Fole deixounos o 9 de maio de 1986. Pero non desapareceu. Permanece na memoria da súa escrita, imperecedoira. E tamén na lembranza dos que o coñeceron e trataron, que son moitos. Por descontado, na acordanza dos lugares nos que habitou, nos que deixou a pegada indeleble do seu xenio creador ou dos que extraeu a seiva que había de nutrir as súas páxinas. Velaí a proposta de hoxe: percorrer esas vivendas, anosalas para que tamén fique memoranza delas e do que representaron.
Ánxel Alexandro naceu ás nove da tarde do 11 de agosto de 1903, nun casarón do Campo Castelo de Lugo, nun edificio que levaba o número 1 e que desapareceu. O inmoble facía esquina entre o Campo Castelo e a praza contigua, actualmente chamada Praza Ángel Fernández Gómez e, nos tempos nos que Fole veu ao mundo, Praza do Cruceiro. O soar, xusto por tras do pazo do Concello, albergaba daquela un edificio do século XVIII que fora propiedade do Conde de Moscoso. O escritor lembraba que “era unha casa señorial con capela, cunha tulla enorme para recibir as rendas e unha cheminea de catro piares”.
Daquela casa do Campo Castelo (onde logo se instalou o edificio de Radio Lugo) pasou vivir aos catro ou cinco anos á Casa de Orbán, casarío con ampla facenda (dezaseis hectáreas) que seu pai construíra aproveitando os terreos dunha antiga torre que fora de seu bisavó, o prócer Juan María Quiroga. A vivenda, localizada pretiño do Miño que tanto admirou e literaturizou, serviulle como base para imaxinar o lugar de Orbande no que transcorre o relato “O espello” de Á lús do candil, historia protagonizada por unha dama que é, en boa medida, un trasunto de súa tía avoa María Cristina Quiroga Sangro. Tempo despois, naquel lugar ergueuse a Estación Pecuaria Rexional.
Cando tiña sete ou oito anos a familia Fole Sánchez marchou vivir á céntrica Rúa Aguirre e, xa na adolescencia, con dezasete anos, pasaron a residir no Carril dos Loureiros, nunha casa propiedade do pintor Corredoira, no horto da cal xermolou o devezo lector e a paixón literaria do autor, quen se ten referido a aquel domicilio en varios artigos como a sede do ‘Clan dos Lunáticos’ e mesmo ‘A Grande Irmandade dos Cabaleiros da Rosa de Lus’ polas xuntanzas que alí mantiñan un grupo de mozos con inquendanzas artísticas.
Tras rematar os estudos secundarios no vello Instituto de San Marcos e cumprir co Servizo Militar, marchou estudar Dereito e Filosofía e Letras á Universidade de Valladolid (1927-1928), vivindo nunha pensión de estudantes da rúa Teresa Gil, esquina Enrique IV. Dende alí sairían os primeiros artigos que publicou na súa vida, aparecidos en La Provincia e El Progreso. Logo, proseguiu Dereito en 1928-1929 na Universidade de Madrid, residindo primeiro na rúa da Cruz e logo na rúa Valverde, fronte por fronte da casa de Max Aub. Mais, ao pechar a Universidade Central o goberno do Xeneral Primo de Rivera por motivos políticos, decidiu regresar temporalmente a Valladolid, para, xa entre 1929 e 1933, aparecer matriculado na Universidade de Santiago, onde compartiu pensión cun vello amigo que coñecera nos tempos do instituto: Álvaro Cunqueiro. Paraban na rúa da Ensinanza, 11, nunha fonda pola que pagaban, segundo o seu común amigo Paco del Riego, 4’5 ptas. diarias polo dereito a “sopa, dous pratos e sobremesa, mazá ou laranxa”.
As estadías dos últimos cursos universitarios alternounas Fole coa súa crecente dedicación xornalística, profesoral e literaria, que o levou a pasar tempadas en Rábade (onde era mestra Gabriela Nieto Chaín, muller do seu irmán Desiderio, cos que estivo os veráns de 1932 e 1933) ou A Veiguiña, en Quiroga, na que impartiu clases particulares de latín a Gonzalo e José Luis Quiroga Quiroga, daquela nenos, segundo me contou un dos fillos do primeiro.
A Guerra Civil sorprendeu a Fole vivindo na Ronda da Muralla (entón Ronda de Castilla). Mais, a persecución á que o someteron os falanxistas por mor da súa militancia galeguista de Preguerra, obrigouno, de primeiras, a ‘desaparecer da escena’ Fíxoo en casa amiga, concretamente no faiado da vivenda de Luís Pimentel, con que se trataba familiarmente, pois o pai deste era o seu padriño. Logo, tentou resistir as penurias do ostracismo dando clases particulares do que xurdía nun faiado da rúa Quiroga Ballesteros, nun cuarto en Caiñós e no Colexio Balmes, pero a situación fíxose insostible e tivo que tomar unha determinación: marchar ao ‘exilio interior’ nas terras quiroguesas.
A familia Quiroga acolleuno en 1941 na Veiguiña e fíxoo preceptor dos seus fillos. Alí residiu ata 1953, ano no que regresou definitivamente a Lugo. Ese foi o seu espazo case que exclusivo naquela ducia de anos, pois fora dalgunhas (poucas) viaxes a Compostela (casas de García-Sabell e Piñeiro) ou Coruxo (onde asistiu na casa de Fernández del Riego á reunión do 25 de xullo de 1945 na que se ideou a futura constitución de Galaxia) para ver vellos amigos, case non saíu da Veiguiña, agás no outono de 1944, cando residiu en Pacios, na Terra Chá, con familiares ou, evidentemente, as estadías na outra vivenda forte dos Quiroga: a Casa Grande da Pobra, no Hospital do Incio.
Na Veiguiña naceron os relatos de Á lús do candil entre 1950 e 1951 e, tamén alí, pero en 1952, amecéuselles o vocabulario final e revisouse a corrección de probas do conxunto. Por tanto, esta da Veiguiña foi, con certeza, a grande casa literaria de Fole, pois non só agromou nela a súa primeira e, se cadra, máis coñecida obra, senón tamén o borrador de Pauto do demo, como se deduce da amentada correspondencia con Fernández del Riego. Do mesmo xeito, en varios relatos dos ben posteriores Contos da neboa e Historias que ninguén cre volven aparecer personaxes e circunstancias quiroguesas, herdo do tempo pasado na Veiguiña. Leal Insua fixo no seu día unha afirmación coa que concordo: sen os días da Veiguiña, “os libros de Ánxel Fole nin terían sido coherentes nin quizabes existisen”.
A longa estancia na Veiguiña alternouna Fole coas xeiras na Casa Grande da Pobra, no Hospital do Incio, a mansión construída por Quiroga Ballesteros en 1880 na que residiu coa musa de Bécquer Julia Espín. Alí foron escritas as historias de Terra brava entre 1952 e 1953, aínda que o remate de redacción xa llelo deu en Lugo e o mecanografado e a revisión xeral da obra esperaron ata o outono de 1955, pois foi na casa de Piñeiro, en Santiago, onde se lle puxo o broche ao libro, que pasou á máquina o de Láncara, non sen antes facer numerosas suxestións, como deixou contado Franco Grande.
Tras esa intensa e decisiva etapa na Veiguiña e O Incio, regresou a Lugo en 1953 e pasou os días na redacción de El Progreso, tamén escribindo novos relatos, como os que reuniu en Contos da neboa e Historias que ninguén cre. Alugou un cuarto na rúa Santiago, fronte do Colexio das Xosefinas, pero pouco máis ía por alí que a durmir, posto que facía vida durante as horas de luz con seu irmán Salvador e súa cuñada Fina. De feito, ao morrer o primeiro, en maio de 1979, foi vivir coa segunda a aquel piso da rúa Montero Ríos, morada derradeira na que o atendeu, ata o final, a súa sobriña Concha, hai hoxe daquilo vinte e nove anos.
As súas casas son estas. A Veiguiña está xa para sempre na historia da literatura e o seu exemplo aluma, como poderoso candil, os narradores que logo del foron.