O lobo anxélico (No sesquicentenario de Antonio Noriega Varela)

noriega varela 2Nestes días nos que andamos vén de se cumprir o sesquicentenario do poeta mindoniense Antonio Noriega Varela. O coñecido como ‘cantor da montaña’ veu ao mundo na cidade do antigo Reino de Galicia o 18 (para outros 17) de outubro de 1869, nunha casa ao pé da Alameda, como el lembra nuns coñecidos versos dedicados á Virxe dos Remedios: “Santiña milagrosiña,/ lémbraste? A nosa casiña/ ond’a túa;/ o Campo frorido e ledo,/ tu reinando en Mondoñedo, eu… galanteando á lúa”.

Foi un neno rebuldeiro e espelido, que estudou con aproveitamento no Seminario de Santa Catarina e que quixo profesar e cursar carreira cunha bolsa de estudos, o que non lle foi concedido por ser fillo de solteira (ex defectum natalium). Así as cousas, fíxose mestre e cruzou o país coñecendo a intelectualidade galega da súa época no focense Fondós (onde tratou a Antón Villar Ponte e Camilo Cela, pai do Nobel), nos ourensáns Calvos de Randín e Trasalba (estadía fulcral esta última, que o conectou co galeguismo do seu tempo, principiando por Ramón Otero Pedrayo e seguindo por Francisco Luís Bernárdez, Eduardo Blanco Amor, Antón Losada Diéguez, Euxenio Montes, Antonio Rey Soto ou Vicente Risco, mais tamén cos mellores escritores portugueses daquela hora, como Raul Brandão, Júlio de Lemos, Teixeira de Pascoães ou João Verde), na Graña de Vilarente en Abadín (onde alternou cun noviño Aquilino Iglesia Alvariño) e no viveirense Chavín (poñéndose en relación con Francisco Leal Insua ou Enrique Chao Espina).

Aínda que Noriega Varela foi escritor de variado xorne, pasou á historia da literatura galega como poeta. En esencia, foi autor dun único libro que publicou en diversas ocasións corrixíndoo e aumentándoo. De primeiras ese poemario chamouse Montañesas (1904, 1910) e xa logo Do ermo (1920, 1929, 1946).

Como poeta dominou os máis diversos rexistros e está considerado como un dos cumios da nosa lírica de comezos do pasado século. Intimista en ocasións, social noutro, humorístico non poucas veces e telúrico abondo, o seu franciscanismo, o dominio do ritmo, da musicalidade do verso e do metro clásico fan del un poeta inigualable, que soubo tamén incorporar na súa escrita os aires da poesía europea do momento e poñelos en diálogo co herdo rexurdimentista, nunha alquimia áurea que dialoga igual con Rosalía, Curros e Pondal que co modernismo hispanoamericano e, sobre todo, o saudosimo portugués.

Alén do poeta hai en Noriega Varela un relevante estudoso da nosa literatura de tradición oral. A el debemos unha histórica colectánea de cantares populares, A Virxen y-a paisanaxe (1914), e un volume paremiolóxico e fraseolóxico de primeira orde, Como falan os brañegos (1928).

Todo ese labor, que multiplicou en palestras e colaboracións en ducias de cabeceiras de prensa de toda Galicia e Portugal, foille recoñecido con importantes distincións, entre as que cómpre salientar a pertenza ao Instituto Histórico do Minho, a Academia de Sciências de Lisboa, o Seminario de Estudos Galegos e mais a Real Academia Galega, ao que deben sumarse as abondosas homenaxes públicas que se lle ofreceron, como a moi populosa brindada polos lucenses no Círculo das Artes en 1943 ou a multitudinaria que toda Galicia lle rendeu no Gran Teatro de Lugo en 1946.

Mindoniense de nación e corazón, Noriega Varela tivo de sempre un afectuoso vencello coas súas amizades da capital luguesa, particularmente con aquelas vinculadas ao xornal da cidade, El Progreso, pois foi grande amigo de Puro de Cora Sabater —fillo do fundador do medio e director do mesmo durante anos, ademais dun dos principais impulsores da magna homenaxe que se lle tributou ao poeta en 1946—, mais tamén doutros históricos do periódico, como Ánxel Fole, quen lle dedicou polo centenario do seu natalicio un artigo no que o describía inmellorablemente dende o título: “Noriega, cantor rústico y húmedo” (El Progreso, 17-5-1969). E outro tanto podería dicirse de Xosé Trapero Pardo, quen escribiu del ponderándoo como alto poeta hispano en “Secundando una idea. Noriega en las letras hispanas” (El Progreso, 26-5-1943). Ou de Francisco Leal Insua, redactor xefe do rotativo nos últimos anos do poeta, íntimo deste e responsable da preparación da derradeira edición de Do ermo en 1946.

A grandeza de Noriega Varela, a innegable altura da súa poética fan del un autor ao que ten de se volver unha e outra vez. Nos últimos lustros foi reiteradamente antologado e traducido en escolmas de todo tipo; dedicóuselle unha tese de doutoramento; estudouse a súa relación con diversos escritores galegos e portugueses; analizáronse as máis diversas temáticas e estéticas na súa escrita; profundouse nas complexas posicións que como intelectual mantivo no tempo franquista; exhumouse o seu epistolario e reeditouse a súa obra, concretamente Do ermo (2007) —nunha edición tirada do prelo da Deputación Provincial de Lugo que inclúe o limiar “Palabras para comprovincianos” asinado polo redactor de El Progreso Juan Soto— e Tenuis pluvia (2007) —tamén editado pola Deputación Provincial con motivo do cincuentenario do pasamento do autor—, mesmo recentemente a revista mindoniense Amencer (2019) dedicou ao autor un monográfico con traballos de José López Fernández (Pepe de Noriega), Manuel Regal Ledo, Carlos Nuevo Cal, Pombo Mosquera, Carlos Adrán Goás e Félix Villares Mouteira.

A obra e figura de Antonio Noriega Varela, cento cincuenta anos despois, continúa concitando o máximo interese para os estudosos e regala ao público deste século XXI impagables momentos de lectura. É difícil concretar o misterio da súa aura. Talvez resida naquela intuición que do mindoniense tiña o extraordinario poeta portugués Teixeira de Pascoães, quen o definía como un “lobo anxélico”, aludindo ao tempo á forza vibrante e descomunal da súa escrita e á tenrura e delicadeza infinitas que esta deita. Sexa por estas ou por outras razóns, a estrela Noriega Varela segue a irradiar cegadora luz literaria. Que así sexa por moitos anos, cando menos por outro século e medio máis.

[El Progreso, 20-10-2019]

Noriega Varela, poeta de todo tempo

NoriegavarelaHai agora cento cincuenta anos viña ao mundo un dos mellores poetas galegos de todos os tempos: Antonio Noriega Varela. A data exacta do seu nacemento ofrece dúbidas para os estudosos, que alternan entre o 17 e o 18 de outubro de 1869. O que si revela transparencia rotunda é a súa mindonicidade, pois foi na vella cidade do Reino onde veu a luz primeira.

De neno foi alumno desa universidade do Norte de Galicia que secularmente foi o Seminario de Santa Catarina e de mozo fíxose mestre, labor que exerceu en diferentes destinos: Foz (onde comezou a labrarse un nome como colaborador poético en diversas cabeceiras e tratou a Antón Villar Ponte), Calvos de Randín, Trasalba (estadía fundamental que o conectou co máis destacado do galeguismo de Preguerra, comezando por Ramón Otero Pedrayo e seguindo por Francisco Luís Bernárdez, Eduardo Blanco Amor, Antón Losada Diéguez, Euxenio Montes, Antonio Rey Soto ou Vicente Risco, pero tamén cos mellores escritores portugueses daquela hora, como Raul Brandão, Júlio de Lemos, Teixeira de Pascoães ou João Verde), A Graña de Vilarente en Abadín e o viveirense Chavín.

Dende estas variadas xeografías foi dando a coñecer a súa escrita, en esencia circunscrita a un único libro que foi medrando ao longo da súa vida e que primeiro se chamou Montañesas en 1904 e logo, a partir de 1920 e en sucesivas edicións, Do ermo.

Como poeta Noriega Varela é unha voz senlleira e irrepetible, que alternou con mestría tanto o lirismo máis persoal como a poesía de inspiración social nas máis diversas vertentes: moralizante, en defensa dos desfavorecidos, agrarista e ata galeguista e patriótica. Por descontado, tamén admiran os seus versos de natureza humorística, entre o burlesco, o epigramático e a sátira político-humorística. Agora ben, o grande Noriega está nese seu dicir saudoso, na transcendente contemplación da paisaxe telúrica, a delicadeza extrema no canto fransciscano ás cousiñas humildes e o impecable dominio do ritmo, a música e o metro, que fan inigualables os seus sonetos e non só. Ler a Noriega é deixarse asolagar polas mozas carpazonas, os esforzados quintos, os vellos rufos, os festexos populares e o duro labor dos labregos, todo gabado nunha celmosa linguaxe inzada de mindonesismos e sempre de extraordinaria riqueza morfolóxica, fraseolóxica e paramiolóxica.

En vida Noriega saboreou a gloria: distinguírono coa pertenza ao Instituto Histórico do Minho, a Academia de Sciências de Lisboa, o Seminario de Estudos Galegos e mais a Real Academia Galega e recibiu numerosas homenaxes públicas, como a moi populosa brindada polos lucenses no Círculo das Artes en 1943 ou a multitudinaria que toda Galicia lle rendeu no Gran Teatro de Lugo en 1946.

Como acontece cos máis grandes entre os grandes, a estrela do escritor non se apagou coa súa vida e nos nosos días segue a brillar con luz incomparable. No último cuarto de século teñen sido moitos e moi diversos os traballos literarios nos que a súa vida e obra foi protagónica. Veuse antologado tanto en escolmas xerais coma temáticas (fosen estas sobre poemas aos vagalumes, ao viño, aos nenos, á gaita ou á transcendencia, tanto ten); foi traducido a múltiples idiomas (dende o ruso ata o inglés pasando polo francés, o alemán ou o italiano, entre outros); o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato defendeu unha tese doutoral sobre el en 1992 e publicou varias monografías nesa década a propósito do seu mundo literario; estudouse o seu epistolario, a súa escrita sonetística, a pegada da cultura latina na súa obra ou a presenza nela das estancias en Lugo, Viveiro ou a Chaira; analizouse a súa pertenza á escola do Seminario de Mondoñedo, a relación con diferentes escritores portugueses; profundouse na figura da mai nos seus versos; indagouse nas complexas posicións que como intelectual mantivo no tempo franquista; mapeáronse as conexións con outros escritores do universo mindoniense como Leiras Pulpeiro, Crecente Vega, Iglesia Alvariño, Lence-Santar, Pernas Nieto ou Cunqueiro; destacáronse os valores ecoloxistas na súa escrita e aínda se lle reeditou Do ermo polo cincuentenario do seu pasamento no 2007 e veu recollidos outros textos no volume Tenuis pluvia. Incluso este mesmo ano a revista Amencer do Seminario de Mondoñedo publicou un número especial a el dedicado con interesantes traballos do seu parente José López Fernández (Pepe de Noriega), do poeta e pensador Manuel Regal Ledo, do cronista vivariense Carlos Nuevo Cal, dos ensaístas Pombo Mosquera e Carlos Adrán Goás e do intelectual Félix Villares Mouteira.

A poesía de Noriega Varela segue estando vixente cento cincuenta anos despois do seu nacemento. A súa obra é fonte de inspiración para as novas promocións de creadores, que o citan abondosamente nas súas composicións, e son incontables os estudosos que se teñen referido a el en artigos e libros. É difícil descubrir onde radica a maxia do seu engado, que fai dos seus poemas un licor sabedeiro tanto para o lectorado menos afeito a fatigar os grosos volumes da literatura de época coma para aqueles máis versados e acostumados a frecuentar a escrita do noso e de anteriores tempos. Talvez a xenuína musicalidade do versos, a autenticidade das emocións populares que estes transmiten mesturadas coa vizosidade da lingua, o fino humor e esa especialísima unción telúrica e saudosa que o envolve todo, dende o máis miúdo ata o máis impoñente, teñan que ver coa admirable conexión que todos aqueles que se achegan á súa obra senten e que, teño para min, seguirán a sentir cando se cumpra o vindeiro sesquicentenario. Porque hai poetas que vencen o Tempo e anulan a morte e o mindoniense Antonio Noriega Varela forma parte dese escolleito olimpo.

[Faro de Vigo, 17-10-2018]

Amencer de Noriega Varela

Amencer, 241O vindeiro dezasete de outubro cumprirase o sesquicentenario do nacemento do poeta mindoniense Antonio Noriega Varela (1869-1947), clásico indiscutible das nosas letras e voz senlleira na escrita dos comezos do pasado século.

Conscientes da importancia desta efeméride, os responsables da revista Amencer que publica o Real Seminario de Santa Catarina en Mondoñedo prepararon un número especial dedicado á conmemoración, na que colaboran estudosos da súa vida e obra e tamén algún familiar. A revista, unha referencia senlleira na longuísima historia da prensa mindoniense, pode descargarse de balde neste enlace: http://www.mondonedoferrol.org/cms/media/pdfs/282.pdf

Alén do editorial informativo “A xeito de cancela” asinado por Félix Villares Mouteira, fundador e coordinador histórico da publicación, esta entrega de Amencer, que alcanza o número 241 nunha existencia que vai camiño das catro décadas, conta cun traballo de José López Fernández, máis coñecido como Pepe de Noriega, a propósito de “A árbore xenealóxica da familia Noriega”. Esta moi completa achega lévanos a seis xeracións atrás na vida dos devanceiros do escritor descubríndonos os nomes de Toribio Fernández de Noriega e Ángela Lozano como os primeiros antepasados seus dos que se ten noticia, unha parella que viviu na segunda metade do século XVII en Espinama, pequena localidade situada aos pés dos Picos de Europa na bisbarra cántabra de Liébana.

Non menos interesante é o artigo verbo de “A relixiosidade de Noriega Varela” disposto polo ensaísta e poeta Manuel Regal Ledo, especialista na escrita sobre temática relixiosa e transcendente, quen leva a cabo aquí un completo repaso a esta presenza na escrita do de Mondoñedo, concluíndo que “a linguaxe relixiosa, en termos, frases feitas, temáticas, referencias, cruza toda a obra de Noriega”.

O autor de Do ermo foi mindoniense de nación e de corazón, mais botou parte da súa vida fóra da súa cidade natal por mor da súa profesión de mestre. Así, tras pasar polas escolas unitarias de Fondós (Foz), Calvos de Randín (Ourense), Amoeiro-Trasalba (Ourense) e A Graña de Vilarente (Abadín), foi destinado á escola de Santa María de Chavín en Viveiro en agosto de 1931. Nesta vila ficou xa para sempre, abandonándoa só en estancias breves, e foi tamén en Viveiro onde feneceu o 27 de marzo de 1947, sendo soterrado no cemiterio de Altamira, ás faldras do monte San Roque, ollando o mar Cantábrico. Dos seus días viveirenses, do que naquelas paisaxes da beiramar escribiu e do moito que alí viviu ocúpase o artigo “Estancia e morte de Antón Noriega Varela en Viveiro”, traballo rigoroso e moi ben informado co que Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, participa no especial.

Moito interese ten tamén para os investigadores literarios o artigo do historiador Xosé Antón Pombo Mosquera titulado “Antonio Noriega Varela. Versos recuperados”. Nel recupera cinco composicións do autor que ficaran no esquecemento e que rescata da cabeceira El Eco de Vilallba. Publicadas entre 1908 e 1911 son poemas de ocasión e temática varia que, tal como sinala, recuncan no “lirismo da natureza e asuntos costumistas” tan propios de certa musa do mindoniense.

Este especial noriegano de Amencer remata con dous valiosos apuntamentos: “Tibi terra levissit”, evocación de Carlos Adrán Goás sobre a memoria do poeta e o seu lugar de soterramento, e mais “Distinción e homenaxe a Noriega Varela”, recordatorio da xornada de novembro de 1943 na que o Ministerio de Educación lle concedeu ao poeta a Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio, texto outra volta asinado por Félix Villares Mouteira.

A poesía de Antonio Noriega Varela é un dos cumes da lírica galega de todo tempo. Volver a ela non só é un deber para todos os que queiran saber máis e mellor do noso pasado literario, senón un gozo para aquelas persoas que desexen acompañarse da mellor lírica que se deu na nosa lingua. Por iso a celebración deste cento cincuenta aniversario é unha ocasión inmellorable para regresar á súa escrita e as páxinas deste número de Amencer o mellor guieiro para internarse no seu vizoso e inesgotable mundo creativo.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 29-9-2019]

Letras musicais

Sons de NósOs mellores sons chegan ás nosas letras. Nos últimos meses foron varios os discos que apareceron no mercado nos que se musican textos galegos, en moitos casos de orixe literaria. Hoxe préstame dar razón aquí de tres deles, de procedencias ben diversas e estilos musicais dispares, mais todos coincidentes na aposta pola nosa lingua e, particularmente, a súa koiné poética como principal razón de ser.

O primeiro destes traballos leva por título Dende a beira do Masma e recolle trece temas nos que Xan Carballal, director da Escola Municipal de Música O Pallarego, pon melodía a temas de Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Jácome.

As voces de Xulia Nogueira e Sabela Carballal acompañan o acordeón, a arpa, a zanfona, a guitarra, o clarinete, o violín, a viola, o chelo e as percusións para que os versos de Do ermo, Cantares gallegos ou Herba aquí e acolá cobren vida musical, confirmando, máis unha vez, a indubidable sonoridade da lírica mindoniense, que aquí corporeíza mercé á Fundación TIC lucense, dependente da Deputación Provincial.

ApelónNon menos interesante é a seguinte das propostas, neste caso chegada dende a cidade departamental e titulada Apelón. Quen a asina é un experimentado cantautor, cunha sólida traxectoria ás costas: Roger de Flor, unha das voces máis orixinais e independentes do actual panorama.

En Apelón, disco editado por Feiticeira Producións, inclúense tres temas galegos: “Estoupará”, “Ferrol Vello” e mais “Na ialma zoaba o vento”. Xunto a eles, outras cancións non menos literarias, como “Spring”, versión dun poema do gran poeta inglés William Blake. Mais a pluralidade de rexistros deste traballo é tamén perceptible na inserción de temas en castelán e italiano e, sobre todo, na variedade de estéticas ensaiadas, que integran por igual o rock, o pop ou os acenos country, entre outros.

Por último, o dúo 2naFronteira dá a luz Sons de Nós, a súa particular homenaxe á revista Nós e as Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario. Trece temas editados por Inquedanzas Sonoras nos que a felicísima voz de Carmen Penim se acompaña das virtuosas mans de Maurizio Polsinelli para recrear atmosferas de harmonio, piano e shruti box engalanadas de guitarras, violíns, violas de teclas, zanfonas, contrabaixos, baterías e percusións varias.

Dende a beira do MasmaSons de Nós dá a Euterpe o verso requintado de Eduardo Blanco Amor, o testemuñal de Xosé Velo, as liricidades de Fermín Bouza Brey, o dicir primeiro de Ricardo Carballo Calero, a voz inxel de Francisca Herrera Garrido, a arquitectura florida de Ramón Otero Pedrayo e o enxebrismo de Francisco Luis Bernárdez, compoñendo todos un retábulo sonoro de indubidable atractivo.

Non hai escusa, por tanto, para non se deleitar con Dende a beira do Masma, Apelón e mais Sons de Nós na tranquilidade do fogar, na vertixe do guiar automobilístico, nos minutos de lecer e ambientación laboral ou en calquera outra situación ou contexto. Boa compaña.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 6-3-2016]

Ars dedicandi: Antonio Noriega Varela

do_ermo_ars_dedicandiÁs 19:00h. do 27 de marzo de 1947 morría no seu domicilio da rúa Pardiñas en Viveiro o poeta Antonio Noriega Varela. Deixaba tras de si unha intensa vida e unha importante obra, principalmente etnográfica e, sobre todo, poética.

Como vate, Noriega foi autor dun único libro que foi facendo medrar ao longo dos anos e que, polo camiño, mesmo variou de nome. A primeira edición chamouna Montañesas e publicouna en 1904. Volveu facelo, co mesmo título, en 1910. Logo viñeron dúas versións case idénticas de 1920, unha edición posterior de 1929 e, finalmente, a testamentaria de 1946, poucos meses antes do pasamento.

A dedicatoria que aquí se recupera estampouse nun deses volumes de 1920. Sucede que existen dúas versións da mesma obra, que comparten tripa, pero que se diferencian polas cubertas. Unha delas presenta unha ilustración de tapa realizada por Castelao que representa unha paisaxe nevada na que destaca, en primeiro plano, un cruceiro alumado por un farol. A outra, de tons alaranxados, reproduce unha escena costumista na que semella haber unha esmoleira a canda un cativo ao pé dunha igrexa. Tamén se diferencian por reproducir unha a canda o título o nome completo ‘Antón Noriega Varela’ e indicar outra, sucintamente, ‘Por Noriega Varela’, feito que ten a súa explicación e que daría para outro post.

1920 (I)O ars dedicandi reproducido obra nun exemplar con esta última cuberta. O dedicatario é o escritor e académico Antonio Couceiro Freijomil, quen foi durante moitos anos Inspector de Educación, de aí as alusións de Noriega Varela, mestre de profesión, a este como ‘xefe’.

A dedicatoria está asinada en Trasalba o 6 de febreiro de 1922, a onde Noriega foi destinado como docente en 1913, localidade na que permaneceu ata 1926. Alí profundou na amizade cos de Nós, especialmente con Otero Pedrayo, con casa forte naqueles eidos, o que explica que fosen estes os que, como reza o colofón, imprimisen o libro no obradoiro ourensán de Antonio Otero o 15 de xullo de 1920.

Non sei cal foi, tal como expresa a dedicatoria, o “dictamen austero, de superior excelencia” que de Do ermo Couceiro Freijomil puido manifestar a Noriega Varela. Sei si, que a Historia emitiu xa o seu veredicto, convertendo o poeta nunha das voces fundamentais da lírica galega de todo tempo.