A colleita do García Barros

Como cada ano por estas datas, o Teatro Principal da Estrada acolleu na tarde noite de onte a entrega do Premio Manuel García Barros de Novela, convocado por este concello pontevedrés e publicado decote pola Editorial Galaxia.

Nesta ocasión o acto tiña un aquel de especial, pois o galardón chegaba á súa vinte e cinco convocatoria. Un cuarto de século que se rubricou coa entrega do premio a unha excelente narradora, Anxos Sumai, quen se fixo acredora do mesmo pola novela A lúa da colleita, presentada tamén oficialmente no marco da celebración.

O acto abriuse cun pequeno interludio escénico no que se dramatizou un texto do autor estradense que dá nome ao premio, “Xaquín, o pintureiro”, peza que representou o actor Gonzalo Valcárcel coa axuda do músico Juan Ruibal.

Tras esta achega teatral, tomou a palabra Carlos Loureiro, coordinador do premio e secretario do xurado, quen deu lectura á acta na que se declaraba gañadora do premio a Anxos Sumai por un xurado composto por Luís Alonso Girgado, Carlos Lema, Inma Otero Varela, el mesmo e mais eu, quen unanimemente lle outorgamos o galardón.

Logo viñeron as palabras da gañadora, profundas, fluviais, lembradoiras do fraterno vencello que une o seu concello natal, Catoira, con aquel que lle entregaba o premio, xunguidos por esa arteria de auga e soños, tan literaria ela, que é o río Ulla.

Sumai salientou a ledicia que para ela supuña sumarse á longa e extraordinaria nómina de galardoados no certame e dedicou unhas breves palabras de avance ao que os lectores han poder atopar na súa novela, unha historia de protagonistas femininas onde a procura da(s) identidade(s), a reflexión sobre o Tempo e os espazos que nos configuraron como seres dende a primeira hora cobran especial relevo, tamén a loita traumática coas ausencias, coas feridas coas que a vida nos castiga e que carrexamos ás costas e, xaora, as amizades balsámicas que nos axudan a reconducir o camiño.

Tamén interveu no acto Carlos Lema como Director de Edicións de Galaxia, comezando por desculpar a ausencia do Director Xeral Víctor F. Freixanes que por cuestións de tráfico aéreo non puido asistir a un acto ao que é asiduo.

Lema congratulouse da traxectoria do premio, de que este chegase á máxica cifra do cuarto de século e parabenizou a todos os que o fixeron posible: primeiramente, as premiadas e premiados, tamén as entidades colaboradoras, os xurados e quixo ter unha especial lembranza para todas aquelas ducias de novelas que, aínda non sendo galardoadas, pasaron tamén polo premio como aspirantes, pois fixo fincapé en que, sen o seu concurso, tería sido imposible chegar ata onde se chegou.

Acabou Lema a súa alocución destacando a importancia de que fose precisamente unha escritora a que se fixese este ano co García Barros, pois só ela e outra compañeira (María Gándara con Magog en 1997) lograran esta distinción, algo que, agardaba, fose no futuro menos inusual, pois, como destacou na súa intervención, a relación das mulleres coa novela é ben decisiva dende os tempos das pioneiras francesas e inglesas dos séculos XVI a XIX, por descontado do XX tamén.

O acto rematou coa intervención das autoridades presentes: primeiramente, o alcalde da Estrada José López Campos, quen se amosou feliz pola celebración, da que dixo que era o “buque insignia” cultural do seu municipio, feito que debía de encher de orgullo a todas e todos os estradenses polo que supuña de apoio  á causa da literatura e a cultura de Galicia.

Pechou a quenda de intervencións o Director Xeral de Política Lingüística, Valentín García, tamén el estradense de nacenza, quen insistiu na decisiva importancia do García Barros na programación cultural do concello e manifestou a súa alegría polo cuarto de século andado e que tan brillante broche o puxese, xustamente, Anxos Sumai.

Tras este acto público tivo lugar tamén outro de carácter literario ao que asistiron, alén dos organizadores, boa parte dos premiados no García Barros estes anos e mais representantes dos seus xurados, que departiron nun faladoiro baixo o título “Protagonistas e personaxes: a articulación das identidades na narrativa”.

A Elena Poniatowska galega

A da escritora Elena Poniatowska (París, 1932) é unha vida de película dende o mesmo berce: nacida co título de princesa Hélène Elizabeth Louise Amélie Paula Dolores Poniatowska Amor, descende dunha familia emparentada co derradeiro rei polaco e aínda xenerais que dirixiron, xunto a Napoleón, a ofensiva contra Moscova.

Tivo que abandonar o París da súa infancia por mor da Segunda Guerra Mundial e marchou con súa nai ata México con tan só dez anos de idade, deixando a seu pai na fronte, a loitar na Resistencia.

Logo de estudar en Filadelfia e Nova York, regresou cabo dos seus a México DF e comezou unha meteórica carreira xornalística e literaria que, dende 1954 ata os nosos días, ten dado ás letras hispanas títulos memorables que foron recoñecidos cos máis altos galardóns, entre eles, por citar só algúns, La piel del cielo, Leonora ou Paseo de la reforma.

Mais hoxe préstame salientar que Poniatowska foi sempre unha namorada de Galicia e a súa cultura e que tivo con esta unha relación admirativa e cordialísima. Con tal motivo, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega distinguiuna en maio do 2009 como ‘Escritora Galega Universal’, o que dá idea do estreito vínculo e a querenza recíproca que entre os nosos autores e esta xenial narradora e ensaísta houbo sempre.

Precisamente coincidindo coa designación de ‘Escritora Galega Universal’ a súa obra comezou a se traducir á vella lingua dos cancioneiros e foi por iniciativa da AELG que veu luz a primeira compilación dos seus relatos: A filla do filósofo (2009), volume publicado pola Editorial Galaxia e obra na que participaron traducindo textos creadores galegos como Francisco X. Fernández Naval, Xabier López López, Elvira Riveiro Tobío, Isidro Novo, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Xavier Queipo, María Reimóndez e Francisco Castro.

Logo veu a versión da magnífica novela curta Benquerido Diego, abrázate Quiela (2010), trasladada por Fe González Fernández e publicada pola coruñesa Editorial Trifolium, o selo que máis ten feito entre nós polo coñecemento e divulgación da autora, pois aínda no 2012 deu a coñecer a terceira e, polo de agora, última das obras traducidas de Poniatowska ao galego, Lilus Kikus, que puxo na voz nosa Teresa Moure.

O territorio literario de Poniatowska resulta dunha xenuína e particularísima mestura da sensibilidade polo social e a clarividencia no relato das historias íntimas e delicadas, todo orlado cunha prosa límpida e sonora que converte as súas narracións nunha sinfonía de sutilezas.

A recente concesión do Premio Cervantes non fai senón recoñecer o que era un clamor entre os entendidos: que a escrita de Poniatowska zumega quilates á volta de cada páxina, que a súa abraiante capacidade para recrear mundos de escura miseria e tirar deles luzadas de esperanza nos reconcilia coa vida e co xénero humano. Por todo iso e por ter demostrado decote ser amiga dos galegos, vaian dende esta columna os nosos máis efusivos parabéns a Elena Poniatowska e oxalá este novo recoñecemento sirva para que o lectorado de aquí poida ver máis obra súa nos andeis das librerías, pois non merece menos esta parisiense de orixe e mexicana de corazón que contempla o mundo dende Chimalistac para logo contárnolo con fermosura incomparable.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 24-11-2013]

Anxos Sumai, Premio García Barros de Novela 2013

Na mañá de onte reunímonos o editor e ensaísta Carlos Lema, a crítica e profesora Inmaculada Otero Varela, o profesor Carlos Loureiro, o investigador e crítico Luís Alonso Girgado e mais o que escribe para decidir o Premio de Novela Manuel García Barros deste ano, inmellorablemente organizado, ano tras ano, polo persoal da área de Cultura do Concello da Estrada.

Tras dúas horas de deliberación e logo de estimar as valías das vinte e unha obras presentadas a concurso, ficaron para as roldas finais de consideración catro novelas de interese, que logo foron dúas e que, finalmente e por unanimidade, ficaron nunha única que resultou gañadora co título provisional de “Neve de abril sobre o río Arakawa”.

Aberta a plica, soubemos correspondía á celebrada escritora Anxos Sumai, ben coñecida por anteriores textos seus moi aplaudidos pola crítica e lectores como Anxos de garda (2003), Melodía de días usados (2005) ou Así nacen as baleas (2007), este último Premio de Narrativa Breve Repsol YPF e Premio Arcebispo San Clemente.

Facíase, así, Sumai co galardón nun ano no que se alcanzan, precisamente, as vinte e cinco convocatorias deste veterano premio, consolidado dende hai anos como un dos máis importantes do panorama novelístico galego, onde é considerado toda unha referencia tanto pola súa longa traxectoria da man do Concello da Estrada e a Editorial Galaxia coma pola importancia e o relevo das novelas e autores distinguidos.

A novela premiada nesta ocasión levará o título final de A lúa da colleita e presentarase no Teatro Principal da Estrada nos finais do vindeiro novembro ou primeiros de decembro, nun acto que cada ano acaba por se converter nunha auténtica festa da palabra de grande concorrencia, á que asiste o máis graúdo dos nosos axentes culturais amais de numerosos lectores.

A lúa da colleita é, tal como redactamos na resolución da acta do xurado, unha novela na que destaca o elaborado traballo de caracterización dos personaxes, nunha historia onde o cuestionamento da identidade e a alteridade se vencella coa memoria e o pasar do tempo. A trama propón fortes doses de intriga, simbolismo e unha arquitectura perfecta, de linguaxe moi visual, que arrastra os personaxes a finais inesperados, pero de implacable lóxica. Todo este mundo, moi cambiante, é recreado a través dunha prosa limpa, da depuración extrema que flúe maina e imparablemente.

Non espoleirizarei aquí o argumento, pero talvez axude aos interesados saber que a novela está ambientada nos nosos tempos (a acción principal transcorre no verán do 1992) e que se localiza nun espazo identificable co remate da desembocadura do Ulla e os comezos da Ría de Arousa (Vilagarcía-Catoira) ao que chega unha muller que padece de bipolaridade e mantén unha denodada loita consigo mesma por recuperar a memoria, as pegadas do seu pasado que axuden a liberala da tiranía amnésica á que esoutra súa personalidade a arrastra. Polo medio, unha historia chea de personaxes poderosísimos, moi ben perfilados, de sombras crueis dunha vida anterior que gravitan sobre o presente e de inquedantes presenzas que van reconfigurando os días da protagonista, das protagonistas, cheos de intensa intriga e final sorprendente.

Non quero rematar sen parabenizar a gañadora e os responsables municipais e editoriais deste Premio de Novela Manuel García Barros, quen coa súa colaboración fixeron posible que o evento chegue xa ao cuarto de século de andaina e ao que se lle desexa siga a acompañarnos durante moito tempo.