Como cada ano dende hai xa oito o Concello de Ames publica nun volume os traballos distinguidos no seu Certame Literario. Relatos curtos e poemas de participantes que concursan en categorías infantís, xuvenís e de adult@s e que son premiad@s por un xurado de creador@s e crític@s designado polo propio concello coa axuda da AELG.
Nesta ocasión foron case unha vintena os textos recollidos neste libro do VIII Certame Literario Concello de Ames: seis correspondentes a contos e poesías de concursantes ata os trece anos, outros tantos de moz@s ata os dezaoito e outra media ducia de propostas para maiores de idade.
Desculparáseme que non me deteña en todos e cada un dos textos do volume —secasí, para os que queiran saber a relación completa d@s premiad@s figura no etiquetado do post—, pois conformareime con salientar tan só algúns dos que, ao meu ver, sobrancean no conxunto.
É o caso do relato de desamor “Zume con cabezas” do noiés Ismael Ramos Castelo, gañador na modalidade de narrativa entre os catorce e dezaoito anos, unha historia con finura psicolóxica abonda e sutil manexo do rexistro humorístico, calidades que contrastan coa prosa fragmentaria e calidoscópica mais tamén sentimental de “Porcións”, de Lara Porto Mato, segunda nesta mesma categoría.
Est@s autor@s son tamén primeiro e terceira premiad@s na súa categoría de poesía, revelándose el como poeta do metaliterario e xogo imaxinístico e ela do amatorio e o marítimo.
Xa entre @s adult@s, o texto máis sólido, con moita diferenza, é o de todo un consagrado como Xesús Manuel Valcárcel, narrador que regala aquí unha peza curta de extraordinaria factura, “Selección persoal”, lograda parábola verbo da presión do grupo sobre @s individu@s e o afogamento da liberdade do eu na disolución asolagadora da masa atafegante.
A canda o relato de Valcárcel merecen nomearse a prosa irónica de Lois Pérez Díaz en “O voto da escultora” e a contística evocadora e rememorativa de María Xosé Ónega Filgueira en “Proxeccións”.
Da súa parte, a poética de Marcela Porto Mato —irmá da amentada Lara e da tamén escritora Andrea— en “Pentágono” gañou o favor do xurado na categoría para @s máis nov@s pola súa clave de cifra simbólica e amor de beiramar.
Finalmente, na categoría de poesía para maiores de dezaoito foron o verbo desconforme e acendido de Natalia Alonso Ramos en “Desexo”, a erótica entregue de Cruz Martínez Vilas en “Atraídos por un choque de feromonas” e mais a arquetípica d@s amantes complementari@s de Xosé Daniel Costa Currás en “Amantes de maínzo” @s que acadaron os galardóns.
Por xunto, xa que logo, os textos reunidos neste VIII Certame Literario Concello de Ames ofrecen un mosaico diverso de estilos e temas nos que escritor@s máis coñecid@s e noveis comparten protagonismo e fan deste premio un referente no seu xénero. Un logro polo que cómpre felicitar ao Concello de Ames e, moi especialmente, á súa Técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro, secretaria do concurso e verdadeira alma mater deste feliz evento ao que lle desexamos moitas futuras convocatorias.