Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 21 de xullo en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López sobre Manual de fútbol, de Juan Tallón (I, 1:05); Columnas de papel, de Xosé Vázquez Pintor (II, 0:00); 3 X 3, editado por Antonio Gómez con poemas de Suso Díaz, Víctor Peña e Irene Albert (II, 4:06); Brinca Vai!, de Paco Nogueiras, ilustrado por Xosé Pintor, con reprodución do tema ‘A palabra ten vida’ (III).
Arquivo por etiquetas: Antonio Gómez
3 X 3
Quero hoxe dar noticia dunha valiosa publicación que ve luz fóra das nosas fronteiras: a colección de poesía 3 X 3 que a Editora Rexional de Estremadura leva publicando dende hai dous anos.
A colección, dirixida polo escritor Antonio Gómez (un dos poetas visuais máis prestixiosos do Estado e un incansable promotor de edicións alternativas e libros obxecto) é unha serie de nove entregas, de tres poetas cada unha, na que converxen voces ben diversas que, por veces, se expresan tamén en varias linguas.
É o caso dun dos participantes do sexto número desta publicación. Refírome a Suso Díaz (Ludeiros, Lobios, Ourense, 1971), activo dinamizador cultural vencellado ás terras estremeñas, pois nel e en Maripaz Paz temos talvez os máis decididos divulgadores das nosas letras por aquelas terras do Sur.
A colección 3 X 3, que con esta entrega chega á media ducia, é unha publicación de pequeno formato (15cm x 15cm), moi coidada, con cubertas en negro e prata, que alberga unha pequena caixa interior cun oco troquelado no que encaixan tres sobres triangulares dentro dos cales se gardan os nove poemas de cada un dos tres autores participantes. É, por tanto, un libro de deseño moi singular, que convida, xa dende a propia materialidade, a curiosear o seu contido.
Indo xa á participación galega neste número, cómpre salientar que Suso Díaz achega ao mesmo nove textos breves (o minimalismo do triángulo de papel que funciona como soporte convida á concisión) que teñen moito de haiku, xogan por veces cos paralelismos, recuncan no lírico definitorio e deixan que sobre as composicións paire o amor, a reflexión vital e o contemplativo. Versos, hai que dicilo, que alternan o galego co castelán e que non refugan a determinación telúrica e comunitaria, tendo na memoria e o pasar do Tempo algunhas das súas presenzas máis recorrentes.
O tríade desta entrega complétase con Víctor Peña Dacosta e Irene Albert Cebriá. O primeiro con versos que moitas veces dialogan cos clásicos para reescribilos en clave actual. A segunda, cunha intelixente e irónica hibridación dos hábitos desta nova Era dixital, hipertecnificada e comercializada, co sentir máis perplexo.
Proposta de interese esta iniciativa de Antonio Gómez, materializada mercé á Editora Rexional da Consellería de Educación e Cultura do Goberno de Estremadura, unha publicación que moito merece aplaudirse por canto visibiliza a sensibilidade que nas terras que bañan o Texo e o Guadiana hai pola escrita múltiple, diversa e innovadora desta hora poética.