Ars dedicandi: Manuel García Paz

ars_dedicandi_manuel_garcia_paz novoA figura de Manuel García Paz é unha das tantas que agardan ser recuperadas nas nosas letras. Nacido en Compostela o 26 de maio de 1895, tivo unha vida azarosa na que, logo de estudar na súa cidade natal, marchou vivir a Vigo para, aínda mozo, comezar a traballar de aprendiz no Faro de Vigo primeiro e logo en Nueva Prensa de Heraclio Botana.

Iniciou a carreira eclesiástica, que logo abandonou en favor de Filosofía e Letras para facerse profesor de instituto, oficio que exerceu en diversas localidades de Galicia e fóra dela, pois xubilouse en Pozoblanco, Xaén, o mesmo lugar no que finou en 1990 afastado da vida literaria que cultivou cando novo.

Como autor, á parte dun conto en Nós (“O abade Mouriño”) do ano 1931, é lembrado pola narración IV Melodía. Desfíe de campesiñada galega, libro de 1935 publicado en Ourense con prólogo de Jacinto Santiago, profesor nesta cidade da Escola Normal primeiro e da Escola de Artes e Oficios despois.

Xustamente este volume é o que aquí figura dedicado a un terceiro profesor, Antonio Couceiro Freijomil, para máis sinais inspector de Ensino, de aí que nas liñas que lle escribe García Paz o trate de “compañero”.

É sabido que Manuel García Paz deixou escritos outros tres libros ou Melodías. Oxalá algún día se recuperen, pois, como parte do patrimonio literario galego, son un ben comunal que merece coñecerse.

Ars dedicandi: Antonio Noriega Varela

do_ermo_ars_dedicandiÁs 19:00h. do 27 de marzo de 1947 morría no seu domicilio da rúa Pardiñas en Viveiro o poeta Antonio Noriega Varela. Deixaba tras de si unha intensa vida e unha importante obra, principalmente etnográfica e, sobre todo, poética.

Como vate, Noriega foi autor dun único libro que foi facendo medrar ao longo dos anos e que, polo camiño, mesmo variou de nome. A primeira edición chamouna Montañesas e publicouna en 1904. Volveu facelo, co mesmo título, en 1910. Logo viñeron dúas versións case idénticas de 1920, unha edición posterior de 1929 e, finalmente, a testamentaria de 1946, poucos meses antes do pasamento.

A dedicatoria que aquí se recupera estampouse nun deses volumes de 1920. Sucede que existen dúas versións da mesma obra, que comparten tripa, pero que se diferencian polas cubertas. Unha delas presenta unha ilustración de tapa realizada por Castelao que representa unha paisaxe nevada na que destaca, en primeiro plano, un cruceiro alumado por un farol. A outra, de tons alaranxados, reproduce unha escena costumista na que semella haber unha esmoleira a canda un cativo ao pé dunha igrexa. Tamén se diferencian por reproducir unha a canda o título o nome completo ‘Antón Noriega Varela’ e indicar outra, sucintamente, ‘Por Noriega Varela’, feito que ten a súa explicación e que daría para outro post.

1920 (I)O ars dedicandi reproducido obra nun exemplar con esta última cuberta. O dedicatario é o escritor e académico Antonio Couceiro Freijomil, quen foi durante moitos anos Inspector de Educación, de aí as alusións de Noriega Varela, mestre de profesión, a este como ‘xefe’.

A dedicatoria está asinada en Trasalba o 6 de febreiro de 1922, a onde Noriega foi destinado como docente en 1913, localidade na que permaneceu ata 1926. Alí profundou na amizade cos de Nós, especialmente con Otero Pedrayo, con casa forte naqueles eidos, o que explica que fosen estes os que, como reza o colofón, imprimisen o libro no obradoiro ourensán de Antonio Otero o 15 de xullo de 1920.

Non sei cal foi, tal como expresa a dedicatoria, o “dictamen austero, de superior excelencia” que de Do ermo Couceiro Freijomil puido manifestar a Noriega Varela. Sei si, que a Historia emitiu xa o seu veredicto, convertendo o poeta nunha das voces fundamentais da lírica galega de todo tempo.

Ars dedicandi: Aquilino Iglesia Alvariño

ars_dedicandi_aquilino

Tal día coma hoxe naceu hai cento seis anos en Seivane de Vilarente, Abadín, o gran poeta Aquilino Iglesia Alvariño. En moitos lugares dáse como data de nacemento o día de onte. É unha imprecisión que non responde á realidade dos feitos. A partida de nacemento do escritor informa:

En Abadín a las nueve del día trece de Junio de 1909, con objeto de que se le inscriba en en Registro Civil un niño y al efecto, como encargado por el padre del mismo declara que dicho niño nació en la parroquia de Villarente a las cuatro de la mañana del día de ayer.

Existe aínda outra testemuña inequívoca, unha carta do propio Aquilino á súa esposa datada o 18 de xuño de 1949 onde lle escribiu:

Este cumpleaños —que tanto significa para mí— no tuvo lugar el diez, como tú piensas, ni el 11, como mi madre me dijera, sino el doce, el doce de junio a las altas horas de la madrugada.

Para lembrar tan sinalada data, recupérase unha dedicatoria do poeta ao escritor Antonio Couceiro Freijomil, a quen ofrece con cordialidade o seu primeiro libro, Señardá (1930), nacido ao abeiro das aulas do Seminario de Mondoñedo e das súas terras brañegas, nas que contou co consello do veterano Antonio Noriega Varela.

Ars dedicandi: Luís Seoane

ars_dedicandi_seoaneFardel de eisilado foi o primeiro poemario de Luís Seoane. Publicouse en 1952 e constitúe un dos fitos da recuperación literaria de Posguerra. A sensibilidade coa causa emigrada que nel amosa o gran pintor é tamén un referente da escrita da época, un momento no que o profesor Antonio Couceiro Freijomil andaba a publicar os volumes do seu referencial Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos, no que figurou historiado Seoane, quen lle enviou o libro dende o domicilio porteño da rúa Bartolomé Mitre.

Vaia, dende aquí, esta pequena homenaxe no día no que se alcanzaría o seu cento cinco natalicio.

Ars dedicandi: Ramón Otero Pedrayo

ars_dedicandi_otero_ocv

O 5 de marzo de 1888 nacía en Ourense, no segundo andar do edificio que hoxe leva o número 25 da rúa da Paz, Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca por antonomasia e unha das figuras claves da Historia da Literatura Galega do pasado século.

Otero Pedrayo foi un autor serodio. El mesmo dicía de si que botara corenta anos lendo e aprendendo para despois saber que escribir. Non cabe dúbida de que, cando se aplicou á letra, recuperou o tempo, pois a súa produción é oceánica.

Recupero aquí unha súa dedicatoria a Antonio Couceiro Freijomil, autor amigo, da súa mesma quinta, compañeiro de angueiras no SEG e, aínda que eumés, vencellado á súa Auria natal, pois no tempo no que foi escrita atopábase naquela cidade exercendo como Inspector de Ensino, cargo moi cobizado e respectado, o que explica a deferencia coa que o señor de Trasalba o trata, sendo como era el mesmo daquela catedrático do instituto da súa cidade.

De por parte, a dedicatoria figura nunha obra fundamental dentro da bibliografía oteriana, nada menos que o volume primeiro da triloxía Os camiños da vida, que apareceu en 1928 na mítica Editorial Nós de Ánxel Casal, entón aínda radicada na cidade da Coruña. Con Os señores da Terra Otero principiaba a saga dos Doncos e os Puga, que había de explicar, xa por sempre, o convulso e cambiante tempo que trouxo consigo o ascenso da burguesía e a caída da vella fidalguía galega.