Farruco Sesto, poeta recuperado

A figura e traxectoria poética de Farruco Sesto non tivo a fortuna de ser o suficientemente coñecida e valorada en Galicia. Poeta dende hai máis de corenta anos, ata a década dos noventa ben poucos eran os que sabían da súa escrita.

Para paliar esa desmemoria publícase agora Pequenos encontros, as marcas deixadas, obra poética completa deste vigués de nacenza e corazón e venezolano de adopción e sentimento que en case medio século de labor lírico escribiu unha decena de obras, a maior parte delas éditas e algunhas outras inéditas e recuperadas para esta edición.

A responsable da compilación e do estudo introdutorio foi a tamén poeta Yolanda Castaño, quen dispuxo como soarego aos textos de Sesto un lúcido ensaio no que repasa os principais socalcos biográficos do creador —sobradamente coñecido como arquitecto e intelectual con responsabilidades políticas na Venezuela dos últimos anos— e, sobre todo, realiza unha reveladora lectura das principais liñas temáticas e estilísticas que caracterizan cada un dos seus poemarios.

Non sei se, como afirma o prologuista de luxo deste volume, Xosé Luís Méndez Ferrín, Farruco Sesto é un “grande poeta”, nin se podería seguir defendéndose o que este afirmaba del en 1980 cando o presentaba como “o mellor poeta galego vivo”. Mais o que si creo é que entre o moito por el escrito hai textos de indubidable acerto, principalmente en libros como Isolda (1990) e os ata agora inéditos Cuestión de nomes e Auga final, versos que abondan para xustificar a recolleita da extensa e intensa produción dun poeta que, dende a Galicia de alén, soubo radicarse emotivamente na Galicia de aquén para ofrecer os mellores froitos.