Bedepoética galega

Nordesía (Yolanda Castaño, 9-12-2018)Se algo caracteriza a andaina creativa de Yolanda Castaño é a súa irrenunciable aposta pola transgresión artística que ensancha e abre anovadores espazos para as linguaxes.

Porque é relativamente doado, cómpre dicilo, ser máis ou menos orixinal nunha tentativa primeira e illada, pero continuar a selo un cuarto de século despois de darse a coñecer é unha fortuna só ao alcance das voces singulares que marcan época.

E isto é o que Castaño asegura: capacidade para innovar, mestría para sorprender e propostas sempre inesperadas, o que a confirma como unha das autoras máis xenuínas do noso panorama artístico.

O que digo ten doada constatación á vista de O puño e a letra, volume de gran formato publicado por Xerais que constitúe a primeira mostra de Comic Poetry galega a libro completo.

Con esta publicación, Castaño celebra o primeiro cuarto de século de escrita poética cunha escolma dos seus versos, que acompaña coa lectura visual que destes fai unha corentena de debuxantes galegos que interpretan, en clave de bedé, outros tantos poemas para transformalos nunha comicpoética ou bedepoética de innegable fascinio verboicónico.

Por tanto, O puño e a letra é, a un tempo, unha ampla e ben representativa selecta da poesía de Castaño (na que figuran escolmados versos de todos os seus libros: Elevar as pálpebras, Delicia, Vivimos no ciclo das erofanías, O libro da egoísta, Profundidade de campo e A segunda lingua) e tamén unha antoloxía dos principais nomes da ilustración galega, que conviven aquí nun mostrario ben diverso de estilos alternantes, escolas varias e xeracións sucesivas, dende os clásicos nados na inmediata Posguerra como Siro ou Xoaquín Marín ata novos valores como Christian F. Caruncho ou Paula Esteban, estritamente millennials.

O resultado de tan larga mestura é unha explosión de estéticas gráficas nas que conviven dende o cómic tradicional ata o cómic póster, pasando pola bd lúdica (con reprodución incluída dun xogo da oca versal), a bd cadro, o cómic fanzine, a bd plaquette, o cómic ideográfico ou a bd de abstracción pictórica, entre outros.

Da súa parte, os versos escolmados por Castaño espellan o seu vieiro creador, sempre no límite do expresivo, pensatibres da identidade propia, da conexión amorosa, do imaxinario social e fondamente conscientes da radicalidade metapoética.

As corenta achegas bedepoéticas complementan, implementan e completan a escrita de Castaño dende ángulos desusados, amosando non só a súa plasticidade connatural, senón tamén a súa forza escénica, a pulsión fílmica que alimenta moitos deles.

Alternativa, anticonvencional e anovadora, esta bedepoética de Yolanda Castaño en O puño e a letra inaugura camiños para a visotextualidade galega que sempre lle terá que agradecer a súa afouteza pioneira.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 9-12-2018]

A cociña onírica

Maurice Sendak (1928-2012) é un dos grandes da ilustración da segunda metade do XX. Este neiorquino, que nos deixou aínda hai pouco, ten recibibo os galardóns máis importantes no mundo da creación infantoxuvenil, como o Premio Andersen ou o Astrid Lindgren, e é unánimemente recoñecido como un dos nomes que revolucionou o xeito de entender o álbum ilustrado nos tempos modernos.

De entre a moi prolífica produción de Sendak, hai dous títulos que sobrancean: Onde viven os monstros e Na cociña de noite, ambos os dous vertidos para o galego nos pasados meses por Xosé Manuel González.

Na cociña de noite é un álbum que me interesou pois dáse nel unha mestura de humor e onirismo infrecuente, anoada nun adozado de imaxinativa inocencia que non refuga a transgresión nos modos e mesmo nas imaxes. Tanto é así que os inxenuos espidos do neno protagonista ergueron no seu tempo certa problemática para a reproducción e distribución desta obra, emporiso provista dun candor natural que en absoluto xustifica aquela retrógrada reacción inicial.

Na cociña de noite atrapa pola fantasía das solucións narrativas, mais tamén polo suxestivo das ilustracións, nas que Sendak soubo aproveitar iconas cinematográficas como a de Oliver Hardy (o máis groso dos que entre nós foron sempre coñecidos como O Gordo e O Fraco), rostro que caracteriza os tres pasteleiros que, xunto ao neno protagonista, son os personaxes principais deste relato.

Os moi afectos ao xénero recoñecerán porén outras presenzas, como a homenaxe visual ao Little Nemo in Slumberland de Winsor McCay, pois hai en Sendak unha narración da memoria, da nenez e o seu mundo de ensoñacións que arrinca dese común pouso que alimenta a maxia do inxel infante.

Ben recomendable, con certeza, este Na cociña de noite, de Maurice Sendak, agora ao alcance do lectorado galego da man da referencial Kalandraka.

Icía, Avoa & Co.

Sabela Arias Castro é unha coñecida viñetista que, dende hai tempo, nos convida á reflexión humorada nas páxinas do Terras de Santiago do Grupo El Correo Gallego. Quen frecuente este medio saberá xa das historias dos seus dous personaxes protagonistas: unha avoa e a súa neta (Icía) que, no contraste das súas visións do mundo, van espellando para nós as contradicións e problemáticas da realidade que vivimos.

Unha escolma ampla dese labor —unida a outras viñetas tiradas do blog www.historiasdeiciaeavoa.blogspot.com e aínda na revista dixital Enchufadas— recóllense en Historias de Icía e Avoa (condensadas), un volumen editado pola Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos no que se compilan case unha setentena destes traballo, en branco e negro, dados á luz por Arias Castro dende setembro do 2003 ata a actualidade.

A publicación leva un breve pero descritivo limiar de Xosé Neira Vilas, quen informa sobre a traxectoria da autora lucense, licenciada en Belas Artes por Salamanca e doutorada pola Universidade do País Vasco, unha pintora con obra exposta en Galicia, no resto do Estado e noutros lugares como París, Nova York, A Haia ou Porto.

Como a protagonista Icía Rodríguez Arias aclara nun saúda prologal, o libro nace da “Converxencia de dous puntos de vista moi distintos cun resultado hilarante”, o da avoa e a súa neta. Logo veñen as imaxes e os textos, que versan sobre ecoloxía, igualdade, política e mil e unha realidades que suscitan o comentario un tantiño retranqueiro e sempre con ferrete irónico do dous personaxes.

Boa achega esta das Historias de Icía e avoa (condensadas) de Sabela Castro e boa nova que Eira Vella siga sendo amable casa editora para os máis diversos proxectos.

Marín e Tizón, verboicónicos

Se lles digo que é ferrolán do 43, que ve o mundo dende os pés e responde con humor a todo canto caos nos rodea, seguro que non caen. Pero se lles conto, ademais, que é o pai de Gaspariño e Isolino, que o seu primeiro libro o coasinou nada menos que con Reimundo Patiño no emblemático selo Brais Pinto e que dirixiu o único Museo do Humor que existe en Europa, probablemente lles vaia soando algo máis. E se aínda engado que os seus cadriños e tiras cómicas apareceron nas revistas e xornais máis importantes de Galicia e España dos últimos corenta anos (La Codorniz, Hermano Lobo, Diario 16, Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego etc.) seguro que xa se van facendo idea de que lles falo de Xaquín Marín, do mestre Xaquín Marín.

Xaquín Marín & Gabriel TizónE se agora lles falo doutro ferrolán do 73 que leva dende os dezaseis anos coa maxia do revelado no cor e a pupila en disparador, se lles digo que puxo imaxes ás páxinas de El Correo Gallego e o seu irmán de noso O Correo Galego durante varios anos, que logo andou por algún outro xornal coruñés e mil e unha revistas e axencias de noticias nacionais e internacionais (EFE, Grupo Recoletos, Grupo La Capital, El País, El Mundo, The Guardian, Le Monde, New York Times e outros), han deducir que se trata dun fotógrafo de altura, pois non en van a súa obra foi exposta en galerías de moi diferentes lugares de todo o mundo, recibindo premios galegos, estatais e internacionais que confirman a Gabriel Tizón como un dos nosos máis valiosos cazadores de instantáneas.

Agora imaxinen vostedes a ambos unidos na confección dun libro. Marín poñendo a arte dos seus lapis para pintar a vida e Tizón deitando a súa orixinal ollada en derredor. Pensen como resultaría un diálogo entre ambos artistas a partir da palabra. Mellor aínda, das palabras, dun feixe de Palabras, con maiúscula: Amor, Capitalismo, Cultura, Emigración, Guerra e Paz, Humor, Idea, Igualdade, Liberdade, Misterio, Relixión, Saúde, Terra, Traballo, Xustiza. Tenten visualizar unha dobre páxina cunha ilustración de Marín á esquerda e unha foto de Tizón á dereita centrada tematicamente en cada un destes microuniversos verbais. Figúrense o ferrete humorado, irónico, retranqueiro de Marín, a plasticidade descarnada, punxente, sensible de Tizón, a feraz retroalimentación que dese venturoso casoiro se desprende: imaxes que reinterpretan os mundos e as vidas dende a necesidade de endemizar as luces e devastar as sombras, de abrir as nosas mentes ao progreso, á positividade, ao vital e arredarnos do noxo das vilanías, as inxustizas, as iniquidades.

Fagan un último esforzo: supoñan que esa obra de miradas transversais e epifánicas de Marín e Tizón toma corpo e o fai cos oficios e saber dun selo relativamente novo, pero de sobras competente, Bululú. E procuren soñalo editado con primor de capas duras, con contracubertas nas que Tizón fotografa a Marín e este retrata ao primeiro. E logo non se priven, engádanlle un prólogo de excelencia, doutro grande da palabra, da imaxe, da arte: Quico Cadaval.

Ese libro existe. O milagre verboicónico leva por título Palabras e agarda nas librerías de Galicia por vostedes. ¿Han deixalo pasar?

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-11-2013]

Por fociños, por cacheiras

Este verán tróuxonos aos admiradores da banda deseñada galega unha moi feliz noticia: o regreso dos nosos comiqueiros arredor dun novo proxecto colectivo que se concretou na aparición de Oink!, a revista do Xabarín Club.

Dirixida por Marcos Ferreira Sanmamed, este magazine é unha fantástica iniciativa da que é responsable, en non pequena parte, Kiko da Silva, magnífico ilustrador e didacta desta arte que coordina e participa nun equipo no que figuran os máis sobranceiros ilustradores desta hora: Miguelanxo Prado, Miguel Porto, Fernando Iglesias, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Andrés Meixide, David Pintor, Carlos López, Fran Bueno e Víctor Rivas.

Tras a súa presentación pública a través do número 0 o pasado mes de agosto nas Viñetas desde o Atlántico da Feira do Libro e do Cómic da Coruña, xa está á venda o que é a primeira entrega comercialmente distribuída da revista, un exemplar no que os fieis da nosa bd poderán gozar da volta de referentes emblemáticos dos últimos anos, como o Fiz de Kiko da Silva ou o Tito Longueirón de Pinto & Chinto, xunto a novos personaxes e historias como As Viaxes de Iria de Miguel Robredo, Tulpa e a Bigotuda de Jacobo Fernández ou O Subterrino Verde de Fernando Iglesias, entre outros.

Mais, Oink! non só é unha moi divertida e atractiva revista de bd. O equipo que a dirixe quixo tamén que o público ao que potencialmente —que non en exclusiva— vai dirixida, @s nen@s e moz@s de 6 a 15 anos, puidese aprender o mundo ludicamente, polo que incorporou xa a este primeiro número seccións como “A pasalo bomba!”, “Fedellando”, “Pasatempos”, “Hai alguén aí?”, “Con pegada”, “Andas na onda?”, “Satélite Xabarín” ou “Reportaxe Oink” nas que, a carón de novas de actualidade e historias insólitas do pasado, poden atoparse pasatempos, entrevistas, curiosidades guinness, guías de manualidades, reportaxes sobre as máis diversas temáticas, recomendacións lectoras, musicais e cinematográficas e mesmo a programación televisiva propia.

Moito que ver e que ler dá esta Oink!, que resucita o máis ilusionante espírito doutras empresas grupais dos últimos anos (velaí, poño por caso, a memorable aventura do Golfiño) e que agardamos teña todos os éxitos que se merece, pois nada máis grato ha de haber que poder achegarse cada mes aos quioscos para poder seguir gozando desta marabilla da bd galega á que desexamos longa e farturenta vida.