao medio cento de entregas nunha xa longa andaina de case un cuarto de século.

Nesta ocasión, a revista vai dedicada monograficamente á “Poesía galega. Perspectivas críticas e comparadas”, sendo coordinada polas profesoras María Xesús Lama e mais María Xesús Nogueira e ilustrada polo pintor lucense Antonio Murado, autor tanto da cuberta coma das imaxes interiores que acompañan os textos.

Imposible detallar nun post de extensión conveniente o contido e alcance da vintena de variadas contribucións das que se nutre esta entrega, que soborda con moito os tres centos de páxinas. Conformareime, pois, con chamar a atención sobre algúns estudos que me resultaron particularmente interesantes.

Quen queira ter unha visión integral da importancia e valores que adquiren os espazos rurais e urbanos na nosa poesía última faría ben en ler o excelente artigo que verbo deste asunto asina María López Sández (“A representación dos espazos rurais e urbanos na poesía galega actual: imaxinario territorial, localización e globalización”). De igual maneira, o colectivismo poético destes tempos ten cumprida análise nas palabras de Monserrat Pena Presas (“Os grupos poéticos galegos tras Letras da Cal: entre a resistencia e a anovación”), quen pon de relevo o papel sobranceiro que certas plataformas comunais xogaron no pulo dado á nosa lírica dende a afastada aventura de Letras da Cal ata a actualidade.

Tampouco deixaría eu sen ler a aproximación que ao complexo mundo do identitario nacional e a cuestión xenérica nas autoras irlandesas realiza Manuela Palacios González (“Escritoras irlandesas e nación: crónica dun desencontro”), grande coñecedora destas realidades por terlles dedicado con anterioridade diversas publicacións absolutamente referenciais.

 Noutra liña diverxente, aínda que complementaria, é imprescindible o coñecemento da moi documentada e rigorosa síntese que José Luis Forneiro ofrece do suxestivo tema “O romanceiro tradicional na Lusofonía e na Galiza”, do que o profesor da Universidade de Santiago é o máximo especialista, como o avalan os seus numerosos estudos e volumes sobre o mesmo e, sobre todo, a súa tese de doutoramento sobre o romanceiro en Galicia, traballo académico de cabeceira para todos os que queiran transitar por estes eidos filolóxicos con criterio e credibilidade científicos.

Para rematar, non quero pasar sen convidar tamén á consulta da entrevista que Lama e Nogueira mantiveron con Xosé Luís Méndez Ferrín, reveladora en moi diferentes sentidos, e recomendar a visita á sección de creación protagonizada por Emma Pedreira, unha das nosas voces poéticas recentes máis destacadas.

Balance máis que positivo, por tanto, o deste novo Boletín Galego de Literatura, mérito que corresponde, antes nada, ás súas coordinadoras, María Xesús Lama e María Xesús Nogueira, e tamén a todas e todos os que contribuíron cos seus artigos a botar luz sobre o vizoso e multiforme espazo poético galego actual dende ancos críticos e comparativos que o fan máis próximo e comprensible.