Se o vello Sinbad volvese a Ons

Por veces penso que talvez non somos o suficientemente conscientes da inmensa fortuna que supón para a nosa terra ter espazos insulares tan espectaculares como os que beirean as nosas costas. Estes paraísos naturais son, amais, territorios que atesouran un moi vizoso patrimonio natural, de abraiante biodiversidade, pero tamén lugares que, en non poucas ocasións, gardan unha historia, tradición e identidade fondamente marcadas.

Acontece, de por parte, que varias das illas que conforman o preto de medio cento de insuas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia están —ou estiveron— habitadas, o que suma unha antropoloxización da súa realidade paisaxística que as fai máis próximas e menos descoñecidas.

É este o caso da Illa de Ons, insua que pecha a boca da Ría de Pontevedra, na que vive algo máis de medio centenar de persoas, pero que durante os meses de verán recibe un milleiro longo de visitas diarias, principalmente de veraneantes que queren gozar das súas praias e viaxeiros que se animan a coñecer as súas fermosas paraxes.

A tan engaiolante illa dedica a escritora Anxos Sumai o seu último libro, Sendas de Ons, un volume en forma de álbum ilustrado con imaxes de Pablo Rosendo que publica El Patito Editorial, selo que anuncia futuras entregas centradas na Illa de Arousa (a cargo de Gracia Lacal) e na Illa da Toxa (por Mercedes Corbillón).

Sendas de Ons é o relato da viaxe estival que, durante tres días, levou a escritora de Catoira ata esta fascinante illa. A crónica desa estancia vértese en cincuenta e unha prosas breves nas que a autora vai dando conta dos diversos roteiros que realizou pola xeografía insular, con profusión informativa da fauna e flora que alí se atopa, tamén dos pequenos enclaves de poboación, orografía e descrición litoral e, xaora, sobre todo das impresións anímicas que todas estas visións espertaron nela e as reflexións ás que a conduciron.

As Illas Ons xa eran coñecidas para Plinio O Vello, pero na historia peninsular a primeira vez que apareceron documentadas foi nunha mención de Afonso III no ano 899. Dende aquela ata hoxe, estas illas viron os ataques viquingos, os asaltos ingleses, as fortificacións defensivas do XIX (das que aínda fican algúns restos esboroados) e o devalar poboacional a partir de mediados do pasado século. Secasí, resisten ao transcorrer das centurias e gardan, intacta, a súa beleza, que engadou a visitantes e artistas, algúns dos cales fixeron dela lugar de frecuentes estancias, caso da pintora Berta Cáccamo ou do xornalista e escritor Antón Lopo, quen cofundou e dirixe un selo editorial que leva por nome, xustamente, A Chan da Pólvora, un dos máis xenuínos microtopónimos da illa.

Admirablemente escrito, cunha prosa rebordante de imaxes e metáforas, de sinestesias e símbolos, delicadamente poética, Sendas de Ons regálanos parágrafos esmaltados de sensacións, coloraturas do corazón que anegan as puntas e illotes, os altos e praias, as enseadas e castros, todo un mundo de beleza na fin do Oeste que foi matria un día de republicanos resistentes, hippies idealistas da comuna Camagüey e peregrinos marítimos de todo tempo.

Pon rostro aos vieiros percorridos por Sumai o pintor Pablo Rosendo, autor das acuarelas do libro, pulcro na execución do seu labor, eficiente na capacidade referencial.         

Non se me ocorre mellor guieiro para visitar tan máxica illa que este Sendas de Ons de Anxos Sumai. Se eu fose sabio e soñador como o vello Sinbad volvería ás illas outravolta e, de entre todas elas, elixiría Ons, sextante co que descubrir as estrelas agochadas da antiga Aunes, astrolabio para atopar a vía láctea que levamos dentro e que espella en liñas maxistrais esta magnífica escritora: “Os camiños son metáforas de vida. Encrucilladas, sombras, suxestións, enigmas. Trazos esgazados dunha biografía, nostalxia de desexos extintos. O que elixín lévame inexorablemente á morte. Os que desbotei, a onde levaban? Que outras memorias puiden construír?”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 23-8-2020]

Parlamento das Letras: Anxos Sumai

Anxos Sumai ten a voz rumorosa das augas de Catoira. A súa clámide literaria é unha veste tecida nos invernos do Ulla e os ventos xordos das Torres do Oeste, as mesmas que, agónicas, chamaban por Rosalía.

Nas orixes, o seu foi a escrita ultracurta, o xénero da microcrónica narrativa sobre o cotián que reflicten eses mosaicos dos días e os traballos que foron Anxos de garda (2003) ou Melodía de días usados (2005), fillos mestizos do dixital e o tradicional, escrita de temática múltiple e fórmula compacta.

Logo veu a novelística breve, a radiografía dun mundo interior, o abalar das psiques e segredos inconfesables que nos lembraron que Así nacen as baleas (2007).

Ese mesmo mundo de identidades cambiantes, de seres perdidos na súa propia circunstancia e aínda de bipolaridades complexas volveu comparecer con toda intensidade en A lúa da colleita (2013), a súa máis recente e celebrada novela, un territorio para as areas movedizas da memoria e as loitas co eu, o peor inimigo.

Sumai escribe como quen envía un sonar aos abismos da conciencia, explora as zonas de sombra do ser para revelárnolas con pulsos de sons literarios, emisións de radio verbal que nos devolven a imaxe dunha perturbación de onda para revelarnos esoutros nós que inconscientemente tamén somos.

Aquí a nave Sumay aflora á superficie, faise diáfana e visible para falarnos da singradura propia, mais tamén dos perigos dos baixíos, das encalladuras que hai que salvar, mariña experta, porque ela tamén navegar, sempre e mais despois.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Nos anos oitenta en revistas de cómic como Valium Diez e Das Capital, promovidas por Fausto Isorna e Arturo Regueiro. Con todo, a primeira publicación con ambición e con certa presenza pública foi “Relembranzas con Palmira e banana split”, que compartiu con relatos de Miro Villar e doutros autores un libro colectivo editado por Ediciós do Castro. Ese libro, do que non lembro o título pero si a cuberta —un boneco Michelín sobre fondo amarelo— recollía os contos gañadores de varias edicións do premio Modesto R. Figueiredo.

Despois foi Enrique Acuña quen me publicou o primeiro conto longo, Maia florida, como separata dunha revista que se editaba co gallo do día da celebración dos Maios en Pontevedra. Creo que era da Asociación Cultural A Seca, non lembro ben. A esta publicación téñolle moita querenza, porque Acuña enviouma a Madrid, ao hospital Puerta de Hierro, onde me acababan de extirpar un tumor cerebral, coñecido na familia e entre as amizades como “A Mandarina”. O hospital Puerta de Hierro converteuse na sección Anxos de garda, que publicaba en culturagalega.org, na nave nodriza que debía visitar cada trimestre para someter o meu cerebro a minuciosas exploracións. Dese tempo quédame a sensación dunha vida fragmentada, con data de caducidade trimestral.

Despois dun longo silencio como autora, no que me dediquei a traducir, publiquei Anxos de garda, tamén da man de Enrique Acuña, na editorial A Nosa Terra. Como tradutora tiven a posibilidade marabillosa de reescribir os Diarios de Syra Alonso, grazas a Carme Vidal que coordinaba a colección Mulleres d’A nosa Terra.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Todas foron ben tratadas, tanto polas persoas que as leron como pola crítica. Publico pouco e, cando o fago, é porque considero que paga a pena. Quizais Melodía de días usados foi a que pasou máis desapercibida, pero esa sensación poida que se deba a que eu lle teño especial cariño e da que, polo de agora, estou máis orgullosa. Supuxo o meu paso a Galaxia, da man de Carlos Lema, editorial coa que sigo publicando. Hoxe en día, creo que sigo publicando grazas a Lema, porque o seu criterio éme fundamental e, en certo modo, evita que destrúa todo o que escribo.

Tamén houbo unha obra que non tivo transcendencia ningunha: Fedya Serguievich derreteuse de amor. Tratábase dunha edición limitada publicada por Román Pereiro para a súa galería-librería Aguatinta, en Vigo. Foi unha publicación feita en colaboración co pintor Bosco Caride, un relato delicado sobre o doado que é tirar proveito da creación allea.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Si, claro que teño hábitos e manías. Durante moitos anos foime imposible escribir porque primaba a miña calidade de muller educada para crear unha familia e atender un fogar. Zafei do destino imposto, aprendendo a facer niños privados. Por iso, o primeiro dos meus hábitos, escriba onde escriba, é construír un niño que me acolla. Normalmente fágoo no piso que habito en Compostela pero tamén sei como crealos na casa familiar de Oeste, no cuarto dun hotel ou nas cociñas das persoas que me acollen cando viaxo.

Canto ás manías, durante moito tempo traballei con música de fondo: o río Moldava de Smetana fixo fluír moitas palabras, pero tamén o hip hop de Eminen. Agora escribo en silencio absoluto, sen música e co timbre da porta e o teléfono desconectados. Tamén preciso orde arredor, supoño que para ordenarme eu por dentro. Por último, preciso nicotina. Sempre dixen que a literatura me era insá, que me ía matar dun cancro de pulmón. E, de acontecer, compensaríame a felicidade que me produce escribir.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Por máis que penso niso, non atopo a resposta. Acódeme unha sensación de futuro fúnebre. Ocórreseme que, se a cousa vai en serio, gustaríame estar coas escritoras e os escritores que quero, pola compaña, a diversión e as confidencias. Porque, cuestionando as antoloxías e as etiquetas, gustaríame estar cabo de quen crea libremente, renegando precisamente do grupo. Tamén se me ocorre que, como só conservo na miña biblioteca as obras que realmente me importan, non estaría mal considerar a antoloxía da que falas como se fose a miña biblioteca e estar nos andeis canda eses libros que amo.

Curiosos puntos de vista: como escritora odio as etiquetas, como lectora ignóroas, pero como bibliotecaria debo catalogar e clasificar obras. É un interesante conflito.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Publico moi pouco e espero que siga sendo así. Son consciente de que aínda estou aprendendo e de que me queda moito por aprender. Aprendo amodiño, ademais. Quizais a consciencia de que todo o que escribo é efémero poida servir como apuntamento para esta pregunta. Tamén me sigo recoñecendo tan inxenua e tan curiosa coma cando comecei a escribir de nena. E igual de ambiciosa, e por iso esixente, como escritora. Podería recoñecer, neste momento da miña escrita, a dificultade que me supón construír novelas en liña recta, cun principio, un desenvolvemento e un final: de aí que a obsesión polo tempo narrativo poida ser outro trazo característico. Pero son elementos puntuais. Se volvo publicar, e me someto a un cuestionario coma este, cumprirame concluír que todo o que acabo de dicirche é unha impresión momentánea.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Nunca me acompaña un só libro. É difícil que lea un libro de cabo a rabo e dunha sentada. Prefiro que non ocorra iso, porque me gustan os libros que teñen cargas de profundidade, que estouran nun parágrafo e se acalman noutro. Polo xeral non me interesa demasiado a historia que contan, senón como é contada.

Cada ano fago un expurgo na miña biblioteca —manías necesarias de bibliotecaria—. Levo anos facéndoo e cada vez cústame menos eliminar libros fisicamente. Conservo aqueles que realmente necesito tanto para gozar da lectura como para aprender. Das obras que lin, as que de verdade me importan están comigo. Por exemplo, están comigo as obras das escritoras galegas, porque me son referentes, modelos, apoios e, moitas veces, afecto. Agora mesmo véñenme á cabeza dúas obras: Corazóns amolecidos en salitre de Rosa Aneiros e o Libro de Alicia de Olalla Cociña. E mais un poema de Alicia Fernández que eu coñezo como “Dói-dói”.

Como resposta concluínte: teño unha mestra e un mestre e recorro á súa obra cando estou perdida: Yasunari Kawabata e Ken Bugull. Un xaponés, unha senegalesa. E, en horas extremas, sempre están Maruyme Garusia e Sylvia Plath. Polo medio calquera libro de Chus Pato e o Catálogo de velenos de Marilar Aleixandre.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Están vivas, e iso é marabilloso. Como lectora alégrame entrar nunha librería, follear os libros con tranquilidade e asegúroche que sempre atopo algo que me interesa, cousa que non acontecía deica hai poucos anos. Aparecen poemarios, ensaios, novelas…, con propostas temáticas e formais distintas. Así que o valoro positivamente, como lectora, porque me gusta elixir e non ter que limitarme a obras impostas polos premios literarios ou pola crítica ou polos escaparates das librerías.

Como bibliotecaria gústame poder cuantificar a produción anual, consciente de que o número non sempre supón calidade pero sei que é un camiño cara á normalización. Tamén me parece importantísima a aparición de novas editoriais que, malia a crise, teñen a valentía de publicar obras difíciles de editar neste momento. E, evidentemente, é tamén un bo sinal o aumento das traducións ao galego. Neste sentido, e xa como autora, boto en falta a tradución das nosas obras a outros idiomas.

Hai outras cousas que boto en falta, como escritora, lectora e bibliotecaria: parece que só escribimos para nós, fáltanos a ansia de escribir para o mundo enteiro, sen traizoar as claves culturais que nos aleitan e fan máis fortes, xusto por ambición universal, as voces persoais.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Chegado ese momento e, se non o teño feito antes, gustaríame escribir a historia dunha heroína e dun heroe: a historia da miña nai e a do meu pai, porque souberon que, antes de calquera outra cousa estaba a educación nosa, a das súas fillas e a do seu fillo. Para que a educación nos proporcionase capacidade de crítica, de respecto, e para que aprendésemos a vivir en por nós, coa liberdade de elixirmos, renunciaron á comodidade, traballaron sen acougo e non viviron a vida que seguramente soñaron. E non, non recorreron nunca ao ensino privado.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Como dixen antes, paréceme interesante para a lectura, pola cantidade de obras que se poden ler, pero é un chisco frustrante para quen escribe, pola cantidade de obras ás que non terán acceso as persoas que len porque será difícil que sexan publicadas. Cousas do mercado literario.

Creo que perdemos moitos anos de investimento en lectura e mesmo teño a sensación de que vivimos unha mentira, de que alguén nos enganou, como se canda o boom inmobiliario se crease un boom cultural para acalmar conciencias. Dóeme ser consciente de que iso é certo, de que fluíron moitos cartos que non se dedicaron a formar lectoras e lectores libres. Non se investiron nunha industria cultural sa. De todas formas, debo dicir que, se non houbese ese investimento público en edición, seguramente a min nunca me chegasen a publicar. De novo, un sentimento contraditorio.

Creo firmemente nas escritoras e nos escritores de hoxe que traballan, sen dirixismos, construíndo. Daquela, deixemos que o fagan á súa maneira. E non falo en primeira persoa porque me considero intoxicada pola cultura da transición, pola impostura de soñar un pais holográmico. As novas literatas, os escritores, deberían crear non na posición de quen resiste, senón na ousadía de quen avanza. Xa soñamos abondo, é tempo de construír.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Agradézoche a oportunidade de participar no Parlamento das Letras. Foime un cuestionario complicado. Como escritora non me gusta saberme esmagada por este tipo de preguntas cada vez que publico un libro. Pero, tamén como escritora que debe promocionar a súa última novela, agradézoche especialmente este espazo libre para dicir o que penso, aínda sendo consciente de que tardei anos en responder o cuestionario e de que o fago agora porque me cómpre seguir facendo visible A lúa da colleita. O agradecemento é máis grande por iso mesmo, por “utilizarte”.

 

Dávila e Sumai Premios da Crítica

Como cada ano por estas datas, as compañeiras e compañeiros da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) deron a coñecer os Premios da Crítica nas distintas modalidades (poesía e narrativa) e idiomas (catalán, vasco, galego e castelán).

Desta volta a xuntanza da AECL tivo lugar en Logroño, onde se souberon os gañadores para as obras en galego do ano 2013 que previamente votaramos e propuxeramos os membros da Sección Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en reunión que tivo lugar o pasado venres día 4 de abril na Aula 16 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago.

Naquela sesión, os nove críticos alí presentes, logo de diversas roldas de votación (na primeira das cales se tiveron en conta os votos dos que os fixeron chegar por correo), decidimos por maioría que o Premio da Crítica na modalidade de Poesía Galega fose para Raíz da fenda, obra de Berta Dávila publicada por Edicións Xerais. Así mesmo, tomouse tamén o acordo maioritario de distinguir como Premio da Crítica na modalidade de Narrativa Galega á novela A lúa da colleita de Anxos Sumai, publicada pola Editorial Galaxia.

Como teño manifestado o meu parecer verbo de ambas as dúas obras galardoadas con anterioridade, deixo o enlace ao que sobre delas escribín na cita dos propios títulos, aproveitando para parabenizar tanto a Berta Dávila como a Anxos Sumai polo éxito obtido.

Radiocrítica 20-1-2014

Velaquí a primeira Radiocrítica do 2014, emitida o pasado luns día 20 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM).

Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o Dessertstorm. II de Laura Luna e José María Picón (I, 2’34); a peza de teatro infantil O refugallo de Paula Carballeira (I, 7’12 e II, 0’00); a tradución do Ulises de James Joyce (II, 5’01 e III, 0’00); o ensaio Presenza dunha Ausencia de Anxo R. Ballesteros (III, 1’41) e mais a novela A lúa da colleita de Anxos Sumai (III, 5’00).

       http://www.goear.com/embed/sound/1ac4b3f

a     http://www.goear.com/embed/sound/69c7a75

a     http://www.goear.com/embed/sound/d151d24

Anxos Sumai en plenilunio

Hai algo na narrativa de Anxos Sumai que nunca deixa de sorprender: a súa capacidade para profundar nas simas da consciencia, para facer que nos lancemos, en caída libre, no foxo sen fondo das sombras do eu máis íntimo.

Moitas veces nese descenso aos infernos a voz que nos guía é a daqueles que, no límite da cordura, atopan a estraña lucidez de ver máis alá. Seguramente esa sexa a causa de que en Sumai os doídos, os que perderon a razón, loucos luminosos, acaben sendo os que nos revelen as verdades derradeiras. Hai moito do que digo na súa última novela, A lúa da colleita, gañadora do Premio García Barros convocado polo Concello da Estrada. Unha obra na que a cuestión axial da identidade é un imán que todo o atrapa.

Unha muller regresa ao territorio da infancia para pasar as vacacións de 1992 nun apartamento dunha praia da Arousa. Alí hase reencontrar con moitas pantasmas do pasado, tamén con verdades dolorosísimas, pero, sobre todo, deberá resolver un lacerante e autodestrutivo conflito interior que a aboca á desaparición.

O Eu e o Outro, o que somos e o que cremos ser, o que pensamos que os máis ven de nós e o que realmente estes perciben. Todo vai neste A lúa da colleita compondo un puzzle de tempo remansado e espazo diluído, unha sorte de cronotopo mental no que as cousas son o que parecen e o seu contrario e as certezas esvaecen a cada paso.

A memoria, as súas presenzas sangrantes e os seus esquecementos ominosos, a forza imparable e determinista das realidades e feitos máis miúdos. Tamén si, a cambiante paisaxe lumínica que brilla sobre a ánima, a constante inconstancia coa que os días pulan por nós ou nos derrotan.

Quen se atreva con A lúa da colleita —ese plenilunio de cambio, mítico en moitas culturas, sempre sinal de trauma, de troco de paradigma, levedar do que en agromo estaba— debe saber que non se trata dunha novela amable. Hai nela unha violencia de nápalm emotivo, detonadores en cadea de calquera seguranza sentimental, pois en Sumai a linealidade compracente do vital non interesa e si as súas disrupcións que provocan tsunamis individuais e colectivos.

Como a onda que xorda medra e medra dende os fondos oceánicos, A lúa da colleita rompe, desatada, nas praias dunha escrita tifónica, un maremoto literario que rebenta as escalas.

[Publicado nos xornais El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 19-1-2014]