No mediodía de onte, as compañeiras e compañeiros da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL), reunidos na cidade de Soria, fallaron os Premios da Crítica aos mellores libros publicados durante o ano pasado en lingua castelá, catalá, vasca e galega.
Como xa informou abondosamente a prensa estatal, os gañadores para o caso castelán foron o narrador zaragozano Ignacio Martínez de Pisón pola súa novela El día de mañana e mais o poeta valenciano Tomás Segovia, que recibe esta distinción postumamente polo seu derradeiro poemario, Estuario, publicado pouco antes de falecer no novembro pasado.
Os xa veteranos Jaume Cabré coa novela Jo confesso e mais Perejaume co libro de versos Pagésiques foron os premiados na modalidade de lingua catalá, namentres que os coñecidos Harkaitz Cano co texto narrativo Twist e mais Aritz Gorrotxategi cos versos de Hariaz beste recibiron o galardón en éuscaro.
Canto á nosa literatura, os premiados foron o poemario Cráter de Olga Novo e mais a novela Laura no deserto de Antón Riveiro Coello.
Novo e mais Riveiro Coello reciben, así, un importante recoñecemento grazas ás deliberacións da Sección de Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), quen nunha xuntanza levada a cabo o pasado venres día 13 de abril na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago elevaba a proposta dos seus nomes como gañadores, proposta que sancionou o plenario da AECL na tarde do venres día 20 e fixo publica onte.
Dende Criticalia —e como membro tanto da Sección de Crítica da AELG coma da AECL que participou das votacións conducentes ao fallo— quero felicitar a ambos os dous gañadores, pois xa manifestei publicamente con anterioridade á concesión do premio a moi positiva valoración que me merecen tanto o poemario Cráter como a novela Laura no deserto.
Neste sentido, a todos aqueles que queiran coñecer porqués dun recoñecemento como este do Premio da Crítica na modalidade de Poesía en Lingua Galega aos versos de Olga Novo, convídoos a clicar na imaxe da cuberta de Cráter que figura ao pé destas liñas, onde atoparán sentido a esta decisión colexiada da Sección de Crítica da AELG.
De igual maneira, os que desexen testemuñar de primeira man valores atesourados na longa novela Laura no deserto, poden clicar na imaxe do libro que ilustra este parágrafo, onde se refiren non poucas bondades do título asinado por Antón Riveiro Coello e aplaudido tamén por quen compoñen a Sección de Crítica da AELG.
Ítem máis: non só a excelencia de Cráter e mais de Laura no deserto foi obxecto de atención en anteriores entradas desta bitácora. Tamén a traxectoria e figura literaria de ambos os dous premiados se seguiu en cadansúa longa entrevista.
Por tanto, os interesados en saber máis e mellor da xa longa e venturosa andaina do escritor limego Antón Riveiro Coello poden profundar no coñecemento da mesma consultando a entrevista que ao longo de toda esta mesma semana figurou exposta na sección Parlamento das Letras, á que poden acceder clicando aquí.
Finalmente, os que se animen a coñecer de preto a intensa e moi ben valorada traxectoria da poeta, ensaísta e tradutora da Pobra de Brollón Olga Novo, deben saber que tamén o Parlamento das Letras se honrou coa súas palabras, que poden seguir clicando neste enlace.