Ferruxes literarias

Autores hai tan esquecidos no fondo do baúl da memoria que semellan enterrados baixo sete chaves de olvido. Por iso sorprende, e mesmo marabilla, que alguén se decida, xenerosamente, a rescatalos desa condena ao ostracismo do recordo no que parecen durmir eternamente.

Dáme por pensar tal ao ver, con gozo, como as meritorias Edicións do Cerne —histórico selo de noso hoxe felizmente recuperado polas xentes da non menos emblemática Libraría Couceiro de Santiago— reeditaron hai uns meses Ferruxe, a que fora a primeira novela publicada polo ferrolán Aurelio Ribalta (1864-1940) e, tamén si, unha das primeiras editadas integramente en galego en formato libro, pois a súa aparición remóntase nada máis e nada menos que ao recuado xoves do primeiro de febreiro de 1894, como reza no seu colofón.

Case cento vinte anos despois, por tanto, ponse en circulación un facsímile desta novela curta que, en esencia, non é senón un retrato social do seu tempo no que o protagonismo feminino adquire principalísimo relevo.

En efecto, as dúas personaxes centrais, Petra e Mercedes, tía e sobriña respectivamente, vense empurradas a sobrevivir como costureiras logo de, por diferentes causas, perderen os seus esposos. A dura vida de viúvas, a soidade insolidaria á que a veciñanza as obriga e a dignidade coa que ambas aturan a súa miseria e pesares fan destas mulleres seres heroicos, que se superan no grisallo día a día no que viven inmersas.

Publicada no seu momento cun traballado gravado de Urbano González adornando a cuberta que volve reproducirse para esta edición, Ferruxe —que alude no título ao carácter inflexible e resistente dunha das protagonistas— constitúe unha valiosa recuperación que trae de novo á luz un dos textos en prosa pioneiros da novelística galega moderna e, asemade, volve pór de actualidade o nome dun narrador, poeta e ensaísta fundamental da nosa escrita de Entre Secúlos, Aurelio Ribalta e Copete. Así pois, súmase esta reedición a outras achegas aparecidas nestes últimos anos, como a cinematográfica de José Antonio Durán, que rodou sobre del a curtametraxe Galicia en Castela. A España galeguista de Aurelio Ribalta (1990), ou a atención crítica que lle prestou Eulalia Agrelo Costas ao editar a súa Obra narrativa en galego (2000), polo que o presente facsímile de Ferruxe contribúe a facer renacer o interese pola súa figura, extremo este polo que cómpre, abofé, aledarse.