Ubres de néboa

Trona, o merloO oficio de poeta é o do pastoreo das sombras, un falar consigo mesmo en cadoiro infindo, remoer de tempos que conducen ao espello da revelación, a auga durmida dun eu fuxidío que só se albisca en soidade. Por iso non dan ben coas saudades dos vates nin as parafernalias sociais nin os circos mediáticos. O poeta é voz esencial da comunidade e, como tal, debe comparecer cando cómpre, mais non en calquera ocasión nin de calquera maneira.

Esa natural discreción é letra sagra para Luís Valle. Ata o de agora, o poeta de Lugo sabía de cigurats, coroas, caídas, fedores, mendiños e cicatrices. Descubrimos hai nada que tampouco os merlos e as tronadas tiñan segredos para el, como testemuña Trona, o merlo, poemario editado por Barbantesa no que reúne setenta haikus entre os que se intercalan ilustracións de Baldo Ramos.

Valle domina o tempero da arte secular de Basho e consegue amalgamar, en nova alquimia, paisaxe, tempo e sentimento ata dar con ese precioso elixir do estacional epifánico que aprendemos das terras do Sol Nacente e que tanto vizo foi gañando estes últimos anos nas landas nosas do Solpor.

Van e veñen polos tríades os bosques e os cervos de luz, as rulas encol das ramas, as marzas e as amoras, as tardes de sol imposible nas que locen as gadañas, os ofidios gobernando a herba seca, os lóstregos somnámbulos, as eiras ardentes nas que as ras lle falan á morte, as aves que esvaen nos ubres da néboa e a relixión da xesta branca e o toxo arnal, os trobos deshabitados e os callóns na gorxa, o vento e as formigas señoreando os vargos, as xorimas dervixes e a xistra dioivando, o escarabeido que escoita medrar a herba, as noites de carballos trementes e trabes a ruxir, as larvas retortas e os corvos xeados, o caracol enfermo e o ouriolo que chama pola flor.

lvalleEn Trona, o merlo están as airexas dos trobeiros (“Morreume a Amiga./ En Augalevada os montes/ están máis quietos”), os soños chovidos de Novoneyra, as herbas avesías de Pimentel, as tardes largacías de Aquilino. E están Eliot e Rilke e Auden e o Lorca máis surreal, un olimpo sensitivo que lustra a pátina áurea desta poética de tempos estantíos e agras infindas.

A metafísica de Valle conduce á fusión cósmica, ao pálpito telúrico irrenunciable no que non se precisa ir ao camposanto, ése o camposanto (“Non preciso ir/ ao cemiterio, son/ o cemiterio”), e a neve ósmase fóra coma o derradeiro vagón no o que Ser-Tempo se fai esférico (“Ulo a neve fóra/ do último vagón./ O tempo está cheo”).

Trona, o merlo de Luís Valle é a constatación da solidez creativa dun poeta que deloura aos poucos a súa voz e vai ensinando rexistros aos que xa poucos chegan, augurando un futuro cada vez máis prometedor.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 4-10-2015]

A Dorna de Minerva

cuberta dorna 37Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.

E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.

A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).

interior dorna baldoComo remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.

A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.

17 poetas do 21

Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.

Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.

A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.

Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.

Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.

Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.

As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.

Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.

A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.

Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.

Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]

Escolma sentimentalista

Dende hai tres lustros, a filosofía sentimentalista que fundara o poeta e intelectual lugués Xesús Manuel Valcárcel vén defendendo todo un marco de pensamento integral, radical e liberador, que ten na súa vertente artística e cultural o primeiro e, ata o de agora, máis feraz terreo de cultivo.

Xa constitúen un número considerable os textos nos que se teoriza e divulga sobre este movemento cultural que aspira a ser de masas, así que evitarei abafar aquí cunha longa restra de títulos. Abóndelle saber, a quen estiver interesado, que procurando na Rede a páxina do selo editorial que o propio autor dirixe (www.editorialbubela.com) terá cumprida información dos esteos conceptuais e a programática vital deste grupo.

Pois ben, como unha natural extensión do labor de promoción creativa desenvolvido polo colectivo sentimentalista, a amentada editora santiaguesa publicou nos últimos meses dúas escolmas poéticas nas que colaboraron moi diversas escritoras e escritores do país, xunguidos baixo a animosa bandeira da procura da renovación lírica da nosa literatura e a necesaria apertura de vías de exploración dos seus universos textuais na máis absoluta independencia de criterio e actuación. Con tal motivo, o ano pasado veu luz a selecta Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de Fundación, coordinada polos tamén poetas e ensaístas Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira, volume no que se inseriron composicións de César Arias, Cristina Ferreiro Real, Xesús Alfonso Parada, Mariña Pérez Rei e o propio Xesús Manuel Valcárcel.

Nas pasadas semanas saíu do prelo unha nova escolma desta serie que se anuncia tríade. O título, nesta ocasión, Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de Implantación, e os coordinadores dous dos poetas representados na primeira das entregas, Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, aquí desdobrados en antólogos e finos analistas prologais da obra espigada dos sete poetas inseridos no novo libro.

Como sempre acontece neste tipo de traballos, as estéticas e temáticas de cada un dos participantes resultan abondo dispares, se ben todas elas caben perfectamente baixo o amplo paraugas sentimentalista, que defende, como nos lembran Arias e Pérez Rei no seu elaborado limiar, “un cambio pola vida en liberdade, pola liberdade de expresión na arte e pola dignidade na arte e na vida”.

Fóra destes principios de mínimos, absolutamente nada teñen que ver a busca devecida da identidade especular e (auto)desdobrada de Yolanda Castaño cos versos telúricos e tribais de Xulio Cid Neira; a escrita de clan familiar e amor cómplice de Olalla Cociña coa poética mínima e caligramática e mais a prosa esexética de Xabier López Marqués; o amor vivificante e arredador da lúcida conciencia do baleiro, os estigmas do Mal e a vertixe dos límites que tracexa Francisco Xosé Fernández Naval fronte á dislocación interior da vida/morte que tingue de vermello e negro a longa ladaíña en tempo de Candeloria de Baldo Ramos; como tamén, en fin, é singular e xenuinamente incomparable a contemplación extática, profundadora expansiva das marxes e das epifanías, que arboriza en Eva Veiga.

Mais é precisamente esta multiplicidade de estilísticas e argumentos o que fai en verdade atractiva a presente escolma, moi ben arrombada por Arias e Pérez Rei, que atinaron co coro de voces antologado (por máis que o rexistro baixe un tanto nun par deles), posuidor de tesituras complementarias que, de seguro, darán un bo concerto para escoitar aos que se acheguen a este Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de Implantación, libro co que a Editorial Bubela e o sentimentalismo de Valcárcel & Co. regalan aos lectores unha proposta lectora de inestimable valía.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 3-6-2012]

Os ollos das palabras

Non é tan frecuente atopar por xunto calidade literaria e mais excelencia pictórica, musical ou escultórica nun mesmo proxecto. Por iso é tan de apreciar a obra dos creadores autenticamente ambidextros, que conciben tales eidos artísticos como un mesmo cosmos comunicante que se modula con predominio do icónico, do matérico, do melódico ou do verbal segundo a coordenada concreta, pero que figura sempre presidido por un mesmo pulo de ambición conceptual e estética.

Insisto nesta idea á vista da aparición do volume Os ollos das palabras, libro catálogo editado con motivo da exposición homónima que o escultor e escritor mindoniense Caxigueiro e mais o poeta e pintor celanovés Baldo Ramos manteñen aberta dende o pasado 9 de marzo e ata o vindeiro 10 de xuño na Cidade da Cultura do monte Gaiás.

Quen deixe ir a vista por este Os ollos da palabra —tanto me ten que o faga visitando a exposición como percorrendo as moi coidadas planas do seu catálogo oficial, aínda que o meu consello é que non se priven de ambas as dúas experiencias— poderá comprobar ata que punto a lucidez expresiva e metapoética de Ramos cobra pleno sentido na súa extensionalidade caligráfica, abríndose a novos continentes de libros-cadro onde o diálogo entre o trazo pictórico e a solución semántica son unha e a mesma cousa.

De igual maneira, deixarse tramar polos volumes e refractarios escultóricos de Caxigueiro axudará a comprender mellor a súa percepción versal do espazo, a linguificación da realidade circundante, dos seus baleiros e transicións, da súa permanencia na corporalidade da escrita que (re)funda unha obxectualidade literaturizada.

O que Ramos e Caxigueiro ofrecen é un verdadeiro festival para os sentidos. Unha romaría de libros de artista, poemas visuais, cartafoles serigrafados, refractarios lacados, instantáneas e aglomerados, aceiros inox e mais escaiolas en composicións, formando todos eles un conxunto de gran suxestión sensorial e admirable integración harmónica.

De por parte, os que se fagan co catálogo han poder gozar non só da reprodución fotográfica de moitas destas marabillas da exposición e aínda doutras que ficaron fóra da mesma, senón, sobre todo, da regalía de dous micropoemarios de Ramos e Caxigueiro, o primeiro deles contendo versos inéditos a canda outros de anteriores libros seus, o segundo rigorosamente novo e, todos dous, complementados por un curioso poema final a catro mans.

O libro complétase aínda con dous breves prólogos de natureza moi dispar en todos os sentidos: un discurso historicista e académico de Antonio Garrido, centrado máis en descubrirnos a nacenza da irmandade pictórico-escultórico-literaria dende os tempos das cavernas ata as vangardas do pasado século que en falarnos de Caxigueiro e Ramos (dos que apenas se se achegan unhas fichas curriculares doadamente googlizables) e un excelente miniensaio do tamén poeta Eduardo Estévez, onde con admirable condensación se identifican algúns dos elementos definitorios dos universos creativos dos dous artistas, conseguindo revelarnos con acuidade e capacidade de evocación o porqué da feliz maridaxe das súas creacións.

Anímense a visitar a extraordinaria exposición Os ollos das palabras e fáganse tamén co seu catálogo. Asegúrolles unha experiencia artística inesquecible, o descubrimento dun territorio mestizo, feraz e poliédrico que os deixará gratamente sorprendidos.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 2-5-2012]