Literatura labrega

O poeta e ensaísta Xosé Lois García tenlle collido a medida á xeira escolmadora. Regresa agora a ela coa Antoloxía poética da escola labrega luguesa, selecta publicada baixo os auspicios da colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra, que afianza así a súa andaina tras o excelente comezo que supuxera O asombro e o máis recente Novas_de poesía. 17 poetas.

Esta Antoloxía poética da escola labrega luguesa engade un subtítulo revelador: ‘De Leiras Pulpeiro a Uxío Novoneyra’, autores que balizan cronoloxicamente o período literario ao que pertencen os creadores escolmados e que coinciden, todos eles, en incorporar ás súas creacións a nidia pegada do rural campesiño lucense.

García dispón un amplo e informativo “Prefacio” no que achega unha panorámica da escrita dos poetas antologados, sete voces senlleiras que revelan estreitos lazos xeoliterarios entre eles: Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro constitúen o dream team da escola mindoniense (apenas se faltaría o gran Cunqueiro, tan pouco paisaxista el); a maiores, Manuel María (chairego maior) e Uxío Novoneyra (o courelao por antonomasia).

Representativa e moi variada, esta selecta á que convida García inclúe algúns moi coñecidos versos destes autores a canda outros menos divulgados, mais non de menor interese, o que asegura o atractivo da obra.

A Antoloxía poética da escola labrega luguesa conta cunha cuberta que reproduce un curioso gravado do propio Novoneyra, o lobizorricán, perfecto limiar visual para esta escolma, que aínda amece unhas útiles fichas biobibliográficas finais para completar un volume tan preciso coma precioso.

Noriega Varela, poeta revisitado

Nunha oportuna rememoración da figura dun dos nosos grandes poetas do pasado século, hai uns meses publicábase Noriega Varela. Memoria dunha homenaxe, volume do que son responsables dous descendentes do escritor, Daniel e Santiago Noriega Fernández.

O libro dá cumprida conta das diversas actividades que, coincidindo co sesenta cabodano do escritor, se desenvolveron baixo a coordinación do Concello de Viveiro, quen nomeou o ano da efeméride como Ano Noriega Varela.

Con tal motivo, ao redor da data publicouse un libro cunha escolma de sonetos do poeta, Tenuis Pluvia, reeditouse Do ermo, organizáronse mesas redondas e conferencias sobre a súa vida e obra, dedicáronselle revistas orais, monográficos en programas radiofónicos, reimprimiuse a monumental tese de doutoramento que o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato elaborou sobre del, realizáronse recitais nos que se rapsodiaron os seus versos e inauguróuselle unha escultura nos xardíns que levan o seu nome na cidade do Landro.

Pois ben, moitas das disertacións e intervencións deses actos figuran recollidas nesta obra, que reproduce textos sobre Noriega Varela da autoría de Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, X. R. Freixeiro Mato, Juan Soto, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Antonio Reigosa, Carlos Nuevo Cal, Santiago e Daniel Noriega Fernández e Bernardino Graña, amais dunha completa cronoloxía das actividades e un nutrido anexo gráfico.

Para os devotos da poesía noriegana, este volume, que recomendo, ha ser unha escusa perfecta para revisitar sucesos vitais e episodios textuais que marcaron a traxectoria dun dos nosos máis celebrados poetas do pasado século.