Poesía galega no Brasil

Aldea lonxanaEste vello recanto do Finisterrae segue a producir adhesións literarias e emotivas que nos reivindican como cultura milenaria. O meu último descubrimento neste sentido constitúeo a obra de Luciano Maia, poeta nacido en Limoeiro do Norte (1949), no estado de Ceará, Brasil.

Maia acaba de publicar Aldea lonxana (2015), volume de impresión brasileira, mais editorializado en Galicia, pois o selo baixo o que ve luz é o da Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos.

Dende o propio título anúnciase xa a galeguidade da obra, o que tamén confirma a imaxe da capa (unha fotografía do lugar de Roibeira, apenas a quilómetro e medio do propio Betanzos). Agora ben, esta pegada galega vai alén e acaba por ser o verdadeiro imo do libro, tal como anuncia na súa propia estrutura bipartita: “Dez poemas galegos” e “Outros poemas”. Deste xeito, o que Aldea lonxana integra é un auténtico micropoemario composto por unha decena de textos de escrita e ambientación galegas e o complemento doutras composicións misceláneas que se engadiron para conformar o corpo final da obra.

A querenza de Maia pola escrita na nosa lingua vén de vello. De feito, esta decena de poemas galegos son o resultado da adición de cinco novas composicións a un feixe previo doutras tantas que xa se publicaran por vez primeira en 1984 formando parte do libro Sol de espavento, textos que logo o escritor volveu inserir noutras publicacións. O quinteto que agora se engade nace dunha recente visita de Maia a Galicia, onde estivo no xaneiro pasado por terceira vez (a primeira ocasión na que nos visitara fora en 1997).

Os poemas galegos de Maia transparentan a dirección da súa temática dende o rótulo mesmo: “Aldea lonxana”, “Foliada”, “Alba lucense”, “O neno e a gaita”, “Cantiga partíndose”, “Lonxanía”, “O poeta en Santiago”, “Santiago de Compostela”, “Soneto de adeuses na Galicia” e mais “Na cara do mar”.

Luciano MaiaPor tanto, a poética de Maia é aquí o resultado do cruzamento de influencias varias entre as que cómpre salientar: dunha banda, o substrato da literatura galega de tradición oral e mais certa airexa neotrobadorizante e, doutra, as influencias de autores como Rosalía, Pondal, Cunqueiro e, sobre todo, o Federico García Lorca autor dos seis poemas galegos, omnipresente ata o punto de que moitos destes versos de Maia son unha homenaxe a modo de refactura.

A saudade de esgazo interior, a melancolía do emigrante, a orfandade da gaita sen o gaiteiro, as lembranzas dunha aldea atemporal, o fascinio do Lugo antigo e a Compostela eterna ou a visión do atlántico unindo as beiras vitais son algúns dos motivos recreados por Maia, habelencioso sonetista, tamén degustador das albas, pastorelas e demais cantigas de amigo e, xaora, do romanceiro máis xenuíno.

Aldea lonxana conta cun breve prólogo explicativo do autor e mais “Unhas verbas para os dez poemas galegos de Luciano Maia”, reveladora aproximación de Xesús Torres Regueiro que, xunto á análise da poética de Maia que para as lapelas do libro escribiu Durval Aires Filho, completan este volume.

Feliz nova a de que Luciano Maia, colaborador de A Xanela ―a revista voceiro da Asociación Cultural Eira Vella―, dese ao prelo Aldea lonxana, onde fica patente a súa simpatía pola nosa lingua e a súa literatura, da que é un agradecido embaixador nas lonxincuas terras de Fortaleza, no inmenso Brasil.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 14-2-2016]

Ollando a través de A Xanela

xanela 38A Xanela, Revista Cultural das Mariñas, anda xa polo número 38 nos seus preto de vinte anos de vida. Chégame agora esta nova entrega da cabeceira coordinada por Suso Torres e volvo revalidar a positiva opinión respecto do intenso labor de promoción e difusión cultural levado a cabo pola Asociación Eira Vella de Betanzos, quen nesta ocasión non quixo deixar de lembrar o pasamento do guitarrista, escritor e actor Xulio Cuns Lousa, betanceiro do 26 que tristemente nos deixou o pasado ano e ao que vai dedicado este número.

Ollando a través de A Xanela poden verse textos de creación en prosa e verso en galego de Elena Veiga Rilo, Nora L. Salgueiro, X. H. Rivadulla Corcón, Manuel Fiaño Sánchez, Vanesa Santiago e mais Gabriela Rodríguez e, xa na irmá lingua lusa, do angolano Namibiano Ferreira e tamén de Maria Virgínia Monteiro.

A entrega complétase con gráfica humorística de Víctor Tizón e Sabela Arias e articulística de tema histórico, patrimonial, musical e doutro xorne da autoría de Xosé María Veiga Ferreira, Juan Sobrino Ceballos, Moncho do Orzán, Manuel B. Dans, Maxi Rei, Rafael Balsa de la Vega e Xosé Luis Sobrino. Completa a nómina o texto “Xulio Cuns (1926-2014), unha vida na cultura”, onde Torres Regueiro realiza unha garimosa semblanza do amigo ido e as súas achegas á nosa cultura.

Dá gusto asomarse a A Xanela e contemplar como a creación, o ensaio, o humorismo e a memorialística gozan de boa saúde nas mans dos betanceiros da Asociación Cultural Eira Vella. Faremos votos por que así siga sendo por moitos anos.

Icía, Avoa & Co.

Sabela Arias Castro é unha coñecida viñetista que, dende hai tempo, nos convida á reflexión humorada nas páxinas do Terras de Santiago do Grupo El Correo Gallego. Quen frecuente este medio saberá xa das historias dos seus dous personaxes protagonistas: unha avoa e a súa neta (Icía) que, no contraste das súas visións do mundo, van espellando para nós as contradicións e problemáticas da realidade que vivimos.

Unha escolma ampla dese labor —unida a outras viñetas tiradas do blog www.historiasdeiciaeavoa.blogspot.com e aínda na revista dixital Enchufadas— recóllense en Historias de Icía e Avoa (condensadas), un volumen editado pola Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos no que se compilan case unha setentena destes traballo, en branco e negro, dados á luz por Arias Castro dende setembro do 2003 ata a actualidade.

A publicación leva un breve pero descritivo limiar de Xosé Neira Vilas, quen informa sobre a traxectoria da autora lucense, licenciada en Belas Artes por Salamanca e doutorada pola Universidade do País Vasco, unha pintora con obra exposta en Galicia, no resto do Estado e noutros lugares como París, Nova York, A Haia ou Porto.

Como a protagonista Icía Rodríguez Arias aclara nun saúda prologal, o libro nace da “Converxencia de dous puntos de vista moi distintos cun resultado hilarante”, o da avoa e a súa neta. Logo veñen as imaxes e os textos, que versan sobre ecoloxía, igualdade, política e mil e unha realidades que suscitan o comentario un tantiño retranqueiro e sempre con ferrete irónico do dous personaxes.

Boa achega esta das Historias de Icía e avoa (condensadas) de Sabela Castro e boa nova que Eira Vella siga sendo amable casa editora para os máis diversos proxectos.

Rosalía de conto

Esta semana na que andamos, sabido é, vén sendo de obrigada cita rosaliana pola efeméride do seu cabodano. Mais desta volta vira un moito especial en tanto en canto coincide no ano en que celebramos, tamén, o sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos.

Con tal motivo, diversas iniciativas foron xurdindo no país nos últimos meses e, así, hai nada soubemos da aparición dun retrato inédito, un suposto autógrafo da escritora e un manuscrito reproducindo un outro texto sobre ela e aínda estes días a fundación que leva o nome da autora está a desenvolver un ciclo de xuntanzas con varias actividades.

Pois ben, sumándome á onda admirativa e rosaliófila, quero hoxe destacar aquí a oportuna edición facsimilar do durante moito tempo coñecido como “Conto gallego” de Rosalía realizada pola Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos con motivo do aínda recente cento setenta e cinco aniversario do natalicio da escritora.

Este traballo opuscular vai precedido dun valioso artigo do estudoso Xesús Torres Regueiro que fora publicado, inicialmente, na revista Grial (195, 2012). O texto, resumidamente, explica o seguinte, moi pertinente para comprender o facsímile ao que precede: o relato que se exhumara de xeito póstumo en 1923 co nome de “Conto gallego” e a atribución deste a Rosalía foi obxecto de revisión pola profesora María do Carme Ríos Panisse en 1995, quen descubriu que non era propiamente inédito, pois aparecera publicado como folletín no periódico El Avisador da Coruña en 1864, aínda que alí figuraba asinado só coas iniciais R. C., o que fixo dubidar a esta analista da súa autoría. Grazas á descuberta dunha segunda edición de 1868 en El Eco Ferrolano —que é a que aquí se facsimila co título co que apareceu, “Contos da miña terra”— confirma a autoría, inequívoca, de Rosalía Castro de Murguía, nome marital co que era adoito asinaren as esposas neste tempo. Canto ao título, parece insinuar a idea dunha serie que, de existir, se perdeu, aínda que é posible que nunca fose continuada pola autora e se esgotase nesta primeira e única entrega.

Acompaña esta edición facsimilar, amais do artigo sinalado, o sobradamente coñecido retrato de Rosalía realizado a carbón por Antonio Portela sobre o orixinal de Luis Sellier, tras do que aparecen as vinte e dúas planas deste folletín de 15,5cm X 18,5cm. amarelado polo pasar do tempo.

Benia á Asociación Cultural Eira Vella, á que tantos e tan salientables esforzos a prol da nosa cultura debemos, e a Xesús Torres Regueiro por axudar a recuperar un retalliño máis dese perfil que, aos poucos, vai conseguindo esbozarse de quen é a nosa máis transcendental e gabada autora.

Letras na ‘Xanela’

Dende as antigas e señoriais terras dos cabaleiros a Asociación Cultural Eira Vella fai posible que agrome ese milagre de literatura florida que é A Xanela, revista que dende hai preto de vinte anos xa vén servindo de altofalante cultural non só a toda a bisbarra betanceira, senón que soubo ir facéndose un nome no resto do territorio de noso e hoxe é unha das cabeceiras máis apreciadas e seguidas por lectores de moi diversos lugares.

O novo número da revista A Xanela —que o fai o trinta e tres no cómputo global e que se corresponde co exemplar trimestral da primavera— integra, coma outras veces, interesantes textos poéticos, narrativos e ensaísticos.

Aínda que sería prolixo determe agora en todos e cada un dos escritos, non quero deixar de destacar os doentes versos de Diana Varela Puñal, os terantrópicos de Gabriela Rodríguez ou os melancólicos e blusísticos de Miguel Mato Fondo, como tampouco a prosa evocativa e de recendo histórico de Elena Veiga Rilo ou a parapopular ao xeito das ‘cousas’ de Manuel Fiaño Sánchez, creacións todas que comparten espazo coa sutil aforística de Cristino Cortes e os poemas en portugués de Eduardo Olimpio e João de Castro Nunes.

No capítulo ensaístico, alén das entregas divulgativas sobre Paz-Andrade polo seu Día das Letras (algunha especialmente meritoria, como a asinada por Xesús Torres Regueiro) e dos moi informados artigos etnográficos, musicais ou arqueolóxico-patrimoniais de Xosé María Veiga Ferreira, Juan Sobrino Ceballos, Moncho do Orzán, Antón Fernández Malde, Manuel B. Dans e Xosé Luís Sobrino, ten para min grande valor o traballo de Antón Capelán titulado “Catro sonetos descoñecidos de Álvaro Cunqueiro”.

En efecto, o artigo do profesor Capelán xira en torno a catro sonetos (dous en galego e outros dous en castelán) escritos por Cunqueiro entre comezos dos anos trinta e os primeiros dos corenta do pasado século. Tres deles apareceron na revista bonaerense Céltiga e o cuarto inseriuse no volume colectivo Los cien mejores sonetos españoles (1940) preparado para as barcelonesas Ediciones Patria por Manuel Cristóbal.

Pois ben, cómpre aclarar que se ben os dous textos en castelán nos eran, en efecto, ata agora descoñecidos, os dous sonetos que o profesor coruñés exhuma foran xa, en realidade, publicados pola profesora Teresa López nun seu traballo aparecido no número catorce do Boletín Galego de Literatura, correspondente ao segundo semestre de 1995. Este feito non é, en absoluto demérito ningún, para a importante achega de Capelán, pois ninguén está libre nos eidos da investigación literaria en incorrer neste tipo de coincidencias. Polo contrario, préstame salientar aquí o valioso da recuperación desoutros dous textos en castelán, cos que haberá que contar no futuro cando se decida publicar a poesía completa en castelán do autor.

Boa colleita, por tanto, esta nova A Xanela, quen soubo volver ceifar para o seu lectorado o mellor gran literario. Con tan gorentoso celeiro, visitar as súas páxinas ten asegurada a fartura.