Iluminando o Galego Medio

Nordesía (Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, 26-1-2020)A década que acabamos de rematar ten sido fundamental para a reconsideración da periodoloxía literaria galega. As investigacións e ensaios que nos últimos dous lustros se levaron a cabo leváronnos a redefinir toda unha época da nosa historia literaria e agora os máis avanzados estudos abandonaron xa a periclitada etiqueta de Séculos Escuros ao referirse ás centurias do XVI, XVII e XVIII para pasar a falar, máis propiamente, de Galego Medio, consonte ao que é adoito en moitos outros sistemas literarios do noso contexto europeo. Cal é a razón disto? O afortunado achado de importantes textos publicados en galego ao longo do século XVIII que demostran algo que moitos de nós sospeitabamos, pero que non podiamos demostrar documentalmente: que ao contrario do que durante tempo se creu, a nosa escrita literaria tivo unha continuidade maior do que se pensaba dende a dourada Idade Media ata o Rexurdimento pleno.

E vén todo isto ao caso pola aparición e recente publicación do Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña (1707), unha peza teatral en verso escrita a principios do XVIII polo coruñés Salvador Francisco Roel que agora recuperan e editan Julio I. González Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz.

Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña forma parte dunha tradición entremesística galega e hispánica que veu nacer moitas destas obras teatrais ao longo dos séculos XVII e XVIII como as pezas dramáticas breves de máis éxito polo seu carácter cómico e benhumorado. Do xeito resumido, este texto en concreto relata versalmente a ledicia polo nacemento de Luís I, fillo de Felipe V e María Luisa de Saboya, ao tempo que seis parroquianos (tres homes na primeira parte da peza e tres mulleres no remate) van dando conta da situación de Galicia e de España nese momento, con especial atención aos enfrontamentos bélicos con Portugal e á crítica polas notorias desigualdades sociais.

A importancia deste entremés reside no feito de ser o primeiro texto autónomo impreso en galego, un século anterior ao ben coñecido romance anónimo Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento, xa de 1808. Tamén en ser a primeira obra de teatro editada da literatura galega, pois a Contenda dos labradores de Caldelas de Gabriel Feijoo de Araúxo, máis coñecida polo título de Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, aínda que escrita en 1671, ficou manuscrita durante séculos ata que a exhumou Fermín Bouza-Brey en 1953.

Esta edición do Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña conta con tres moi amplos e rigorosos ensaios dos seus editores. No primeiro deles González Montañés ocúpase do “Contexto histórico, teatral e festivo” no que se inscribe a peza, dando cumprida conta da tradición entremesística da que participa e dos antecedentes e textos coetáneos dramáticos galegos que se coñecen.

Da súa parte, Angueira estuda a fondo o xénero, personaxes, trama e estrutura dos case cincocentos versos romanceados da obra, salientando na obra a vontade propagandística, o intenso humor e a capacidade crítica.

Finalmente, Mariño Paz ocúpase da análise pormenorizada da lingua da peza, tanto no que atinxe aos usos gráficos coma fónicos, igual a cuestións morfolóxicas que sintácticas ou léxicas e mesmo fraseolóxicas e onomásticas.

 Canto á fixación ecdótica do propio texto tamén correu a cargo de Mariño Paz, quen realizou unha transcrición con intervencións mínimas e acompañou esta dunha reprodución fotográfica do orixinal para posibles cotexos de especialistas.

Non teño dúbida de que, polo seu interese histórico, lingüístico e literario, o Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña é unha das máis importantes publicacións dos últimos anos. Xa que logo, cómpre felicitar a Julio I. González Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz polo seu excelente labor como editores e a Laiovento polo bo facer e sentido da oportunidade ao publicar unha obra de tanto valor.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 26-1-2020]

Wakaba syuu

Nordesía (Takekazu Asaka, 7-10-2018)Se algunha vez Galicia institúe delegacións culturais no Oriente, non teño dúbida ningunha de que o noso representante máximo no País do Sol Nacente ten de ser Takekazu Asaka.

Con este profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio contraeu Galicia unha débeda impagable: mercé ao seu tesón e talento xa é posible ler toda a obra galega de Rosalía de Castro en xaponés.

En efecto. Ás traducións que no seu día fixera dos Cantares gallegos (2009) e dos Contos da miña terra (2014) vén sumarse agora a de Follas novas (2018), completando o ciclo creativo rosalián que Asaka aínda implementou coa versións nipoas doutros clásicos de noso, como o Cabanillas de Canzón da alma (2013), a voz medieval do Xograr Martin Codax (2015) ou a poesía dos tesos cumes do Novoneyra de Os eidos (2017).

Wakaba syuu é o título transliterado das míticas Follas novas de Rosalía, un volume que recolle, en edición bilingüe, sesenta das cento trinta e sete composicións que conforman o libro de 1880. A selecta, ampla e moi representativa, escolma poemas das cinco seccións nas que se divide a obra (“Vaguedás”, “Do íntimo!”, “Varia”, “Da terra” e “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos”) e non faltan nelas textos emblemáticos que son xa bandeira de todo un pobo; poño por caso, “Unha vez tiven un cravo”, “Negra sombra” ou “Tecín soia a miña tea”, por citar só tres ben coñecidos.

A virtude da tradución de Asaka reside no feito de ser el non só un reputado filólogo nipón, senón tamén un fondo coñecedor do noso idioma, co que entrou en contacto hai agora corenta anos e do que é un recoñecido experto, ata o punto de ter sido designado o pasado ano membro correspondente da Real Academia Galega, o que moito merece logo de ter publicado en xaponés unha Gramática do galego moderno (1993), unha Guía de conversación en galego (1994), un Vocabulario básico da lingua galega (1995), unha monografía sobre As linguas en España e Portugal (2005) e, aínda recentemente, unha Nova gramática galega (2016).

Os poemas máis intimistas e doridos de Rosalía, a súa lírica máis transcendente e reflexiva, as poesías fortemente críticas e combativas, os versos inzados de saudade e melancolía, a palpitante escrita sobre a emigración, todo fica espellado nestas Wakaba syuu traducidas por Asaka, quen facilita así o acceso ao público lector de Xapón dunha voz xenuinamente galega polo sentimento e asemade absolutamente universal pola fondura metafísica da súa poética.

Esta edición conta, amais, cun “Limiar” de Anxo Angueira, rosaliólogo sinalado e Presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen compendia con ben os principais sinais de identidade da escrita da creadora, ofrecendo ao lectorado xaponés certeiras claves para mellor comprender o seu vizoso e fascinante mundo creativo, “complexo, extenso e intenso ó mesmo tempo e no que conviven mesturadas a voz persoal da autora cunha voz colectiva”.

O libro péchase cunha espigada bibliografía final arredor de Follas novas e Rosalía, unha nótula de “Cabo” na que Asaka explica as razóns que o animaron á tradución, dá grazas a aqueles que o axudaron e guiaron no labor e confesa as dificultades deste e mais un breve texto biobibliográfico que resume a traxectoria do propio Asaka.

Ben lucidas campan estas Wakaba syuu coa ilustración que Ataque deseñou para a cuberta dun libro impreso nos talleres de Eibunsya, en Gifu, que contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Oxalá os versos da nosa matriarca consigan estremecer aos que a eles se acheguen nas lonxincuas terras do Solpor, será o sinal de que un corazón do Finisterrae conseguiu abolir o espazo e o tempo para facerlles sentir a saudade toda dun pobo pequeniñamente universal.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 7-10-2018]

As palabras e as xentes de Victoriano Taibo

Na tarde de onte, nos locais que o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) ten en Gondomar, tivo lugar a presentación do volume facsimilar Lembranza da tecedeira, un poema autógrafo e inédito de Victoriano Taibo escrito en 1947 e que foi recuperado para esta edición dende o orixinal que conservaba a familia de Juan Novás Guillán, no seu día inspector de Educación e grande amigo do poeta.

O volume acompáñase de moi valiosos prólogos e estudos introdutorios de Antonio Valverde, Marta Dacosta e Miguel Anxo Mouriño e complétase cun cd no que o longo poema é recitado pola poderosa voz de Anxo Angueira sobre unha fermosa base musical ideada por Antón Seoane.

A poética de Taibo fica así incrementada con este achado, que trae ao seu corpus coñecido ata o de agora unha nova alfaia, confirmándoo como unha das voces senlleiras do Tempo das Irmandades e, por extensión, de toda a nosa lírica do pasado século.

Mais o acto do IEM de onte serviu tamén de homenaxe a Miguel Rodríguez Rodríguez, xenro do poeta e persoa clave no proceso de recuperación e divulgación da obra do seu parente. Con tal motivo, estiveron presentes na sala —ateigada de público— varios dos seus familiares: a súa viúva Gloria Taibo Rebollar e mais os seus fillos Fuco e Ildara, esta última responsable de pronunciar unhas sentidas palabras de agradecemento.

Acompañando as sabias reflexións de Marta Dacosta verbo desta magnífica edición de Lembranza da tecedeira e mais o vibrante recitado de Anxo Angueira do poema, tiven a honra de achegar unha laudatio de Miguel Rodríguez Rodríguez na que salientei o papel fundamental que este tivo na redescuberta da obra de Victoriano Taibo, extremo este ao que xa me referira nalgunha outra ocasión.

Deixo aquí as palabras que alí pronuncei, testemuño de admiración e recoñecemento a quen foi entusiasta valedor da causa taibiana, bo e xeneroso ao que tanto debemos.

 Benqueridas e benqueridos todos:

Comparezo hoxe ante vós a pedimento dos infatigables e admirables amigos do Instituto de Estudos Miñoranos. Un dos seus máis activos e meritorios membros, Miguel Anxo Mouriño, púxose en contacto comigo a primeiros deste mes para noticiarme a feliz aparición do facsímile de Lembranza da tecedeira, que agora se presenta con gozo unánime dos que aquí nos reunimos. Informoume, amais, de que estaba na vontade da organización que este acto servise asemade como xusta homenaxe ao xenro do escritor, don Miguel Rodríguez Rodríguez, belísima persoa que nos abandonou recentemente e a quen me unía unha amizade admirativa e sen reservas.

Xa que logo, cando Miguel Anxo me propuxo a posibilidade de pronunciar unhas palabras neste acto en memoria e agradecemento por tanto e tan bo como sempre lle deberemos ao xeneroso Miguel, sentín que o convite non era só unha obriga amigable, senón un auténtico galano que se me facía, pois nada me emociona máis nin me enche de maior orgullo que poder recordar hoxe convosco o vello amigo que se foi deixando en nós engramas indelebles.

Eu, como seguramente tantas e tantos dos que aquí estades, coñecín a Miguel por mor de Taibo. Foi alá polos primeiriños do 2008, tempo no que adquirín a responsabilidade de editar a poesía inédita do escritor que acabou vendo a luz andando ese mesmo ano nun volume que titulamos Abicedo. Cabrinfollas e que logo presentamos en Guillufe, Morgadáns, aquel 14 de novembro, nun acto presidido, xustamente, polos familiares do poeta, entre os que Miguel ocupou papel cómplice e desprendidamente destacado.

Por tanto, ao longo dos meses daquel ano tiven a oportunidade de frecuentar o seu trato e ir coñecéndoo mellor, ao tempo que vivía a gratísima experiencia de poder tratar a adorable Gloria e o seu fillo Rubén, sabendo tamén puntualmente das angueiras dos demais membros do núcleo familiar.

Seguir lendo

Parlamento das Letras: Anxo Angueira

Baixa a chalana deslizando polos herbais preto de Imo. O pequeno dos de Dodro, o que se criara en tempos cas dos de Asados, vai subido nela soñando valos comunais e lemes con estrelas encarnadas, púrpuras case escarlatas nas diagonais dun azul infindo no que tece bágoas de facer illas.

Agora anda polas encostas da Oliveira, predicando a palabra, mais non esquece a Matanza, nin Iria baixo o Meda, o dicir entre sorrisos beatíficos do mestre Graña.

Seica anda ennobelado en xerais rosalianas, pescudando razóns fóra do sagrado, neotrobeiro que ten saudades das valgadas de Ramirás, do claustro coelerno e das vertixes da memoria.

Monsieur F. ensinoulle os segredos do labirinto antigo, da espiral no espello e da magnolia de pólvora ardida, tamén os arcanos da trabe de ouro e a forza da fraternidade reticular.

Velaí o vai. A palabra abrolla do labio grave, tronante, para dicir apenas Agordonia e Degareu e Foxovedro e Gorille e raíz, abismalmente raíz.

Contra as Torres do Oeste baixa un home. Verba da pedra ribeirega para escoitar… e ler.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Publiquei algún artigo en El Correo Gallego con quince ou dezaseis anos. Eran reportaxes ou entrevistas locais de Padrón e pedíamas o correspondente local, en castelán case todas. Eramos moi amigos: algunhas escribíaas el e asinaba co meu nome. Neses mesmos anos concursaba no Instituto de Padrón con contos e poemas, pero non había revista para os publicar. Como tampouco se publicou un traballo sobre medicina popular co que gañei o I Premio Taboada Chivite. Si, era o ano 77 ou 78. O meu primeiro libro publicouse moito despois, en 1989, ó ser accésit do premio Esquío: Val de Ramirás.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Creo que todas foron tratadas en xeral como se merecían. Claro, a acollida que recibiron O valo de Manselle ou Pensa nao foi moi xenerosa, para min extraordinaria. Igual cá que está recibindo Iria, novela que sei difícil e arriscada. En xeral os escritores necesitamos o recoñecemento do público e da crítica, claro. Pero creo que no fondo tamén sabemos xulgarnos a nós mesmos. Independentemente dos xuízos dos demais, hai traballos cos que un se sente máis ou menos satisfeito. E esa vara de medir tamén importa.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Non, creo que non. Para min cada libro é unha historia diferente, arredor da cal se xeran hábitos e praxes distintas. Mesmo espazos distintos. Hai libros asociados a cuartos e horas, a uns lapis e cadernos ou computadores concretos. Despois tamén hai libros que se escriben durante dez anos, porque os pensas, porque te documentas, porque investigas… Iso si, a escrita sempre é moito máis breve e máis intensa que todo ese labor previo.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Non teño preferencias desa índole. Ademais, non estou en ningunha antoloxía, que eu saiba. O primeiro que se me ocorre é querer estar á beira dos meus amigos e das miñas amigas que escriben, máis vellos e máis novas. Se o penso algo máis, gustaríame estar á beira de Darío Xoán Cabana, coma un seu irmao serodio. E tamén á beira de Eusebio Lorenzo Baleirón, desde logo.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

En xeral creo que son un autor de espazos, que son vitais e que son políticos: Ramirás, Manselle, Vigo, a Terra de Iria. Igual ando por eles perseguindo a lingua, atrás da súa oralidade, da súa polifonía… Ou tamén atrás da súa historia… Pouco máis.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Vai por épocas e por pulsións. Ultimamente con maior intensidade, claro, pero desde hai tempo estou con Rosalía de Castro. Por outro lado, nunca me separo de Méndez Ferrín nin de Manoel Antonio. Despois van e veñen Machado de Assis ou Aquilino Ribeiro ou Luandino Vieira, as traducións de Dante e Petrarca, Valle Inclán, Julio Cortázar e Otero Pedrayo, Pondal e Cunqueiro…

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Non lle falta nada. Que lle falta ó proxecto de liberación nado con Sarmiento ou Rosalía? Ós proxectos non lles falta nada e fáltalles todo. Estanse facendo xeración tras xeración e diariamente. Non creo que ninguén escriba pensando no que falta, avisando do que se carece. Esa visión caducou. A creación literaria en galego está máis viva e é máis brillante ca nunca. Só arredor do que non é estritamente creación literaria podemos atopar as lagoas e as lamas e as heteronomías que tamén hai noutras literaturas.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Teño moitos proxectos. Seguramente moitos máis dos que vou poder facer. Con todo, ningún me parece indispensable. Nin para min nin para a literatura galega. Gustaríame escribir moitas cousas: unha biografía de Rosalía de Castro, unha Historia da Literatura Galega Contemporánea, unha nova novela, un libro de poemas… O único que podería preocuparme é que, se estou traballando a fondo nun deses proxectos, non poida rematalo.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Xa dixen que vivimos un bo momento. Moitas, variadas e moi cualificadas voces traballan a madeira extraordinaria que a lingua galega contemporánea é. O problema é o da madeira, o da materia en canto lingua propia dunha nación. Aí é onde están concentrados os problemas que temos decididamente que afrontar.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Parabéns por esta iniciativa, Armando. E moi agradecido.

Angueira de Rosalía

Neste ano tan rosaliano no que andamos —que non en van celebramos o sesquicentenario dos fundacionais Cantares gallegos— case semellaba obrigado que alguén, nalgures, dedicase tempo e esforzos a ofrecer ao lectorado do século XXI unha edición deste título decisivo á altura das circunstancias.

Non era reto doado. O desafío asumiuno Anxo Angueira e a casa editora que deu soporte aos seus desvelos non foi outra que Xerais. A idoneidade do asinante da edición coido que non é discutible, pois é coñecido por tod@s o seu vincallo biográfico e afectivo coas terras do Sar, ao que se suma o valioso traballo previo que sobre da autora foi dando á luz nos últimos anos.

Canto á edición en si, tanto o seu longo, documentado e moi suxestivo estudo introdutorio así como o amplísimo corpo de notas que acompañan os poemas fan desta obra un volume memorable, que ha ficar como un dos títulos esenciais entre os publicados nos últimos tempos.

Quen desexe saber máis e mellor sobre a angueira de Rosalía e o contexto social e biográfico que veu nacer os Cantares…; o determinante influxo que o Coloquio de Sarmiento tivo nestes e a evidente pegada que neles hai da nosa literatura de tradición oral; a súa xenuína concepción, arquitectura e execución; o seu valor como alegoría nacional, radiografía social e texto de lectura feminista ou mesmo a marabilla da súa lingua literaria fará ben en achegarse a esta edición de Angueira, que se adorna coa reprodución dalgúns manuscritos autógrafos de Rosalía e uns ben contrastados criterios de edición que fan da mesma un texto de fidel lectura respecto da vontade autorial da nosa poeta.

Anúnciase no limiar deste libro que con el se inicia “un proxecto de edición da obra completa de Rosalía de Castro” que, segundo se descobre nunha folla derradeira de indexado, contará cun total de oito volumes entre os que, como non podía ser doutra maneira, figurarán obras galegas como Follas novas e outras en castelán. Se o conxunto mantén a excelencia desta primeira entrega impecablemente executada por Anxo Angueira, non me cabe dúbida de que poderemos, por fin, gozar da integridade da obra da máis famosa das nosas voces literarias en edicións de referencia inescusable.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 23-5-2013]